Un eólico ameaza a necrópole do
Campo das Antas
Campo das Antas
21-10-2012
Por: Calros Solla
Os veciños da Mámoa habitan un camposanto megalítico, que ficaría a 300 metros dun parque eólico que impulsa Estela Eólica
Un parque eólico ameaza a necrópole megalítica do Campo das Antas. A aldea da Mámoa, en Castrelo (Forcarei), é un privilexiado espazo natural que ofrece a posibilidade de visitar, sen apenas esforzo, un cemiterio de hai 5.000 anos. A petición veciñal, elaborei un inventario dos depósitos arqueolóxicos de Castrelo. A actualización veu motivada polo proxecto de instalación dun parque eólico nos montes da parroquia. Estela Eólica S.L., promotora do Parque das Penizas, pretende ocupar 16 quilómetros cadrados de terreos de Cerdedo, Forcarei e A Estrada co Parque Eólico As Penizas.
A aldea da Mámoa, pertencente a freguesía forcareicense de Castrelo, é un privilexiado espazo natural que, a maiores, lle ofrece ao mundo a posibilidade de visitar, sen apenas esforzo, unha necrópole megalítica, un cemiterio de hai 5.000 anos: o complexo tumulario do Campo das Antas.
O topónimo A Mámoa, que provén do latín mamula(m) "tetiña", designa os túmulos do período neolítico formados por amoreamentos artificiais de terra ou coios que agochan no seu interior unha tumba construída con grandes pedras (anta, arca, casota, forno, pedramoura...). As mámoas tamén se denominan: mamas, modias, medoñas, medorras...
É pois evidente que, alí onde se construíu o poboado, se erguía na antigüidade un moimento sobranceiro. O topónimo menor Pedra da Moura, que nomea unhas leiras próximas ás vivendas, corroboraría esta afirmación. É, así mesmo, evidente que os veciños da Mámoa habitan un camposanto, moran na terra sagrada dos antepasados.
Atendendo a solicitude destes veciños, elaborei un inventario dos depósitos arqueolóxicos de Castrelo. A actualización da listaxe veu motivada por mor do proxecto de instalación dun parque eólico nos montes da parroquia.
A empresa Estela Eólica S. L. (d. s.: A Coruña), promotora do denominado Parque Eólico das Penizas, pretende ocupar na zona uns 16 km2 de terreo (o máis, monte comunal), atinxindo os concellos de Cerdedo, Forcarei e A Estrada. No concello de Forcarei, instalaríanse sete aeroxeradores e, no de Cerdedo, catro. Amais dos once xeradores eléctricos, o espazo veríase afectado polas pistas de acceso, a rede subterránea de interconexión e o edificio da subestación transformadora.
Para poñelos en antecedentes, a compañía Estela Eólica S. L., vinculada estreitamente co Partido Popular, viña sendo a adxudicataria do proxecto de instalación da planta incineradora do Irixo, hoxe felizmente paralizado.
É paradoxal que tales explotacións poidan ser declaradas de utilidade pública cando, amais de padecer as súas molestias e desfeitas, o pobo xamais nunca se ve compensado cunha redución da tarifa eléctrica.
Polo que respecta á aldea da Mámoa, o poboado ficaría a uns 300 m dunha instalación industrial caracterizada polo seu grave impacto paisaxístico e ambiental e por ser foco de alta contaminación acústica. Cómpre saber que cada un dos once "megamuíños" do infausto parque eólico estarían deseñados para xerar unha potencia de 3.000 kilowatios. Estes aparellos acadarán unha altura duns 100 m, presentando unha lonxitude de pa duns 50 m.
A relación do inmobiliario arqueolóxico da freguesía de Castrelo confeccionouse tras consultar a documentación do arquivo de Patrimonio (carpetas: Forcarei), custodiado na Delegación da Xunta da Galiza en Pontevedra. O sábado, 13 de outubro, acompañei os veciños nunha excursión pola contorna que tivo por obxectivo localizar e sinalizar o seu rico patrimonio prehistórico.
