30/06/2009

Marcha contra a franxa de seguridade que a Brilat instalou nos montes veciñais

A Nosa Terra
27/06/2009
Pontevedra

Os afectados pola franxa de seguridade da Brilat, pertencentes á parroquia de Salcedo, en Pontevedra, realizarán mañá, a partir das 11.00 horas, unha marcha 'multitudinaria e pacífica' polo monte próximo á base militar, nas inmediacións das instalacións construídas polo Ministerio de Defensa e que deron orixe ao conflito.


O lema da protesta será "Non ás franxas de seguridade, non ás obras ilegais no monte dos veciños". O portavoz da veciñanza, Fernando Pintos, explicou que o obxectivo é "que se vexa in situ" a denuncia formulada polos afectados e "que se tome conciencia da afectación real" da franxa de seguridade sobre o territorio.

O traxecto, duns dous quilómetros, sairá do campo de fútbol de Casal, en Salcedo, e concluirá neste mesmo lugar, onde se instalará unha carpa na que se ofrecerá unha comida popular. Os veciños enfocan a marcha "contra as franxas de seguridade, a desfeita no medio ambiente e o patrimonio cultural, as obras ilegais no monte e a expansión da base militar".

A marcha tamén apela á "defensa dos montes comunais e a liberdade de vivir sen dependencia militar". Así llo transmitiron ao coronel da Brilat nunha reunión na que apelaron a non interferir na celebración da protesta, que conta co apoio de varias comunidades de montes dos municipios de Pontevedra, Marín e Vilaboa, as Federacións de Asociacións de Vecinos Castelao e Teucro, a Asociación pola Defensa da Ría e a Plataforma Pontevedra contra a Guerra.

Pintos recordou que, tras lograr a presidencia da Comunidade de Montes de Salcedo, as xestións deste colectivo dirixiranse cara á reclamación dos terreos comunais cedidos a Defensa en 1965, para cuxa recuperación calculan que haberían de pasar uns cinco anos. Até entón, Fernando Pintos sinalou que a Brilat e os veciños teñen que "convivir".

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.