17/04/2014

Desafiuzado o Patrimonio Cultural Labrego

Tamén desafiuzado o Patrimonio Cultural Labrego 

Por Félipe-Senén López
publicado en: Lugo Patrimonio
21 de Marzo 2014


Como a moitos, a Benigno Eiriz tamén lle rompía o alma ollar un carro galego deteriorándose á intemperie, pese a tanta cultura tras si.Namentres competían os desgobernos das urbes a quen ter máis metros cúbicos de espectaculares carcasas, incontinencia deconstructivistas para casas da cultura, ciudades da cultura, coliseos, forums, palladiums e palexcos, arenas… namentres se botan a perder as verdadeiras casas e templos dos creadores e se asasinaba ás súas pantasmas, ao ”genius loci”, atoutiñante entre contidos, mobles, ferramentas de traballo … Os netos desfanse das coleccións dos avós, namentres imperan as virtualidades importadas e mercadas por catálogo.Coleccións asociadas a teimas dunha vida gastando esforzos e medios, cedéndoas … a facer o que os gobernos non facían na súa borracheira burocrática.

Sempre lembraremos e impartiremos a lección de praxe de Isaac Díaz Pardo, que con algúns outros, aproveitando e mellorando vellas teorías, entre elas a de Castelao e a do Seminario de Estudos Galegos, dedicouse a crer aínda no ser humano, á produtividade e a dignificar entre os esperpentos canto significaba Galiza. Non entendía a cultura como un adorno ou unha liturxia, pese a que o arrastraron a iso; repetía “que a cultura é o que o ser humano cultiva”. E é certo que o ser humano cultiva tradicións, crea, inventa e copia ideas e artefactos cos que desenvolver a vida e a intelixencia. Pese a todo priman as virtualidades por encargo.

Entre tantas historias tristes do fracaso colectivo, tamén está a de Benigno Eiriz López, natural desa ribeira sacra do Miño, da que agora incoan expediente para figurar nos papeis como Patrimonio da Humanidade. Eiriz viviu e desenvolveuse na Coruña, cidade que, pese a tanta Historia e confraría esquecía a súa propia orixe, onde radica a súa orixinalidade. Máis aínda será porque a historia popular, de labregos e artesáns, a da “Galiza Santa” que cantaba Cabanillas, cheira a traballo, a suor e a esterco nos despachos enmoquetados, “onde persiste a confusión entre o popular e o vulgar, cando é o auténtico”, teimaba inutilmente Eiriz, ao tempo no que o compostelán Museo do Pobo Galego deu unha lección da necesidade de ser, institución aberta no 1977 por iniciativa e constancia do Colexio de Arquitectos de Galiza e coa suma de socios sensibles, desafiando todo tipo de treboadas políticas e administrativas, no convento de Santos Domingos de Bonaval, sendo xa o espazo e o persoal insuficiente ….

A teima de Benigno Eiriz, nacido no 1947, era recuperar as orixes de Galiza, coleccionar obxectos e artefactos do mundo labrego galego, tentando demostrar a importancia da revolución agraria neolítica fronte á revolución industrial da contemporaneidade. E entendese ben esta afección de quen fora informador de Julio Caro Baroja, manager de Pucho Boedo, irmán do cantante Xoán Eiriz e dunha familia inqueda por canto supón Galiza. Soñaba con crear unha “casa de oficios etográficos”, na liña dos ecomuseos, pero iso nin se entendía, nin semella entenderse aínda por aquí. Dedicou a súa casa familiar de Carbosende, na caída do mítico Monte Faro - abrindo ao val dos cambotas, escravos do agro e de señores de pazos, na Taboada da provincia de Lugo - a almacenar pezas adquiridas por toda Galiza coa ansia de que a etnografía se explique por si mesma. Selección antolóxica de carros, con máis de 180 diferentes tipoloxías, coas súas variedades de rodas, arados, grades, xugos, cangas, fouciñas, gadañas, sachos … mallos, malladoras artesanais e de gasóleo, sementadoras, teares, muíños, candís, pranchas, básculas, romanas, pechaduras, chaves, potes, tipoloxías de cestos … algúns mobles, xogos populares, aparatos de radio, pezas de liño, cobertores, traxes labregos do que foi o vello reino galaico leonés. Obxectos que oscilan no peso dende os de uns grans ate toneladas, como os primeiros motores de gasóleo, os “Dedión- Bustón” fabricados en Chavín de Viveiro no 1910… Os medios de comunicación daqueles anos finiseculares do XX cualificaban a Eiriz como “Cruzado etnográfico” cunha colección de máis de 8000 pezas, todo en perfecto estado de funcionamento e que permite unha secuencia evolutiva dende as orixes do traballo.

