20/03/2012

Achados restos prehistóricos nas obras da autovía en Baio

La Voz de Galicia
11/03/2012
Carballo

Restos arqueolóxicos de máis de catro mil anos de antigüidade foron descubertos recentemente en plena obra da autovía da Costa da Morte, entre Carballo e Berdoias. En concreto, apareceron nos traballos previos á construción o que parecen evidencias dun asentamento prehistórico.

Á espera dun estudo máis detallado que se está elaborando (e que analizará a Dirección Xeral de Patrimonio), correspondería a un poboado situado nun período entre o Calcolítico (ou Idade de Cobre) ata a Idade de Bronce. Cronoloxicamente, entre finais do cuarto e inicios do segundo milenio antes de Cristo.

Este asentamento atópase na zona coñecida como O Valouco, na parroquia de Baio (non lonxe da igrexa vella e cara ao oeste), do que xa constaba a existencia dunha mámoa, tanto no plan urbano do Concello de Zas como na documentación avaliada a principios do 2009 pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental para o desdobre da vía entre Zas e Vimianzo, nunha distancia de 16,46 quilómetros, resolvendo que non era necesaria unha declaración de impacto ambiental.


Logo das análises realizadas desde o mes de outubro por un equipo de arqueólogos houbo varios achádegos. Destaca, segundo a información proporcionada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a localización de once fondos de cabana (só a pegada, sen estrutura) de varias tipoloxías e dimensións, ademais de nove gabias lonxitudinais «de dubidosa adscrición, tanto cultural como cronolóxica, e funcionalidade». Tamén apareceron 27 fosas circulares ou ovaladas dispersas, 35 buracos de poste, unha estrutura de combustión, un fogar e unha estrutura indeterminada, formada por grandes lajas graníticas.

O material arqueolóxico recuperado nestes traballos «é reducido», con 62 pezas cerámicas e 21 líticas (pedras).

Os traballos de escavación arqueolóxica realizados ata o momento consistiron no rexistro, documentación e escavación das estruturas de Valouco, nunha área situada entre os puntos quilométrico 0,240 e 0,480 (desdobre de Baio a Vimianzo), abarcando unha superficie aproximada de 11.650 metros cadrados, algo que permitiu «coñecer a estratigrafía e potencialidade arqueolóxica do subsolo», indican os arqueólogos no informe remitido á Consellería de Medio Ambiente.

Valoración realizada
Os expertos engaden: «Á vista dos resultados obtidos, desde o punto de vista patrimonial consideramos que o xacemento de Valouco foi o suficientemente valorado tras escavar, rexistrado e documentado en planta todas as estruturas arqueolóxicas localizadas na área de ocupación». Mentres se elabore o informe arqueolóxico, o arqueólogos manteñen «a cautela» sobre a superficie indicada.

Os arqueólogos recuperaron 62 pezas cerámicas e 22 líticas, entre outros achádegos.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.