15/03/2013
Deza - Tabeirós - Montes
O Planeamento Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Silleda obvia xácigos arqueolóxicos descubertos nos últimos anos e xa oficialmente catalogados polla Consellaría de Cultura. É o caso do Castro da Devesa ou dos petróglifos do Castro Montaz -ubicados na parroquia de Oleiros-, dunhas vinte alvarizas en Parada -postas en coñecemento de Patrimonio por parte do lalinense Daniel González Alén- ou das mámoas de Parada, Os Chaos (Cortegada), As Ferreiras (Siador) ou A Mera (Silleda), entre outros bens.
No catálogo arqueolóxico do PXOM -en fase de exposición pública e de alegacións ata o luns día 18, non só faltan xácigos, senón que moitos están mal situados ou incorrectamente delimitados. Isto leva a protexer zonas que non o necesitan e a desprotexer os bens en si. Paradigma de delimitación equivocada é o Castro de Toiriz, coa conseguinte desprotección dunha parte do mesmo en benefizo dunha zona que carece de interese patrimonial. Na súa croa figura unha zona verde de uso público cando é propiedade privada, como todo o xácigo. De feito, dificilmente pode ser un espazo público cando carece de acceso público. Expertos en recuperación do patrimonio verían con bos ollos que o castro fose declarado zona verde para uso e disfrute dos silledenses, pero antes sería necesario expropiar os terreos.
Ademáis, os técnicos tildan de "animalada" a superficie que ocupa o solo rústico de protección do patrimonio (SRPP), o que levou recentemente ao goberno local a propor unha redución da franxa protegida. Nalgúns casos protéxense bens que xa non existen. é o caso da mámoa do centro de saúde de Silleda: aínda que o ben non existe, mantense a contorna de protección. "É unha incongruencia", sinala un experto en patrimonio preguntado por esta Redacción. De igual xeito, hai bens mobles que contan coa mesma protección que se fosen inmobles. Así acontece cun sartego situado ao pé do cruceiro da igrexa de Taboada, no seu día probablemente trasladado alí desde a súa ubicación orixinal. "Por que lle poñen unha franxa de protección?", pregúntase. E o mesmo acontece cun petróglifo incrustado nunha pedra dunha casa de Saídres. "É un problema de non entender o que é o patrimonio e tamén da Lei do Solo de Galiza", valora.
Muralla exterior e foxo no castro da Devesa
Mais tampouco se contemplan elementos máis coñecidos, como cabazos ou cruceiros. E noutros casos faltan as súas fichas ou son demasiado pobres, como acontece coa igrexa de Abades, da que non se di que é románica nin que alberga pinturas do século XVI, moi coñecidas e incluso restauradas por Patrimonio.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.