A mensaxe de Benigno Eiriz nin foi escoitada, nin se entendeu, namentres asexan os anticuarios. Namentres recibe ofertas de Andalucía, de Ronda e mesmo da trasmontana Bragança … crea unha empresa de “actividades artísticas e culturais” “Zirie S. L”,e a A. G. E (Asociación Galega do Espectáculo) que ao tempo que ofrece as orquestras e artistas, defínese como ”unha empresa que espalla a auténtica tradición que identifica ó pobo galego….valéndose da meirande exposición de apeiros de labranza, utensilios tradicionais e artesanais que se pode atopar no Estado Español… homenaxe ós ancestros” . Un xeito de animar e complementar as nacentes feiras artesanais, históricas, romarías e eventos “apoiando o carácter cultural” con demostracións.

Ás chamadas de asilo para tan importante legado da cultura material labrega galega resposta o concello de Alija del Infantado en terras leonesas da Bañeza, ribeiras do Órbigo, no Camiño da Prata, ou mozárabe, rexido por un profesor de Historia e amante do tradicional, José Antonio Prieto Crespo que atopa no proxecto un novo recurso turístico para un concello labrego, histórico e pintoresco e que pese a estar enclavado na meseta ofrece o paradoxo de que deu innumerables marinos, como lembra o monumento dunha ancora … O concello de Alija faise unicamente cargo do transporte e aluga para acoller o centro etnográfico unha casona de adobe de fins do século XIX . A vila, tan en relación a través dos peregrinos, dos maragatos e da transhumancia recupera vellos vencellos con Galiza … Os medios de comunicación aplauden a iniciativa ”un museo vivo de cultura popular… o máis completo de España” e razón non falta . Así é que o 6 de xullo do 2001 abre ó público en Alija o “Museo Etnográfico Benigno Eiriz” , de entrada gratuíta, ocupando trebellos e artefactos os espazos da horta, os patios e os cuartos da mesma casa, inicialmente sen demasiados criterios museolóxicos, iso si disposto a experiencias etnoarqueolóxicas e tamén coa súa biblioteca. Convócanse varios congresos etnográficos, deféndense as particularidades da zona, entre elas as covas do viño . Créase unha asociación cultural xestora, asínanse os convenio e Eiríz cría cumprido un soño, até unha nova xordeira e cegueira por parte dos gobernos que non responden ás chamadas, medrarán entón os problemas co paso do tempo, a couza e as estruturas da antiga casa de adobe, o desacougo… o infarto e a repentina morte de Benigno Eiriz no 2003.

Teimas así tivo Pepe el Ferreiro de Grandas de Salime deica converter a súa vila nun referente etnográfico mundial, e sempre no labirinto do desalento, entre burocracias e insensibilidades . Igual Olimpio Liste de Oseira, Narciso Luaces en Meixigo de Ortigueira, Secundino García na Capela, X. María López Ferro no Colexio Monte Caxado das Pontes, o esforzo do crego Xosé Lago Cambeiro en Bergantiños, Elixio Rivas nos Milagres de Molgas … e respostas semellantes a cuestións patrióticas, as de salvar a identidade.

O proxecto de Alija paralizouse, namentres o tempo e a couza seguen a traballar, o concello e os alugueiros poñen prazos para retirar os contidos. A muller de Eiriz, Neves Mata Sánchez, os herdeiros, con semellante peso enriba, desesperan, chaman á sensibilidade dos galegos, ós despachos oficiais de tanto aparato administrativo adxectivado “cultural galego” que non ve, nin escoita, nin sinte, nin sabe entón …


06/10/2013

V XORNADAS MOURAS - Encontros Etnográficos


V XORNADAS MOURAS Encontros etnográficos
26 e 27 de outubro de 2013

Lugar: Museo Etnográfico Monte Caxado
Rúa Monte Caxado, s/n – As Pontes de García Rodríguez (A Coruña)


As Xornadas Mouras teñen como obxectivo a divulgación e difusión do patrimonio cultural. Nesta nova edición prestaremos especial atención ao legado etnográfico. Partimos da cultura material recollida nos tres museos de referencia do Eume e do Ortegal e o seu paralelismo coa tradición asturiana, para írmonos adentrando nun mundo tradicional que permanece aínda visíbel na paisaxe e na lembranza, pero que cada vez fica máis distante da nosa sociedade.

Para esta achega sinxela contamos cos promotores dos museos etnográficos do Monte Caxado, da Capela, de Meixido e de Grandas de Salime, que nos falarán das súas experiencias na recolla, na protección e na divulgación do material etnográfico do territorio. E contamos asemade coa participación de arqueólogos e etnógrafos que levan tempo recollendo, investigando e divulgando ese legado cultural milenario que chegou a nós a través da cultura tradicional.

As palestras terán lugar na biblioteca do CEIP Monte Caxado de As Pontes, entre os días 26 e 27 de outubro. Realizaranse ademais visitas guiadas aos museos de referencia, da man dos seus directores nas que coñeceremos máis fondamente as características que definen estes espazos senlleiros do patrimonio etnográfico do territorio.

