28/06/2009

Un veciño de San Cibrao de Lás descobre petroglifos aliñados co Sol e co norte celeste

EFE
27/06/2009
Ourense

O veciño do pobo de Eiras (San Amaro) Felisindo González Igrexas, descubriu preto do castro de San Cibráo de Lás unha roca gravada na Idade do Bronce con diferentes formas das que unha parte están alineadas cara ao solsticio solar de verán e outras cara o polo norte celeste.

González é funcionario da Axencia Tributaria de Ourense, ten 41 anos e decidiu amosar os petroglifos que coñece dende a súa infancia a un historiador, a un matemático e á Asociación divulgativa "Ourense Astronómico" para "que contrasten medicións e comprobasen a súa validez".


Nese sentido, o presidente do colectivo astronómico Camilo Fumega, explicou a Efe que os gravados de calquera petroglifo "poden amoldarse a mil e unha interpretacións" pero sobre os do monte da Ermida, achados por Felisindo, dixo que consisten en varias "cazoletas" e outras formas degradadas pola erosión gravadas fai 3.500 anos.

"Visiteinos con el e comprobei as súas medicións que mostran que dúas das cazoletas escavadas pódense unir cunha liña que sinala o punto do ceo polo que pasa o Sol ao poñerse no solsticio de verán e outras dúas que apuntan ao polo norte celeste", dixo.

Felisindo e Camilo coincidiron en afirmar que hai que continuar as comprobacións pois, segundo Fumega, outras cazoletas e gravados da rocha poderían coincidir con novos elementos astronómicos "aínda que co xa visto é posible afirmar que é un calendario astronómico prehistórico que recolle as dúas observacións básicas do ser humano ao levantar a súa cabeza cara o ceo", agregou.

O descubridor do calendario astronómico da Ermida -situado a dez quilómetros do estudado polo CSIC en varias rocas dos montes de Amoeiro- explicou a EFE, que ademais do seu traballo e das súas medicións, destiñou parte do seu tempo a estudar historia, o que lle permitiu indagar o marco dos seus achados.

"A partir dos petroglifos que coñezo dende a miña infancia pódese aventurar que os habitantes prehistóricos desta zona obtiveron unha gran utilidade do seu descubrimento do solsticio e do polo norte celeste, pois puideron coñecer por adiantado a chegada da estación de sementalas e tiveron unha referencia celeste para as súas viaxes comerciais", apuntou.

Nese sentido, González dixo que está documentada a presenza de comerciantes fenicios e púnicos na desembocadura do río Miño, en Pontevedra.

"Este río chegou a ter un curso navegable de 800 estadios de lonxitude, que veñen ser 140 quilómetros e coa gran riqueza de estaño de toda esta comarca, non é difícil imaxinar que viñeran recollelo en barco", subliñou.

O petroglifo da Ermida descuberto por González, atópase na ladera do monte de San Trocado -a dous quilómetros do castro de San Cibrao de Lás- onde tamén están o castro Martiño e o castro de Eiras -ambos sen estudar nin catalogar-, un altar romano reutilizado nunha vivenda de Eiras, pedras de época castrexa e unha calzada romana que une Barbantes con San Cibrao de Lás.

Segundo González, o castro de San Cibrao de Lás, que está en obras para convertelo en centro de interpretación da cultura castrexa de Galicia, non está só senón vinculado aos achados de Eiras e ata aos de Amoeiro que agora empezan a estudarse.

Todo iso indica unha intensa ocupación humana da zona en época prehistórica -da que son os petroglifos e algunha mámoa-, castrexa -da que proveñen os castros-, romana -con aras e camiños- e medieval como amosan ermidas e igrexas.

González opinou que os petroglifos da Ermida son tamén un "mapa" prehistórico, xa que varios gravados da rocha están orientados cara o castro de San Cibrao de Lás, de máis de 2.000 anos de antigüidade, "e isto indica que xa estaba habitado antes, tamén demostrado por un dolmen no mesmo recinto", agregou.

Felisindo enviou á Xunta en febreiro de 2009 as coordenadas exactas dos petroglifos da Ermida que están sen inventariar e nunhas obras que se fixeron no monte, despois de que unha pala escavadora pasase moi preto.

"Quixen alertar da súa existencia para que se protexan", comentou González, quen aínda agarda unha resposta ás súas preocupacións polo futuro do seu patrimonio.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.