21/03/2013
As Pontes
A Plataforma na Defensa do Patrimonio de As Pontes e a Liga Céltiga Galaica veñen de anunciar a IV edición do roteiro cultural polo Camiño dos Arrieiros que organizan anualmente e que este ano como novidade realizarase en tres etapas, co fin de reducir a súa dificultade e fomentar unha maior participación.
O Camiño dos Arrieiros ou Camiño Grande discorre ao longo duns 50 qm. unindo As Pontes co porto de Bares en Mañón. Esta vía tense empregado dende a Prehistoria como canle de comunicación comercial, constituíndo unhas das rotas principais de relación entre os pobos do noroeste peninsular, das illas británicas e da península armoricán. A vía recibe o nome dos chamados arrieiros, que durante séculos transportaron todo tipo de mercadorías ao lombo de mulas e cabalos.
Máis de 80 mámoas e un círculo lítico emprazados nas serras da Faladoira e A Coriscada, sinalan o camiño dende As Pontes a Bares. Estas construcións funerarias da Prehistoria forman xunto con pedrafitas e cruces de pedra unha unidade patrimonial de especial interese, que fan do Camiño dos Arrieiros un dos activos culturais máis importantes do territorio.
Un itinerario no que desfrutar tamén da natureza, así como dalgunhas especies protexidas como a Erica tetralix, presente en zonas enchoupadas ás que acoden a beber os centos de cabalos que viven en réxime de semiliberdade polas serras. Lendas de mouros e encantos asociados ao camiño que foron transmitidas durante xeracións de pais a fillos e que manteñen viva a lembranza dos pobos que habitaron noutro tempo este territorio.
Sábado 13 de abril
A primeira etapa do roteiro cultural terá lugar o vindeiro sábado 13 de abril, nun treito duns 20 quilómetros, que levará aos participantes a coñecer algunha das necrópoles máis interesante do camiño, así como o Círculo Lítico do Bidueiral, unha construción circular de pedra asociada a un conxunto tumular na parroquia pontesa de Somede.
Círculo lítico do Bidueiral en Somede (As Pontes)
Dende a organización recomendan levar xantar para o mediodía e auga para o camiño, así como roupa axeitada para andar polo monte (roupa de augas, gorro e botas de montaña), protección solar e cámara fotográfica. A saída será ás 10 da mañá diante do Museo Etnográfico Monte Caxado (As Pontes). O xantar está previsto que se realice na antiga escola de Somede, cedida pola Asociación de Veciños "As Fervenzas de Somede" para tal fin. Habilitaranse vehículos para a volta dende O Freixo ata As Pontes, prevista para ás 19:00 do serán.
Inscricións e máis información
Todas as persoas interesadas en participar na actividade poderanse inscribir antes do día 12 na seguinte ligazón: INSCRICIÓNS. Colaboran a Asociación Informática Amigus, a Asociación de Veciños "As Fervenzas de Somede" e o Concello de As Pontes.
Eu xa me apuntei :)
ResponderExcluirEl círculo lítico de As Pontes es el único de su tipo del que hay constancia en Galicia. Pena que como pasa con el resto del patrimonio arqueológico gallego, a las autoridades les importe un bledo su conservación y puesta en valor. Felicidades por tu blog. Por si te interesa echarle un vistazo te invito a visitar mi blog (oestrymnio.blogspot.com.es). Un saludo.
ResponderExcluirEste comentário foi removido por um administrador do blog.
ResponderExcluir