17/04/2014

Desafiuzado o Patrimonio Cultural Labrego

Tamén desafiuzado o Patrimonio Cultural Labrego 

Por Félipe-Senén López
publicado en: Lugo Patrimonio
21 de Marzo 2014


Como a moitos, a Benigno Eiriz tamén lle rompía o alma ollar un carro galego deteriorándose á intemperie, pese a tanta cultura tras si.Namentres competían os desgobernos das urbes a quen ter máis metros cúbicos de espectaculares carcasas, incontinencia deconstructivistas para casas da cultura, ciudades da cultura, coliseos, forums, palladiums e palexcos, arenas… namentres se botan a perder as verdadeiras casas e templos dos creadores e se asasinaba ás súas pantasmas, ao ”genius loci”, atoutiñante entre contidos, mobles, ferramentas de traballo … Os netos desfanse das coleccións dos avós, namentres imperan as virtualidades importadas e mercadas por catálogo.Coleccións asociadas a teimas dunha vida gastando esforzos e medios, cedéndoas … a facer o que os gobernos non facían na súa borracheira burocrática.

Sempre lembraremos e impartiremos a lección de praxe de Isaac Díaz Pardo, que con algúns outros, aproveitando e mellorando vellas teorías, entre elas a de Castelao e a do Seminario de Estudos Galegos, dedicouse a crer aínda no ser humano, á produtividade e a dignificar entre os esperpentos canto significaba Galiza. Non entendía a cultura como un adorno ou unha liturxia, pese a que o arrastraron a iso; repetía “que a cultura é o que o ser humano cultiva”. E é certo que o ser humano cultiva tradicións, crea, inventa e copia ideas e artefactos cos que desenvolver a vida e a intelixencia. Pese a todo priman as virtualidades por encargo.

Entre tantas historias tristes do fracaso colectivo, tamén está a de Benigno Eiriz López, natural desa ribeira sacra do Miño, da que agora incoan expediente para figurar nos papeis como Patrimonio da Humanidade. Eiriz viviu e desenvolveuse na Coruña, cidade que, pese a tanta Historia e confraría esquecía a súa propia orixe, onde radica a súa orixinalidade. Máis aínda será porque a historia popular, de labregos e artesáns, a da “Galiza Santa” que cantaba Cabanillas, cheira a traballo, a suor e a esterco nos despachos enmoquetados, “onde persiste a confusión entre o popular e o vulgar, cando é o auténtico”, teimaba inutilmente Eiriz, ao tempo no que o compostelán Museo do Pobo Galego deu unha lección da necesidade de ser, institución aberta no 1977 por iniciativa e constancia do Colexio de Arquitectos de Galiza e coa suma de socios sensibles, desafiando todo tipo de treboadas políticas e administrativas, no convento de Santos Domingos de Bonaval, sendo xa o espazo e o persoal insuficiente ….

A teima de Benigno Eiriz, nacido no 1947, era recuperar as orixes de Galiza, coleccionar obxectos e artefactos do mundo labrego galego, tentando demostrar a importancia da revolución agraria neolítica fronte á revolución industrial da contemporaneidade. E entendese ben esta afección de quen fora informador de Julio Caro Baroja, manager de Pucho Boedo, irmán do cantante Xoán Eiriz e dunha familia inqueda por canto supón Galiza. Soñaba con crear unha “casa de oficios etográficos”, na liña dos ecomuseos, pero iso nin se entendía, nin semella entenderse aínda por aquí. Dedicou a súa casa familiar de Carbosende, na caída do mítico Monte Faro - abrindo ao val dos cambotas, escravos do agro e de señores de pazos, na Taboada da provincia de Lugo - a almacenar pezas adquiridas por toda Galiza coa ansia de que a etnografía se explique por si mesma. Selección antolóxica de carros, con máis de 180 diferentes tipoloxías, coas súas variedades de rodas, arados, grades, xugos, cangas, fouciñas, gadañas, sachos … mallos, malladoras artesanais e de gasóleo, sementadoras, teares, muíños, candís, pranchas, básculas, romanas, pechaduras, chaves, potes, tipoloxías de cestos … algúns mobles, xogos populares, aparatos de radio, pezas de liño, cobertores, traxes labregos do que foi o vello reino galaico leonés. Obxectos que oscilan no peso dende os de uns grans ate toneladas, como os primeiros motores de gasóleo, os “Dedión- Bustón” fabricados en Chavín de Viveiro no 1910… Os medios de comunicación daqueles anos finiseculares do XX cualificaban a Eiriz como “Cruzado etnográfico” cunha colección de máis de 8000 pezas, todo en perfecto estado de funcionamento e que permite unha secuencia evolutiva dende as orixes do traballo.

