22/03/2012

Mariña Patrimonio informa dun novo xácigo arqueolóxico na mariña lucense

MariñaPatrimonio
22/03/2012
A Mariña

O pasado mes de novembro MariñaPatrimonio comunicou ao Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia sobre a existencia dun novo xacemento arqueolóxico situado a 300 metros do casco urbano de Foz, no lugar do Carreiro, entre as praias de Llas e a Rapadoira.


Imaxe aérea do castro costeiro do Carreiro en Foz (FOTO: mrpatrimonio)

Trala súa inspección polos arqueólogos de Patrimonio, foi incluída no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos da Dirección Xeral de Patrimonio coa clave GA27019021 e coa denominación Xacemento O Carreiro- Marzán.

O Servizo de Patrimonio non especifica o período histórico nin de que tipo de xacemento se trata. MariñaPatrimonio opina que hai indicios suficientes para consideralo un castro costeiro. A cerámica atopada no lugar, as estruturas que se atopan á vista e a súa morfoloxía gardan unha gran similitude con outros castros costeiros de Foz e da Mariña. O que diferenza este asentamento é a súa complexidade e o seu gran tamaño.

Detalle dos materiais que conforman os muros do castro (FOTO: mrpatrimonio)

A meirande parte dos castros costeiros aséntanse sobre unha soa península, aínda que se coñecen algúns que ocupan máis terreo e máis dunha península, tales como o de Cangas (Foz) e o de San Tirso (Xove).

O castro do Carreiro esténdese por catro penínsulas cunha extensión de aproximadamente 6 hectáreas, o que o converte nun dos castros costeiros máis grandes da Mariña.

As defensas neste tipo de xacementos, situados no istmo da península, consisten nun sistema de foxos e parapetos que aíllan e protexen o poboado castrexo. Na península máis ao oeste do asentamento do Carreiro obsérvanse tres foxos picados na rocha, na actualidade recheos e tapiados pola construción do paseo marítimo.

Foxo escavado na rocha hoxe soterrado polo paseo marítimo (FOTO: mrpatrimonio)

Na península máis ao leste atópase unha finca estreita e alongada cun forte desnivel, que podería ser parte do foxo e parapeto.

Nas fotos aéreas do "voo americano do 56-57" aprécianse estes foxos e os parapetos; hoxe, lamentablemente, case desaparecidos baixo a estrada que vai de Llas á Rapadoira.

Foto aérea na que se aprecian en vermello varios foxos e parapetos (FOTO: mrpatrimonio)

Na zona dos cantís pódense ver varios muros das cabanas do castro, muíños e cerámica común de tradición indíxena. Tamén se atopan numerosos fragmentos de cerámica construtiva con armazón vexetal, vinculada con fornos posiblemente de actividade metalúrxica. Neste castro hai unha mina, disque de ouro, que foi tapada no ano 1994 ao construír o paseo marítimo.

A tradición oral cóntanos da existencia dunha cova no Pico do Castro de Foz a un quilómetro do Carreiro. Esta furada tería dúas saídas, unha iría ata o Cu do Castro (castro de Llas) e outra ata O Carreiro.

Muíño encastrado nun dos muros do castro (FOTO: mrpatrimonio)

A estrada Llas- Rapadoira destruíu unha boa parte do sistema defensivo, a construción do paseo marítimo tamén lle afectou negativamente e sobre o xacemento levantáronse catro vivendas unifamiliares; malia todo isto, O Carreiro mantén moitas hectáreas, presumiblemente intactas, que deben ser protexidas porque a protección e unha adecuada xestión do noso patrimonio supón unha riqueza cultural que atrae o turismo e, en consecuencia, reporta beneficios económicos.

Lei de Costas ? (FOTO: mrpatrimonio)




Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.