Data límite de inscrición: xoves 24 de outubro


 Programa



+INFO na web das: V Xornadas Mouras 

18/09/2013

Patrimonio ordeará a restitución de tres mámoas nas Seixas e valora sancións

Faro de Vigo
18/09/2013
Lalín


A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural vén de corroborar a existencia de danos en tres mámoas do conxunto megalítico das Seixas, na parroquia lalinense de Val do Carrio. Técnicos do departamento autonómico visitaron a zona semanas atrás e comprobaron que "hai afección" a tres túmulos "por vías diferentes". O proceso podería finalizar coa imposición dunha sanción aos responsábeis da roturación do monte, pero antes avaliaranse polo miudo os efectos nos elementos patrimoniais.


Dende a Consellaría de Cultura, que abriu un proceso sancionador, elúdese concretar a contía dunha posible multa. Os seus técnicos analisan tanto os efectos nas mámoas como as medidas de restitución do patrimonio que se deben levar a cabo en función do alcance dos danos. De xeito paralelo, "estase determinando a imposición dunha posíbel sanción". En calquera caso, dende a dirección xeral insisten en que é cedo para pronunciarse con máis detalle: "Estase estudando o caso", limítanse a sinalar.






Patrimonio Cultural abriu dilixencias a finais de xullo pasado polos danos detectados uns días antes por un particular na necrópole das Seixas. Técnicos da súa delegación territorial visitaron a zona logo de seren alertados polo Concello de Lalín, que, previamente, enviara un traballador municipal ao lugar dos feitos para corroborar a veracidade da denuncia presentada por un veciño. Inspeccionou a zona e elaborou un informe, que remitiu á xunta, dando conta dos danos.



No conxunto arqueolóxico das Seixas, próximo á explotación mineira do Carrio, hai tres mámoas catalogadas tanto pola Consellaría de Cultura como polo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM)  de Lalín. As tres resultaron afectadas polos traballos de roturación e a posterior sementeira de cereal levados a cabo no monte durante a pasada primavera. O túmulo de maior tamaño, e tamén o máis visible, quedou preservado, se ben a roturación invadiu a súa área de protección e chegou ata a súa base. Outra mámoa, emprazada no medio, foi arada en profundidade, como amosan varias pedras levantadas, entre as que figura unha lousa que podería formar parte do dolme soterrado. O terceiro túmulo, o emprazado máis ao oeste, foi afectado en menor medida, pois sitúase no límite do terreo roturado.

17/09/2013

Nova aplicación Giza 3D

As entidades Dassault Systèmes e a Universidade de Harvard veñen de presentar unha aplicación gratuita e interactiva en 3D que ten as pirámides de Giza como base virtual. O usuario poderá navegar polas imaxes contemporáneas e antigas, así como ver de preto 30 obxectos reconstruídos en 3D con precisión milimétrica. En boca de Peter de Manuelian, da Universidade de Harvard, esta experiencia inmersiva en 3D "transporta ao usuario por un entorno virtual que proporciona un novo medio para aprender máis sobre a civilización exipcia". Para o docente, esta ferramenta "siginifica unha transición importante na ensinanza, onde pasamos dun estadío no que o profesor impulsa o proceso de aprendizaxe de forma unilateral a un no que os estudantes están inmersos no medio ambiente acadándose un fomento do diálogo e da discusión máis completo entre eles".

Giza 3D permite entre outras accións, entrar na pirámide de Keops ou visitar as cámaras funerarias da necrópole de Gizé. Todo isto a un clic de rato, sen movernos da casa.

A iniciativa parte da empresa francesa Dassault Systèmes, especializada en sistemas de recreación tridimensional, que vén de desenvolver este proxecto en asociación co Museo de Belas Artes de Boston, baseándose na súa importante colección de arquivos sobre a necrópole exipcia.


23/06/2013

A Noite dos Mouros



Nesta noite de na que os Mouros deixamonos ver, e na de que milleiros de cacharelas imuninan Galiza xunto con unha lua astronomicamente enorme, un por mouro que sexa non deixa de sorprendese un chisco ao mirar ao ceo, xa é moita casualidade que ao chegar estas datas te entre pola porta da Mamoa sempre a mesma raiola de sol, esa raiola de sol que nos desperta sempre nestas data ..., xa é moita casualidade, xa é


fai milenios nestas noites (dia mais dia menos) as nosas Mourelas enchianse de xente neste dias, e nos saiamos uniamonos a festa vestiamos -por un dia- o aspecto da xente ...logo deixaron de vir, curiosamente desde fai un tempo voltamos a ter visitas na casa nestas datas, xente que nos volve ver ao castro, ao cronleque a mamoa para pasar con nós esta noite ...


bon non vos damos mais o croio que supoño que andaredes preparando o foleón. So desexarvos bo lume, e aconsellaros que busquedes un lugar "ben mouro". Nós andaremos polo noso Castro de Elviña coa nosa cacharela, se por ali pasarades, xa sabedes: ... quedades invitados! 


+ sobre esta noite: Através do lume e do tempo