A mensaxe de Benigno Eiriz nin foi escoitada, nin se entendeu, namentres asexan os anticuarios. Namentres recibe ofertas de Andalucía, de Ronda e mesmo da trasmontana Bragança … crea unha empresa de “actividades artísticas e culturais” “Zirie S. L”,e a A. G. E (Asociación Galega do Espectáculo) que ao tempo que ofrece as orquestras e artistas, defínese como ”unha empresa que espalla a auténtica tradición que identifica ó pobo galego….valéndose da meirande exposición de apeiros de labranza, utensilios tradicionais e artesanais que se pode atopar no Estado Español… homenaxe ós ancestros” . Un xeito de animar e complementar as nacentes feiras artesanais, históricas, romarías e eventos “apoiando o carácter cultural” con demostracións.

Ás chamadas de asilo para tan importante legado da cultura material labrega galega resposta o concello de Alija del Infantado en terras leonesas da Bañeza, ribeiras do Órbigo, no Camiño da Prata, ou mozárabe, rexido por un profesor de Historia e amante do tradicional, José Antonio Prieto Crespo que atopa no proxecto un novo recurso turístico para un concello labrego, histórico e pintoresco e que pese a estar enclavado na meseta ofrece o paradoxo de que deu innumerables marinos, como lembra o monumento dunha ancora … O concello de Alija faise unicamente cargo do transporte e aluga para acoller o centro etnográfico unha casona de adobe de fins do século XIX . A vila, tan en relación a través dos peregrinos, dos maragatos e da transhumancia recupera vellos vencellos con Galiza … Os medios de comunicación aplauden a iniciativa ”un museo vivo de cultura popular… o máis completo de España” e razón non falta . Así é que o 6 de xullo do 2001 abre ó público en Alija o “Museo Etnográfico Benigno Eiriz” , de entrada gratuíta, ocupando trebellos e artefactos os espazos da horta, os patios e os cuartos da mesma casa, inicialmente sen demasiados criterios museolóxicos, iso si disposto a experiencias etnoarqueolóxicas e tamén coa súa biblioteca. Convócanse varios congresos etnográficos, deféndense as particularidades da zona, entre elas as covas do viño . Créase unha asociación cultural xestora, asínanse os convenio e Eiríz cría cumprido un soño, até unha nova xordeira e cegueira por parte dos gobernos que non responden ás chamadas, medrarán entón os problemas co paso do tempo, a couza e as estruturas da antiga casa de adobe, o desacougo… o infarto e a repentina morte de Benigno Eiriz no 2003.

Teimas así tivo Pepe el Ferreiro de Grandas de Salime deica converter a súa vila nun referente etnográfico mundial, e sempre no labirinto do desalento, entre burocracias e insensibilidades . Igual Olimpio Liste de Oseira, Narciso Luaces en Meixigo de Ortigueira, Secundino García na Capela, X. María López Ferro no Colexio Monte Caxado das Pontes, o esforzo do crego Xosé Lago Cambeiro en Bergantiños, Elixio Rivas nos Milagres de Molgas … e respostas semellantes a cuestións patrióticas, as de salvar a identidade.

O proxecto de Alija paralizouse, namentres o tempo e a couza seguen a traballar, o concello e os alugueiros poñen prazos para retirar os contidos. A muller de Eiriz, Neves Mata Sánchez, os herdeiros, con semellante peso enriba, desesperan, chaman á sensibilidade dos galegos, ós despachos oficiais de tanto aparato administrativo adxectivado “cultural galego” que non ve, nin escoita, nin sinte, nin sabe entón …


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.