14/10/2009

Perfecto Arias grava o seu primeiro disco aos 83 anos

El Progreso
11/10/09
M.Q.

Con só tres anos, Perfecto Arias confeccionou o seu primeiro punteiro cunha cana de centeo mentres coidaba as vacas e catro anos despois, con sete, o seu pai comproulle a súa primeira gaita. Con todo, a pesar da súa impresionante precocidade na música, este gaiteiro lucense enfrontouse este sábado, aos seus 83 anos, á aventura de gravar o seu primeiro disco. "Estou contento. Era algo que tiña ganas de facer para que a miña neta lembre que o seu avó era gaiteiro".

O salón Rexio do Círculo das Artes, sen público para conseguir un mellor resultado, brindou este sábado a súa excepcional acústica a Perfecto e o resto de músicos, un grupo de catro novos cuxas idades, sumadas, non acadan a do octoxenario gaiteiro.


Xunto a eles, o artífice da iniciativa, Xosé Luís Foxo, gran coñecedor da historia musical de Perfecto, cuxo obxectivo é render unha homenaxe a un dos últimos representantes dunha xeración de gaiteiros que marcaron os anos posteriores á Guerra Civil e seguiron sendo símbolos até os anos 60 e 70 do século pasado.

Entre unha e outra peza, Arias lembraba este sábado "aqueles tempos" nos que tocaba a gaita nas vodas, "que non se facían nos hoteis, senón na casa das noivas", e pagábanlle 10 pesetas por tocar, ou cando animaba coa súa música aos cansos labregos despois dos traballos do campo.

Agarrado con agarimo á súa gaita, a oitava na súa longa traxectoria como músico, Arias interpretou este sábado no Círculo das Artes as composicións que se recollerán no disco. Entre elas, A muiñeira do Picato, o Vals de San Froilán, o pasodobre A fala dá miña gaita ou a muiñeira Rosiña, así como rumbas ou polkas.

O álbum pretende ser a culminación artística dun músico que iniciou a súa carreira na súa Freán natal, en Guntín, formouse de maneira autodidacta e formou varios grupos, como Os gaiteiros de Freán, Os lucenses ou Os enxebres de Lugo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.