28/02/2013
Pontedeume
O planeamento urbanístico dun territorio garántese mediante a aplicación do Plan Xeral de Ordenación Municipal, unha cuestión na que actualmente está inmerso o Concello de Pontedeume. Todo indica que a aprobación do plan será unha realidade en breve.
Persoal do concello traballou nas labouras de limpeza da zona nas que foron localizadas as mámoas |
O que xa son palpábeis son os froitos que teñen dado os traballos de planimetría que desde fai varios anos realiza a empresa Consultora Galega de cara a elaboración do citado documento. Este traballo de campo fixo posible a localización dun grupo de seis mámoas que, emprazadas na parroquia de Ombre, foron obxecto de investigación a partir das pesquisas recollidas nunha publicación de orixe inglesa. O estudo deste documento deu lugar á confirmación do achádego que, se ben está emprazado en propiedades privadas, quedará integrado no ámbito de protección que a lei establece para este tipo de bens patrimoniais. O Concello de Pontedeume, pola súa banda, implicouse tanto na localización das mámoas como na posta en valor das mesmas cos traballos de limpeza manual que un grupo de traballadores municipais veu realizando nas últimas semanas para facer aínda máis real a presenza dos xácigos, nunha localidade xa de por si rica neste tipo de vestixos megalíticos.
Neste senso, desde a administración eumesa destácase tanto a magnífica colaboura que o goberno municipal atopou por parte dos expertos contratados pola empresa que se fai cargo da elaboración do PXOM para o estudo dos xácigos, como por parte de veciños e propietarios das fincas nas que foron localizados os túmulos. A zona megalítica, que debe ter unha antigüidade superior aos catro mil anos, emprázase na zona de Gunturiz, na parroquia de Santa María de Ombre.
Na comunidade galega, a día de hoxe, existen unhas 5.000 mámoas. Algunhas delas teñen a súa orixe no século VI a.C., mentras que outras poden ser algo máis recentes. Neste caso, poden situarse os túmulos datados dous séculos antes da chegada de Cristo. No caso do municipio de Pontedeume lugares como Seixas serven para identificar as construcións megalíticas emprazadas na parroquia de San Martiño, mentras que topónimos como Pena Grande e Campo da Carreira tamén son referencia das que están vencelladas a Ombre, ademáis das agora localizadas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.