Mostrando postagens com marcador arrieiros. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador arrieiros. Mostrar todas as postagens

21/03/2013

Aberto o prazo de inscrición para participar no IV roteiro cultural polo Camiño dos Arrieiros

ahoradosmouros.blogspot.com
21/03/2013
As Pontes

A Plataforma na Defensa do Patrimonio de As Pontes e a Liga Céltiga Galaica veñen de anunciar a IV edición do roteiro cultural polo Camiño dos Arrieiros que organizan anualmente e que este ano como novidade realizarase en tres etapas, co fin de reducir a súa dificultade e fomentar unha maior participación.


O Camiño dos Arrieiros ou Camiño Grande discorre ao longo duns 50 qm. unindo As Pontes co porto de Bares en Mañón. Esta vía tense empregado dende a Prehistoria como canle de comunicación comercial, constituíndo unhas das rotas principais de relación entre os pobos do noroeste peninsular, das illas británicas e da península armoricán. A vía recibe o nome dos chamados arrieiros, que durante séculos transportaron todo tipo de mercadorías ao lombo de mulas e cabalos.

Máis de 80 mámoas e un círculo lítico emprazados nas serras da Faladoira e A Coriscada, sinalan o camiño dende As Pontes a Bares. Estas construcións funerarias da Prehistoria forman xunto con pedrafitas e cruces de pedra unha unidade patrimonial de especial interese, que fan do Camiño dos Arrieiros un dos activos culturais máis importantes do territorio.

Un itinerario no que desfrutar tamén da natureza, así como dalgunhas especies protexidas como a Erica tetralix, presente en zonas enchoupadas ás que acoden a beber os centos de cabalos que viven en réxime de semiliberdade polas serras. Lendas de mouros e encantos asociados ao camiño que foron transmitidas durante xeracións de pais a fillos e que manteñen viva a lembranza dos pobos que habitaron noutro tempo este territorio.

Sábado 13 de abril
A primeira etapa do roteiro cultural terá lugar o vindeiro sábado 13 de abril, nun treito duns 20 quilómetros, que levará aos participantes a coñecer algunha das necrópoles máis interesante do camiño, así como o Círculo Lítico do Bidueiral, unha construción circular de pedra asociada a un conxunto tumular na parroquia pontesa de Somede.

Círculo lítico do Bidueiral en Somede (As Pontes)

Dende a organización recomendan levar xantar para o mediodía e auga para o camiño, así como roupa axeitada para andar polo monte (roupa de augas, gorro e botas de montaña), protección solar e cámara fotográfica. A saída será ás 10 da mañá diante do Museo Etnográfico Monte Caxado (As Pontes). O xantar está previsto que se realice na antiga escola de Somede, cedida pola Asociación de Veciños "As Fervenzas de Somede" para tal fin. Habilitaranse vehículos para a volta dende O Freixo ata As Pontes, prevista para ás 19:00 do serán.

Inscricións e máis información
Todas as persoas interesadas en participar na actividade poderanse inscribir antes do día 12 na seguinte ligazón: INSCRICIÓNS. Colaboran a Asociación Informática Amigus, a Asociación de Veciños "As Fervenzas de Somede" e o Concello de As Pontes.

Para obter máis información sobre o camiño podedes visitar a web www.arrieiros.com


30/11/2012

IV XORNADAS MOURAS





15 de decembro a partir das 10 da mañá

Lugar: Salón de Actos da Casa Dopeso
Rúa Rosalía de Castro, 28 – As Pontes de García Rodríguez (A Coruña)


As Xornadas Mouras queren ser unha fiestra aberta á actualidade do noso patrimonio cultural. Un punto de encontro entre todas as persoas que dun xeito ou outro senten o patrimonio como algo propio, como algo noso. Unha oportunidade para descubrir o noso territorio: as estruturas, os espazos, os documentos, as tradicións, ... Tamén para coñecer proxectos senlleiros de recuperación e posta en valor.

En definitiva, unha xornada para coñecernos e compartir ideas, proxectos e iniciativas que poden axudar a pór en valor o legado dos nosos devanceiros.

