23/10/2012
Diante do anuncio da aprobación do goberno municipal do PP de licenza urbanística para a apertura do centro de interpretación dos petróglifos de Mogor temos que salientar que a maioría do patrimonio arqueolóxico marinense está abandonado e parte del desprotexido polas mesmas administracións que por convenio proxectaron o mesmo centro, a Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Patrimonio e o propio Concello.
A aprobación da licenza deste centro, que non podemos deixar de cualificar como interesada e electoralista en plena campaña electoral, foi feita sobre un proxecto elaborado polos anteriores gobernos bipartitos autonómico e municipal do BNG-PSOE, que intenta ocultar unha situación real moi distinta.
Os petróglifos de Mogor son os únicos postos en valor dentro de máis dunha ducia de petróglifos da Idade do Bronce inventariados e catalogados como Ben de Interese Cultural (BIC) por todo o municipio (Mogor, Sete Espadas, Pornedo, A Carrasca, Champás, Pinal de Caeiro, Moreira, Penizas, Bosque do Cadro, Godalleira, Laxe da Eira dos Mouros, Laxe, Sete Camiños).
Sumados a estes estanse descubrindo máis ultimamente que están en proceso de valoración pola Dirección Xeral de Patrimonio para a súa posterior catalogación, feito que temos que denunciar se está a levar con demasiada lentitude e burocracia.
Grande parte deses petróglifos forman parte da paisaxe e do medio ambiente e natural no que están encravados, xeralmente en solo rústico de especial protección, incluído o propio patrimonial.
Non entanto, e ao contrario do que sucede co patrimonio cultural civil e relixioso, a grande maioría do patrimonio cultural arqueolóxico de fases históricas máis antigas (paleolítico, neolítico, calcolítico, Idade do Bronce, Idade do Ferro ata o Medievo) onde alén dos petróglifos estarían tamén representadas mámoas, asentamentos, castros, pedras fincadas e achados, está sendo na realidade desprotexido xa que de máis de 40 xacementos catalogados só houbo unha posta en valor de tres, a parte do xa citado dos petróglifos de Mogor, a do castro da Subidá e a da mámoa de Chan da Armada.
A maior parte dos petróglifos, que unha vez catalogados pasan a ter a maior figura de protección cultural autonómica, BIC, polo contrario a causa da falla da súa posta en valor e do abandono, rematan por unha parte ocultos pola vexetación e os movementos de terra facéndoos practicamente ilocalizables, ou pola outra, e a costa do seu descoñecemento xeral a nivel público, quedan expostos a calquera tipo de afección ou agresión pola actividade humana (forestal, construción de infraestruturas, motorización deportiva, …).
Un destes últimos casos sucedeu recentemente cando o propio Concello de Marín promoveu sen autorización da Dirección Xeral de Patrimonio unha proba de trial dentro da finca do Bosque do Cadro, onde existe un dos complexos rupestres inventariados e catalogados a nivel municipal.
Esa fase de abandono e desprotección do patrimonio arqueolóxico por parte das administracións competentes, en especial do Concello de Marín, tamén adoita estar relacionada coa especulación urbanística e o exemplo máis claro e evidente a nivel marinense témolo co proxecto de parque empresarial que o mesmo Concello propón para o Monte Pornedo, cunha afección severa ou crítica para a área de protección dos petróglifos do Pornedo e os Sete Camiños e a presenza de dous xacementos en proceso de catalogación, os da mámoa dos Sete Camiños e do Abrigo Rochoso de Catadoiro, máis a proximidade de conxunto de gravados rupestres de Piñeiral do Caeiro, Conxunto de gravados rupestres do Regato dos Buratos – Outeiro da Mina, Petróglifo da Cachada do Vello, Petróglifo de Pumariño, Complexo Rupestre da Carrasca, Complexo Rupestre de Champás, Mámoa de Cavada do Pito, que fan desta zona, lindante entre os concellos de Marín e Pontevedra, unha importante área arqueolóxica que motivou o deseño do “Proxecto de Creación do Espazo Natural e Arqueolóxico dos Sete Camiños”. A creación da citada área empresarial como parque loxístico Marín-Pontevedra hipotecaría as posibilidades dunha futura posta en valor desta zona como espazo arqueolóxico.
Ou o caso da pedra fincada megalítica de Currás, a única enteira das poucas atopadas ata agora en Galicia, tamén con presencia de gravados rupestres, que despois de ser afectada no ano 2003 polas obras da variante de Marín foi trasladada posteriormente do seu lugar orixinal ata unha finca particular, xacendo esquecida sen ningunha referencia nin posta en valor por parte da Dirección Xeral de Patrimonio.
Os dous primeiros exemplos do Bosque do Cadro e do Monte Pornedo con xacementos dentro do espazo natural dos Montes do Morrazo máis o da pedra fincada de Currás dan fiel reflexo da pouca preocupación da Xunta e da actitude mesmo neglixente por parte do Concello polo patrimonio arqueolóxico marinense.
O centro de interpretación dos petróglifos de Mogor só viría encubrir a situación real de desprotección e abandono do patrimonio no Concello de Marín, nuclearizando a posta en valor nunha mínima parte do mesmo, que aínda que importante, non pode deixar de lado ao resto do amplo, rico e variado patrimonio arqueolóxico.
É totalmente paradóxico que este centro vaia servir de interpretación museística dos petróglifos de Marín cando a maioría deles están na realidade abandonados e algúns incluso desaparecidos.
A construción dese centro de interpretación non deixou de ser unha pantalla virtual e turística que afectou a propia área de protección dos petróglifos de Mogor e que supuxo un desembolso de máis de 200.000 euros, aos que haberá que engadir mobiliario e mantenemento tras a súa posta en funcionamento.
A Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo demanda e esixe inversións pero nunha real e auténtica protección e posta en valor da totalidade do importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico do concello de Marín.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.