24/06/2011
Maré
Vanessa Olivieira. Santiago
"O Programa de Galego no Bierzo: unha carreira de obstáculos". É o título que encabeza a denuncia dos colectivos Fala Ceibe, a Asociación Berciana da Lingua "Xarmenta", a Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo e a Comisión Cultural Martín Sarmiento que acusan a varios centros de ensino, sobre todo de secundaria, de presionar aos pais e aos alumnos para que non se pida a materia de lingua galega.
Unha situación que se vén repetindo nos últimos anos e que está a provocar a redución do número de estudantes de galego en moitos centros do Bierzo. Así o asegura o mestre e coordinador do colectivo Fala Ceibe, Xabier Lago. "O Programa de Galego leva dez anos funcionando a duras penas. Non hai unanimidade nos centros de ensino porque hai profesorado que está en contra do galego. Pero os pais non se atreven a denunciar estas presións por medo a represalias", explica.
Este ano, Fala Ceibe recibiu queixas de que isto está a acontecer no instituto de Vilafranca do Beirzo. "Un profesor díxolles a varios pais e alumnos que se querían matricular que non pediran a materia de galego porque resulta moi difícil, que o seu estudo produce confusión para diferenciar entre o "b" ou o "v" á hora de aprender castelán e incluso que o programa de galego estaba a piques de desaparecer", apunta.
A isto engádese a falta de información sobre o Programa de Galego. "Nas webs dos centros non aparece nada sobre a información en lingua galega nin tampouco hai dípticos ou información nos sobres de matriculación sobre as posibilidades deste programa. O alumnado ten dereito a poder elixir", critica Lago.
"Cunha matrícula de 1.000 estudantes, non falta interese"
Esta situación está a provocar a redución da demanda escolar desta materia en galego, sobre todo, no paso de Primaria a Secundaria. "Non é por falta de interese. No presente curso, que xa está rematando, matriculáronse máis de mil alumnos. O que denunciamos son presións dos centros que non están dispostos a favorecer a implantación do galego, porque o consideran unha lingua menor que non merece ter espazo nos centros educativos de Secundaria", explica o coordinador de Fala Ceibe.
Ademais, denuncia que outros centros como o colexio de Vega de Valcarce non oferte a materia de galego por decisión da súa dirección. Para acabar con isto, Fala Ceibe vai remitirlles unha carta aos partidos políticos das Cortes de Castela e León, á Consejería de Educación da Junta, á Inspección de Educación de León ou ao Parlamento de Galicia na que reclaman que "a materia de lingua galega sexa de oferta obrigatoria para todos os centros escolares do Bierzo occidental" xa que só así "se lle poderá garantir ao alumnado a súa elección voluntaria polo estudo do galego".
Polo de agora, o colectivo está á espera de que a comunidade de Castela e León forme o seu goberno logo das eleccións, para remitirlle o escrito no que tamén reclaman que "se recoñeza o dereito do alumnado berciano a poder seguir os seus estudos en galego, de forma continuada, nos sucesivos niveis educativos, a saber, infantil, primaria, secundaria e bacharelato". Ademais, Fala Ceibe, tamén se dirixirá ao Procurador do Común de Castela e León para que "abra expediente informativo sobre as citadas denuncias nos centros de Vega de Valcarce e o instituto Padre Sarmiento de Vilafranca do Bierzo" e que comprobe se os os centros presentan "carencias á hora de informar adecuadamente sobre a oferta escolar da mataria de galego nas súas páxina web".
Comisión de Seguimento
"A Xunta de Galicia di que non ten competencias e a Junta, tampouco"
Xabier Lago lembra que existe unha Comisión de Seguimento do Programa de Promoción do Galego que se imparte no Bierzo dende 2002, formada pola Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León, que se reúne dúas veces ao ano para avaliar o cumprimento desta materia nos centros educativos. "Cando lle remitimos aos nosas denuncias, a Xunta de Galicia di que non ten competencias e a Junta tampouco", denuncia.
As esixencias de maior información que están a realizar estes colectivos do Bierzo están recollidas na cláusula 2.5 do Protocolo Xeral de Colaboración que ambas as administracións -a de Galicia e a de Castela e León- asinaron cando se creou o Programa de Galego. Este punto determina que se fomentará a creación dun foro web ou aula virtual para favorecer o mutuo coñecemento e intercambio de experiencias entre escolares". Porén, nada disto se cumpriu por parte da Consejería de Educación da Junta de Castela e León. É máis, o ensino do idioma galego no Bierzo ten un mandato legal no propio Estatuto de Autonomía de Castela e León. No seu artigo 5.3 indica que "goza de respecto e protección a lingua galega nos lugares en que habitualmente se utilice".
En opinión de Xabier Lago, a Dirección Provincial de Educación de Castela e León, que coordina este programa no Bierzo, mantén unha actitude "pasiva" que é "comprensible", en opinión do coordinador de Fala Ceibe, xa que é evidente que "non teñen moito interese en difundir o galego".
Segundo remarcan os catro colectivos, a aprendizaxe de galego só comporta vantaxes. "As primeiras xeracións de bercianos que remataron os seus estudos obrigatorios co título que acredita que cursaron dito programa, (CELGA) incorporáronse a estudos superiores ou a actividades laborais de xeito notable", salientan nun texto que se pode consultar no blog falaceibe.blogspot.com.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.