10/10/2009

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes vén de denunciar unha nova agresión no campo de mámoas da Mourela


Este venres unha pala levantou parte da área de protección da mámoa GA15070127 na necrópole da Mourela, levándose por diante parte da tumulación e facendo acopio do refugallo sobre o elemento catalogado. Estes feitos están a ser denunciados pola Plataforma.
Asemade a Plataforma denuncia que as medidas que a D.X. de Patrimonio propoñía para permitir o avance da obra, foron incumpridas, e que froito dese caso omiso vén de producirse un novo atentado contra o patrimonio arqueolóxico.
A Plataforma pide que se tomen as medidas oportunas para devolver a mámoa ao seu estado orixinal.





Postaxe relacionada: Comunicado da Plataforma na Defensa do Patrimonio

2 comentários:

  1. Transcrición Informe da Dirección Xeral de Patrimonio - 19 de Xuño de 2008 - Remitido á Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia:

    En data 5 de xuño de 2007 esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural informou favorablemente a continuación das obras da referida autovía na área cautelada de A Mourela, cunha serie de condicións:

    1º. - Manteranse balizados os ámbitos de exclusión de obra dos xacementos Mourela 4 (GA15070127), Mourela 6 (GA15070130) e Mourela 7 (GA15070129), nos que non se poderá levar a cabo ningún tipo de obra, e o trazado, na medida do posible, alonxarase destas áreas de exclusión reducindo as dimensións dos noiros ou taludes proxectados. A situación destes elementos e os seus ámbitos deberán figurar na cartografía de obra.

    2º. - As vías de servizo previstas no contorno dos xacementos de A Mourela en ningún caso deberán afectar ós seus ámbitos de exclusión, polo que será preciso se acometan os axustes necesarios no seu trazado. En relación co vial previsto de reposición da estrada actual, naqueles treitos nos que discorre próximo ás mámoas da Mourela, deberase valorar a súa incidencia polo equipo de control e seguimento arqueolóxico, o que no seu caso conlevará un recoñecemento exhaustivo dos terreos e incluso o control da súa limpeza se fose necesario. As solucións construtivas que se adopten en relación con estes viais, ou calquera obra auxiliar neste contorno, terán que remitirse xunto co informe do equipo de control e seguimento, a esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para o establecemento, no seu caso, doutras medidas correctoras.

    3º. - A totalidade dos traballos de remoción de terras nesta área deberán facerse baixo a supervisión do equipo de control e seguimento arqueolóxico das obras de construcción da estrada de referencia, que presentará ó seu remate un informe dos resultados. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso das obras de construcción, dita circunstancia terá que ser comunicada á maior brevidade posible a esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, para que como organismo competente na materia decida sobre a conveniencia de establecer novas medidas protectoras ou correctoras.

    4º. En informe de incidencias emitido pola Subdirección Xeral de Estradas da Consellería de Política Territorial, con data de 12 de marzo de 2008, asinado polo arqueólogo Javier Morchón Viñas, dase conta da existencia de desprendementos de terras no noiro esquerdo do desmonte, á altura do p.k. 36+450.

    No mes de febreiro producirse outro desprendemento na zona contigua, dando lugar a unha serie de inestabilidades que se presentan como fendas de tracción na coroación do noiro, entre os p.k. 36+440 e p.k. 36+460, dentro da área de cautela e nas inmediaciónns do túmulo 4 de A Mourela (GA15070127), afectando a parte do ámbito de exclusión establecido.

    Esta situación podería dar lugar a desprendementos inminentes que, a maiores, poderían afectar á seguridade dos operarios. Dada a situación de inestabilidade do noiro nas inmediación do túmulo 4 de A Mourela e os riscos que isto implica, na documentación de referencia advírtese da necesidade de adoptar medidas encamiñadas á súa estabilización, consistentes básicamente no seu novo ataludado a 37º, ou inferior. Isto implicaría que a cabeza do noiro se situaría a escasos metros do ámbito de protección integral do túmulo 4 de A Mourela (GA15070127), existindo a posibilidade dunha afección negativa.

    Dada a necesidade técnica de levar a cabo o ataludado, ocupando o ámbito de exclusión do Túmulo 4 de A Mourela, e segundo o establecido na lexislación relativa a seguridade e saúde neste tipo de obras, na documentación remitida pola Subdirección Xeral de Estradas considerábase inviable a realización de traballos arqueolóxicos previos na zona que se vería fectada.

    ResponderExcluir
  2. 5º. Á vista da referida documentación, en datas 10 e 21 de abril de 2009 esta Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu un informe ó respecto, no que se fan unha serie de consideracións a ter en conta para a protección e salvagarda do elemento e o seu ámbito de protección integral.

    6º. Ó non ter coñecemento dos traballos levados a cabo para a estabilización dos noiros nas inmediacións do referido xacemento, en data 30 de maio de 2008 esta Dirección Xeral solicitou á Dirección Xeral de Obras Públicas a información oportuna ao respecto, co fin de pode adoptar as medidas protectoras e correctoras específicas.

    7º. Dado o risco de desaparición do xacemento de referencia, presentouse a necesidade de promover un programa que contemplase os traballos necesarios co fin de garantir a axeitada documentación do elemento, a súa escavación e, se procedese, a súa posta en valor, adoptando en calquera caso as medidas de seguridade oportunas.

    Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2008
    Dir. Xeral F. A. Vilas

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.