Data límite de inscrición: xoves 13 de decembro


Programa

Xosé Lois Armada Pita: Maciñeira revisitado. O porto de Bares, As Pontes
 e O Camiño dos Arrieiros

Patricia Mañana Borrazás: Os túmulos 4 e 5 de Forno dos Mouros (Ortigueira,
 A Coruña). Dos resultados das intervencións ata a musealización do sitio

Felipe Senén López Gómez: Arqueoloxía dos camiños en Galiza



+INFO e inscripción en:   Xornadas Mouras 2012

10/05/2012

Mañá remata o prazo para inscribirse no Roteiro Cultural Camiño dos Arrieiros



ahoradosmouros 
10/05/2012
Redacción

O vindeiro sábado día 12 celebrarase a segunda etapa do Roteiro Cultural Camiño dos Arrieiros, que vai xa pola súa terceira edición. A actividade, organizada pola Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes e a Liga Céltiga Galaica, pretende dar a coñecer esta vía empregada desde a Prehistoria, que transcorre entre as localidades de As Pontes e Bares (Mañón) seguindo os altos das serras Faladoira e Coriscada. 

O camiño recibe o nome dos denominados "arrieiros" que carrexaban todo tipo de mercadorías por el, ao lombo de mulas e cabalos. Este camiño histórico foi estudado polo arqueólogo ortigueirés Federico Maciñeira, quen a finais do século XIX púxoo en relación coas máis de 80 mámoas, preto dunha ducia de cruces de pedra e varias pedrafitas, que o flanquean e delimitan. 

O inicio desta segunda etapa realizarase desde o Cristo de Mouraz ata o Porto de Bares. Haberá servizo de bus desde As Pontes, que sairá do Museo Etnográfico Monte Caxado ás 9:30 h. ata Mouraz. O regreso está previsto en torno ás oito do serán.  

As persoas que desexen participar no roteiro, teñen de prazo ata o venres para formular a súa inscrición na propia páxina da Asociación Informatica Amigus, entidade que xunto ao Concello das Pontes colabora na organización do roteiro cultural.



30/03/2012

Camiño dos Arrieiros 2012


Camiños dos Arrieiros - Roteiro cultural

  
Saida: 09'30 h diante do Museo Etnográfico Monte Caxado
Chegada: 19'00h


O Camiño dos Arrieiros ou Camiño Grande discorre ao longo duns 42 quilómetros, unindo As Pontes co porto de Vares. Este camiño tense empregado dende a Prehistoria como vía de intercambio comercial, constituíndo unha das rotas principais de comunicación entre os pobos do noroeste peninsular, das Illas Británicas e da península Armoricán. A vía recibe o nome dos chamados arrieiros, que durante séculos transportaron todo tipo de mercadorías ao lombo de mulas e cabalos.



Máis de 200 mámoas emprazadas nas serras da Faladoira e Coriscada, flanquean o camiño dende As Pontes a Vares. Estas construcións prehistóricas forman xunto coas pedrafitas e as cruces de pedra unha unidade patrimonial de especial interese, que fan do Camiño dos Arrieiros un dos activos culturais máis importantes do territorio.


Un itinerario no que desfrutar tamén da natureza, e dalgunhas especies protexidas como aErica tetralix, presente en zonas enchoupadas ás que acoden a beber os centos de cabalos que viven en réxime de semiliberdade polas serras.

Nesta ocasión realizaremos un primeiro treito duns 25 quilómetros, a través dos concellos das Pontes e Mañón.



Data límite de inscrición: 18 de abril.  Esperamosvos!


+INFO e inscripcións en:   Arrieiros 2012

12/07/2011

A Xunta financia a destrución do Patrimonio? ou do Outro "Camiño dos Arrieiros"

Ponte Anceu sobre o río Parada en Verducido

A seguinte histora amigos lectores mouros é un deses relatos verídicos que nestas datas estivais, agora que empezan as vacacións pero tamén as obras no noso país, nos sorprenden cunha periodicidade case semanal, hoxe un cruceiro, mañá un castro ou unha ponte, certamente non son o "Codex Calistinus" e non abren os telexornais pero son sen dúbida unha perda gotexante e sangante no noso patrimonio cultural, tan importante ou -cecais- máis por definitívamente irreparábel.

Unha perda porque non dici-lo, da nosa identidade, do que somos, pois a fin de contas somos polo que fomos, e por onde andamos. Cando aínda lembramos os últimos destrozos no noso Camiño "cara o mar" desde o "solar da tribo" -como dixera Maciñeira- tócanos aquí tocar a morto as campás por este outro "Camiño dos Arrieiros", que foi "suicidado" agora -unha vez máis?, canto máis?- con "axuda institucional".



