26/06/2009

Cultura solicita a Defensa que deteña as obras da aldea afgana en Salcedo

Faro de Vigo
26/06/2009
Pontevedra

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a través da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico, solicitou ao Ministerio de Defensa a suspensión dos traballos da Brilat nos montes de Muimenta-Salcedo. A base militar está recreando nestes terreos forestais unha aldea afgana e un vial urbano, en contra da opinión dos veciños da zona e da comunidade de montes de Salcedo, que reclama estes terreos.

O departamento que dirixe Roberto Varela considerou que estes traballos afectan a un ámbito arqueolóxico, algo que viñan denunciando tamén os veciños do lugar, que coñecen a existencia dunha "mámoa" (enterramento prehistórico), soterrado na zona de obras da "aldea afgana".
Tamén os técnicos municipais confirmaran a catalogación do achado rupestre no plan xeral de ordenación municipal.

A Xunta solicita por iso ao Estado que paralice estes traballos, coa finalidade de realizar unhas sondaxes arqueolóxicas científicas, que determinen a existencia deste enclave prehistórico.


Actuacións
Cultura comunicou esta solicitude tamén ao alcalde de Pontevedra, para facelo coñecedor do expediente aberto pola consellería. Neste determínase que a base militar General Morillo é a promotora de varias obras na zona, como son a construción dunha travesía urbana, o acondicionamento dun camiño, a adecuación do campo de tiro, a recreación dunha aldea afgana e a instalación de tres entradas a búnker, así como tres zulos de armamento nos terreos que utiliza a base en Salcedo.

Trátase, segundo afirma a Consellería de Cultura, dunha actuación que se realiza na contorna duns petroglifos e do "regato dos buratos", bens catalogados no planeamento municipal do Concello e, consecuentemente, integrantes do patrimonio cultural de Galicia.

En consecuencia, para a administración autonómica esta actuación require dunha autorización previa da Consellería de Cultura e Turismo.

Rodeada polas obras
A coordinadora de afectados por estas obras de Defensa en Salcedo vén alertando dende o pasado ano da existencia deste xácigo prehistórico. En varias inspeccións ao terreo os veciños puideron constatar que as obras rodean o terreo baixo o que está soterrado o enterramento megalítico. Esta coordinadora veciñal demanda a intervención de Cultura e tamén do Concello de Pontevedra, para evitar a destrución do patrimonio histórico, do mesmo xeito que considera que xa se destruíu o ámbito rural destes montes de Salcedo.

Os afectados organizan unha manifestación por estes montes, que se celebrará o domingo 28, a partir das once da mañá, con saída do campo de fútbol do Casal. A marcha ten como obxectivo demandar a paralización dos traballos e a reversión dos terreos á parroquia de Salcedo.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.