Antes de enumerar o acervo arqueolóxico de Castrelo, convén facer fincapé nos seguintes aspectos:
Segundo os documentos cotexados en Patrimonio, a necrópole do Campo das Antas non se localiza ao nordés da aldea da Mámoa (consonte o inventario do ano 1989), senón ao noroeste (consonte o informe corrector do ano 2010). As sete (ou dez) mámoas alíñanse, de sur a norte e ao longo de 700 m, a ambos os dous lados da estrada que comunica a aldea da Mámoa (Forcarei) coa aldea de Cabanelas (A Estrada). A maioría dos túmulos localízanse á esquerda da estrada, orientadas cara ao alto das dúas Baiucas.
O actual trazado da estrada asfaltada vén cadrando co percorrido dun antiquísimo camiño, contemporáneo aos túmulos (uns 5.000 anos de antigüidade), despois, calzada romana, e aínda despois, verea de arrieiros que, vadeando o río Lérez pola ponte de Parada, achegaban o viño do Ribeiro a Compostela. A necrópole tamén se localiza no deslinde entre concellos (Cerdedo-Forcarei) e parroquias (Tomonde-Castrelo), nunha penechaira (por riba dos 700 de altitude) des onde é posíbel enxergar a ría de Pontevedra.
No Mapa Topográfico (1:25.000), o topónimo Campo das Antas localízase, equivocamente, ao nordés da aldea da Mámoa.
O plano nº 2.12 do Plan Xeral de Ordenación Municipal do concello de Forcarei (ano 2002), baseándose no inventario arqueolóxico do ano 1989, sitúa, tamén erroneamente, a necrópole do Campo das Antas ao nordés da aldea da Mámoa.
No plano nº 2.12 do PXOM de Forcarei, figura (dirección norte-sur) unha faixa de cor malva sinalada coa marca "E. P. E." (Equipamento Parque Eólico). A dita faixa abrangue boa parte do espazo ocupado pola necrópole do Campo das Antas (cemiterio neolítico), entre outros depósitos arqueolóxicos.
Urxe pois que o Concello de Forcarei tome en consideración o informe arqueolóxico corrector do ano 2010 para actualizar o seu PXOM e, xa que logo, dispoña as medidas pertinentes para salvagardar o seu patrimonio de calquera continxencia dimanada das obras de instalación da industria eólica ou, mellor, impida a súa execución.
Na parroquia de Castrelo localizáronse, catalogados ou non, os seguintes sitios arqueolóxicos: catorce (ou dezaseis) mámoas -as máis delas presentan foca de violación-, un gravado rupestre, dous castros, unha morea de achádegos (machados puídos, muíños circulares...) e unha estación mitolóxica: a Eira (ou Lagoa) dos Mouros, superficie circular rasa e inundábel, aberta entre a matogueira.
O Parque Eólico das Penizas, de ser construído, porá en perigo non só o patrimonio arqueolóxico da parroquia de Castrelo, senón -e a uns 2 km cara ao sur- o das parroquias cerdedenses de Tomonde e Figueiroa. Na estrema entre as ditas parroquias de Cerdedo, localízase outra necrópole tumularia: as mámoas do Campo dos Cans ou do Outeiro dos Corvos, un agrupamento de oito mámoas (catalogadas), xa salientadas polo Padre Sarmento, dispostas en círculo, cun dos xacigos ocupando un lugar central.
En base á Disposición adicional II da Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural da Galiza: "As áreas de protección para os elementos puntuais [...] estarán constituídas por unha faixa de profundidade medida desde o elemento ou vestixio máis exterior do ben que se protexe de: [...] 200 metros, cando se tratar de restos arqueolóxicos (mámoas, dólmenes, petróglifos, castros, etc.). Cando varios elementos singulares se artellen nun conxunto, a área de influencia trazarase a partir dos elementos máis exteriores do conxunto, abranguendo a totalidade daquel".
O pobo é consciente de que enfrontarse -coa lei por diante- ás todopoderosas industrias eólicas é unha "fazaña" quixotesca, mais, o pobo tamén sabe que o silencio da autoridade é mostra evidente de ignorancia e/ou complicidade co invasor.
Parabéns polo artigo ao sensibilizarmos sobre os estragos que se están a producir en aras do progreso (¡Ja,ja!). Vou compartir o vosa denuncia nas Redes Sociais. O meu apoio.
ResponderExcluirLémbrame moito a loita teense pola protección do Monte Piquiño. Ver:
ResponderExcluirhttp://ccaa.elpais.com/ccaa/2012/06/07/galicia/1339100315_543610.html