18/09/2013
Lalín
A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de corroborar a existencia de danos en tres mámoas do conxunto megalítico das Seixas, na parroquia lalinense de Val do Carrio. Técnicos do departamento autonómico visitaron a zona semanas atrás e comprobaron que "hai afección" a tres túmulos "por vías diferentes". O proceso podería finalizar coa imposición dunha sanción aos responsábeis da roturación do monte, pero antes avaliaranse polo miudo os efectos nos elementos patrimoniais.
Dende a Consellaría de Cultura, que abriu un proceso sancionador, elúdese concretar a contía dunha posible multa. Os seus técnicos analisan tanto os efectos nas mámoas como as medidas de restitución do patrimonio que se deben levar a cabo en función do alcance dos danos. De xeito paralelo, "estase determinando a imposición dunha posíbel sanción". En calquera caso, dende a dirección xeral insisten en que é cedo para pronunciarse con máis detalle: "Estase estudando o caso", limítanse a sinalar.
Patrimonio Cultural abriu dilixencias a finais de xullo pasado polos danos detectados uns días antes por un particular na necrópole das Seixas. Técnicos da súa delegación territorial visitaron a zona logo de seren alertados polo Concello de Lalín, que, previamente, enviara un traballador municipal ao lugar dos feitos para corroborar a veracidade da denuncia presentada por un veciño. Inspeccionou a zona e elaborou un informe, que remitiu á xunta, dando conta dos danos.
No conxunto arqueolóxico das Seixas, próximo á explotación mineira do Carrio, hai tres mámoas catalogadas tanto pola Consellaría de Cultura como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Lalín. As tres resultaron afectadas polos traballos de roturación e a posterior sementeira de cereal levados a cabo no monte durante a pasada primavera. O túmulo de maior tamaño, e tamén o máis visible, quedou preservado, se ben a roturación invadiu a súa área de protección e chegou ata a súa base. Outra mámoa, emprazada no medio, foi arada en profundidade, como amosan varias pedras levantadas, entre as que figura unha lousa que podería formar parte do dolme soterrado. O terceiro túmulo, o emprazado máis ao oeste, foi afectado en menor medida, pois sitúase no límite do terreo roturado.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.