09/09/2011

Pintadas na inscrición do Monte Pindo


Onte anoitecímonos coa nova dun recente acto vandálico contra un dos máis curiosos exemplos histórico-etnográficos do noso Patrimonio; unha inscrición feita na Idade Media na que se excomulgaba, non a unha persoa, senón a un Monte, curioso feito ao que fai anos Fernando Alonso Romero -un dos nosos etnógrafos de cabeceira- lle adicara parte dun interesante artigo titulado "Sobre o folklore da Casa Xoana nos Montes do Pindo", tentando ver como se chegara e porque a tan peculiar medida. Confeso que o que esto escreve cada vez entende menos actos deste tipo, e iso que teño visto xa algunha igrexa medieval con grafiti en pleno lenzo de muro. Mais eu sigo sen entender este cóctel de incividade, ignorancia e "exibicionismo" mesturado co noso patrimonio que ben merecería un estudo sociolóxico ou psico-patolóxico ao respeito.

Trascribímosvos aqui abaixo parte da denuncia pública sobre estas pintadas feita na web da Asociación Monte Pindo Parque Natural :


Atacan con pintura á excomuñón de Penafiel

"O momento que tanto temiamos, pois a impunidade con que actúan estes terroristas ambientais é absoluta, chegou. Un dos restos arqueolóxicos máis importantes do Monte Pindo e de Galicia, a inscrición do pico do Penafiel, foi salvaxemente vandalizada con esprai, provocando uns danos que poden ser irreversibles, á espera de valoración do sucedido polos expertos".

O lamentable feito descubriuno a Asociación Monte Pindo Parque Natural, nunha prolongada visita ao monte feita este domingo en compaña de, entre outros, Manuel Gago, xornalista [...]. O obxecto da visita era, precisamente, seguir investigando sobre a historia e os restos arqueolóxicos do Monte Pindo, o que nos levou como non podía ser doutro xeito ao Penafiel, onde puidemos descubrir esta aberración de recente factura
A inscrición foi ordenada no ano 1130 polo arcebispo Xelmírez, excomulgando todo o lugar (existe diverxencia de opinións na comunidade científica sobre a que tipo de castelo se refire), o que supón un caso único en Galicia de excomuñón dun lugar físico e por tanto a toda persoa que entrara nel, debido a que toda a zona fora un importante lugar de conspiracións políticas da época. A tradución máis aceptada é a seguinte: "REIS BISPOS PRESBÍTEROS TODOS POR PODERES RECIBIDOS DE DEUS EXCOMULGARON AQUÍ ESTE CASTELO".


Despois de case mil anos atestiguando a realidade inmutable de toda a zona, a inscrición xace hoxe baixo unha mesta capa de pintura vermella provocada por algún desaprensivo dos moitos que seguen actuando con total impunidade, saboteando pedras e restos arqueolóxicos con todo tipo de pintadas. Neste caso, o atentado pode responder á autoría dunha persoa alcumada "Rojo", dado que nas proximidades da incrición de Penafiel apareceu esa sinatura co mesmo tipo de pintura usada na vandalización da excomuñón.

"Agradecemos que toda información que nos poida axudar a identificar esta persoa se nos envíe a info@montepindo.org. A Asociación Monte Pindo vai informar do suceso ao SEPRONA e á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, agardando que sobre o responsable deste ataque recaia todo o peso da lei".

Como dixen unha vez actos deste tipo nos definen -por desgraza- coma País, a través do noso grande "fracaso" á hora de educar(nos) e concienciar sobre o que é -e nos fai- o que somos.


Ir á nova no blog de: MontePindo Parque Natural

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.