22/05/2012

A cultura espectáculo e a poscultura



La Opinión de A Coruña
20/05/2012
Felipe Senén López Gómez


Tempos posmodernos, nos que predomina a busca da satisfacción persoal, de retórica banal, nos que se dilapidan os herdos clásicos da cultura, da tradición da identidade ou distinción dos pobos fronte á mundialización. Campa o fácil, o pelotazo e o que máis dea, o que non produza demasiado traballo nin requira concentración mental entre tanto disparatado divertimento. Acontece entón un xeito de macdonalización global. Todo se entende como unha transación comercial, tamén a cultura. Prodúcese e véndese o fácil pra beneficio duns poucos business. Impera o conformismo e a autosatisfación no galiñeiro. Nova relixión do consumo, novo opio do pobo. Desaparece a intimidade, pra facer de nós adictos, pasivos e consumistas voyeurs das desgrazas, das traizóns e mesmo do eros alleo. 


E o intelectual chega a seguir o xogo da moda, disfrázase deica converterse nun xeito de bufón de cerimonias, as que tenta colorear dun progresismo que non encaixa. Non se prestan e xa non se conta con eses outros intelectuais, cos que viven na cerna do acontecer, ténselle medo. Como dixo o sabio poeta Antonio Machado, todo necio segue a confundir o valor co prezo. Mundo de festa e feira, de teatreiros embusteiros que viven encadeados a unha novidade alleante. Pérdese memoria, conciencia e consecuentemente chegan os remorsos e os efectos, a crise global de valores. 

A cultura é a que maior apanda e sofre a crise, fronte a abundancia de creadores que procuran ser e estar en todo evento, desaparecen librerías, editores, correctores, imprentas, distribuidores... augúrase a desaparición do libro de papel, fronte ó libro pantalla que tanto din que promete pra a democratización. Pese ó que importa non é a carcasa se non o contido e haber hainos. Os intelectuais, que se adscriben ao que agora chaman na linguaxe empresarial "axentes culturais", buscan con teimosía o éxito comercial e polo tanto a produción industrial e si non teñen amigos no poder vense frustrados. Caemos na banalización mesturada de robotización, deshumanización, a perda da ética, as causas da crise. Aínda que tamén existe a resistencia, os movementos da poscultura, os que son máis de ideas e constancia que rutineira pirotecnia de pancarta e panfleto, fronte a iso que se atreven a chamar progreso e que reporta tan alto e irreparable prezo de destrución da natureza, da ecoloxía, da convivencia entre a paisanaxe e a paisaxe, incluso escravizando, relegando ás canteiras, marcando máis as desigualdades entre a xente e os países. 

Novos inventos, conseguintemente cambios: imponse a electrónica, o impulso dixital e contaxia á mesma sintaxe dos contidos, nos que campa a liberdade e se aldraxa a gramática e toda norma. Mudan os códigos e a educación. Non temos máis que ler os SMS, as mensaxes das redes sociais internáuticas. Polos programas televisivos ben podemos comprobar até onde chega esa espiral de dar o que se pide, estrema banalización campante. "Progreso" que puidera retomar camiños, cumprir o importante papel da sensibilización, de afinar os sentidos, de educar para convivir e compartir, de combater a ignorancia. Para pola contra dedicar este esforzo tecnolóxico en ludopatía, en diversión das masas, ou en chanzas esotéricas de corporacións dalgúns que outros intelectuais. Para finalmente caer todos nas redes da alienación. Desaparece un tipo de goce e aparece outro coa conseguinte tecno-harmonía de fondo e forma. "O medio xera mensaxe", dicía McLuhan e non o esquecemos. Tempos light que xeran fugacidade light, a volatilidade dunha inmensa tipoloxía light. Desaparece a literatura con fondura, que estimula os sentidos e enriquece a cultura. Queda quizais a nota pintoresca e nostálxica dalgún bardo céltico ou romántico desnortado da febre do acontecer tanxendo a arpa na súa turris eburnea, leal á disciplina militante, propagandística de construír pobo, espreguizando a memoria do que se foi, para seguir sendo. 

As novas tecnoloxías da comunicación, da evolución informática forman parte de nós. A intelixencia artificial de internet vaise incorporando, como unha mesma prolongación do noso corpo, do cerebro, para enciclopedicamente respostar a preguntas, meternos nuns mundos, adicionarnos a outros. Ábrense novas estradas da comunicación, novas trampas, novos virus e antivirus. Atoutiñando entre tanta lucería e láser cegador, batemos na encrucillada e na feira da vida con pícaros, piratas, truáns, enganos... 

Periodistas e paparazzis a pé do acontecer para subministrar consumo. Insaciables buscamos e atopamos diversións fortes, que inmediatamente entran na intimidade da casa a través dos plasmas e despreocupan e ocupan tempo. Espállanse as traxedias artificiais que acontecen, as naturais xa veñen por elas soias nunha ou noutra parte do mundo, faise espectáculo de todo, da propia catástrofe económica. Abundan as consignas de pancarta e os manifestos impresos, búscase e créase adición. A cultura, as humanidades, co que implican de ética e estética travístense en cerimoniosa pompa de días e horas de gardar. Actividade animada polo lucro, que actúa como baremo, a medida do fracaso ou do éxito, encamiñado esencialmente á satisfacción material. 