Medio Rural paga a destrucción dunha vía histórica
As máquinas arrasan o centenario Camiño dos Arrieiros en A Lama

El País
11/07/2011
Víctor Honorato - A Lama

Pola parroquia de San Martiño de Verducido, na Lama, discorre un tramo dun quilómetro do "Camiño dos Arrieiros", unha ruta centenaria entre Ribadavia e Pontevedra que durante séculos foi utilizada como vía de comunicación para o transporte de viño á costa e de produtos do mar ao interior. Os muros de mamposteiría permanecen en pé e na superficie do camiño aínda se conserva parte do lousado de pedra polo que tradicionalmente transitaban as bestas de carga, nunha contorna de bosque de río onde o carballo autóctono aínda resiste o empuxe do eucalipto. Nos últimos anos a ruta rehabilitouse para o sendeirismo ao seu paso por Forzáns, na limítrofe Ponte Caldelas, e mesmo forma parte dos plans de estudo do instituto local para ilustrar aos escolares sobre etnografía da comarca.

Pero non na Lama. Nesta pequena localidade de 3.000 habitantes no interior da provincia pontevedresa, o alcalde Jorge Canda (PP) inaugurou o seu cuarto mandato mandando asfaltar "unha pista" co obxectivo declarado de dar acceso rodado a dúas vivendas. Unha está en ruínas, a outra en estado de semiabandono, e ademais a estrada provincial, co firme en perfecto estado, discorre case paralela. Non importou; desde a semana pasada, as pas esnaquizan muros e as serras cortan carballos, e onde antes había un camiño agora hai unha pista de terra.

"É unha auténtica aberración", lamenta Martín Rubianes, presidente da Comunidade de Montes de *Verducido, que achaca a medida á "pura ignorancia" dos responsables municipais. "Onde están Patrimonio e Medio Rural?", quéixase. Á aparente falta de supervisión do Goberno autónomo engádeselle neste caso a implicación directa do departamento de Samuel Juárez, que financia o expranado con case 45.000 euros do seu Programa Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural (Peim), deseñado segundo a consellería para "dinamizar a base produtiva e fixar á poboación no ámbito rural, co fin de dignificar e mellorar a súa calidade de vida".

As vantaxes de cargarse unha vía histórica descrita xa no século XVII polo pai Sarmiento escápanselle a Anxo Bravo, enxeñeiro técnico agrícola, veciño desde hai dous anos de*Forzáns e en contacto con colectivos ecoloxistas e de estudos etnográficos. Bravo teme que a actividade das máquinas se estenda desde Verducido á súa parroquia. Indica ademais que o chan polo que discorre o camiño é rústico de protección forestal na maior parte do seu percorrido.

Nos lindes da pista en que se converteu a senda estaban amontoados este fin de semana decenas de carballos e cascotes de pedra, pero xa fora retirado o toro dun carballo centenario, dun metro de diámetro, que se tallou sen miramentos. Semellante actuación choca con iniciativas recentes sobre a ruta. A mancomunidade Terras de Pontevedra, que engloba a varios municipios da comarca, puxo en marcha en 2009 un programa turístico baseado precisamente no "Camiño dos Arrieiros", no que puxeron de acordo a 40 comercios, restaurantes e hoteis para aproveitar o tirón da ruta. O plan, financiado con fondos europeos, incluíu un folleto de 60 páxinas con mapa e descrición do itinerario. A sinalización aínda permanece ante o inicio do camiño, e un panel xunto á igrexa de San Martiño explica aos visitantes a historia dos arrieros en Verducido.

O Ministerio de Medio Ambiente puxo un millón de euros en 2006 para rehabilitar unha vía similar no Carballiño, no marco da Rede de Camiños Naturais que impulsou por toda España. No caso de Verducido, pola contra, o Estado tamén vai colaborar coa desfeita, segundo o alcalde. Leste declarou a semana pasada ao Diario de Pontevedra que está á espera dunha axuda do Goberno central que aumente o financiamento a 90.000 euros. Até entón, avisa, non asfaltará. Tamén aseguraba que os veciños están de acordo coa obra e cederon os terreos.

"Non é a primeira vez que o alcalde fai algo parecido. Hai algúns anos mandou botar formigón na ponte de Liñares, construído a finais do século XVIII, lembra Rubianes. Si se estraña do proceder da Xunta. "É absurdo, a consellería investiu un diñeiro moi importante para a recuperación das carballeiras e agora financia isto. É unha mágoa que as Administracións tiren o diñeiro así