Tempos de crise global, fondamente cultural, sen ética detrás e conseguintemente sen estética. Tempos propensos á muda, apropiados pra reconducir as ansias de espectáculo, pra reorientarse, pra fender coa rutina seguidista do aplaudidor, ser actores e menos espectadores, quitar o casco e o pínganolo, recuperar o esforzo de ler, falar, cavilar, enxergar, filosofar, aínda que xa temos moi danada a mecánica e o hábito. 

E velaí, pese ós prexuízos que poidamos ofrecer sobre o seu autor, considerado pouco progre, pero recoñecido como ousado e gran escritor, cae nas nosas mans o ensaio La civilización del Espectáculo, obra recente do controvertido conservador libertario Mario Vargas Llosa. Volta ou non volta retoma vellas cuestións do papel da cultura, para situarse nun cómodo observatorio sobre o ben e o mal, pra debuxar unha radiografía sobre esta nosa contemporaneidade en striptease. Analiza a destra e sinistra, por arriba e por abaixo a metamorfose da cultura, que pasa de ser un ben de uso a mercantilizarse no consumo, alimentada por unha crecente e perversa curiosidade. Novo ensaio sobre cousas xa ditas, pequena enciclopedia sobre o provocador acontecer: a cultura, o consumo as novas tecnoloxías, a Igrexa, o islamismo, o "opio do pobo".... Novos mitos, novos ritos do consumo, escribía hai décadas Guillo Dorfles, arredor da relación ética-estética. Páxinas que ansían buscar o misterio, a espiritualidade, na que acougan valores tan inspiradores, como o amor, o erotismo, a arte, a amizade, o sacro, a moral.... as caras das relixións e os seus mandamentos incumpridos. Páxinas sobre o uso e o abuso da democracia, da liberdade e do libertinaxe, do papel do intelectual e dos creadores. Ao menos reflexións necesarias para un tempo de controversia e con tendencias amarelistas, de distracción e alleizazón dos verdadeiros problemas, no que todo se enmarca, ponse en escena e faise exhibición, un happening. 

A sociedade deconstructivista do consumo, do compra, tira e volta a mercar, deforma a un público superficial que chega a facerse depravado pola necidade. Vívese prendido da novidade, do bufoneo dos famosos, ó que chegan a converterse os intelectuais, os artistas, os políticos, malos actores da farsa dunha vida pública que se contaxia á privada. Priman as imaxes, o xesto e a forma, a superficialidade, a carcasa sobre as ideas, o sepulcro branqueado. Todo acaba sendo publicidade para subministrar á instintiva e primitiva horda animal racional. 

A cultura, a ciencia coa conciencia será a que libera ó ser humano da superstición, especialmente de relixións de pasado e de consumo. Pero remata por desviarse deica converterse en diversión do banal e do murmurio, espionaxe da intimidade, do escándalo, do sensacionalismo e voltamos ó pan e circo da caída do imperio romano. Aculturación e degradación, crise de identidade, anomia, despersonalización. 

Coa ansia única de ser, todo acaba sendo atractiva ou provocadora performance, liturxia para mediaticamente ocupar páxinas, pantalla e tempo, share, trending topic... que tanto preocupan ós actores. Aparvados, a maioría funcionamos como adictos alienados, buscando o fácil, contribuíndo á cousificación , á banalización. Convertemos en transación mercantil un mundo que se reduce a pantalla ou gran escenario do acontecer. O asunto é divertir e divertirse, lonxe de martirizarse con máis problemas e con cousas serias. Abondan as satrapías de egos cultivados por natureza, insatisfeitos, listos endomingados, sometidos á mecánica de producir para consumir, para saciar o morbo, a curiosidade frívola e perversa dos consumidores do espectáculo. Ansiosos de ser best seller, o number one, en función da cantidade e non da calidade. 

A cultura e a ciencia son para ocupar baleiros que noutrora ocupaba a relixión e nunca para converterse en liturxia e noutra relixión. É entón a cultura a que debe influír sobre a política e retomar a espiral da educación, da convivencia en tolerancia e democracia, preservando a liberdade, sempre coutada por normas de convivencia. Control da tendencia ludópata á que conducen o poder e os cartos. 

Mundo que seguimos a construír como si se tratase dun cómic infantil, batendo récords de altura, de peso, de grandeza, bipolarizado entre bos e malos, entre fieis e infieis, Cruzadas e Hiyab: o Occidente corrupto, identificado con todas as gamas do cristianismo, máis integristas, agnósticas e laicas, fronte o Oriente, tamén coas súas outras gamas da islamización, máis fanáticas, na algarabía dunha nova toma do Bizancio da contemporaneidade, comprando ós mellores arquitectos, deseñadores, obras de arte... para construír paraísos nos desertos de Dubái, Abu Dabi... os pecados capitais campando urbi et orbi


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.