Vai uns días soubemos da noticia de que definitivamente a estela da Pedra Alta quedaba no seu lugar de orixe onde desde vai case un ano os veciños, e asociacións culturais da zona levaban presionando para que quedase na bisbarra, nun futuro museo local.
En toda esta longa reclamación da xente por ser receptora do que sempre foi seu, do seu Patrimonio, da súa memoria, en resume da súa propia identidade e sentido de ser o que son, de comunidade, houbo situacións que mesmo foron duras e difíciles como a decisión do propio descubridor Xosé L. Lozano de non entregar o monolito, aínda baixo ameaza inminente de sanción, a non ser que quedase no lugar.
Hoxe en día esta idea, a de que a xente é, debe ser protagonista do seu Patrimonio e que unha pedra non é só unha pedra senón o que significa, significou e pode significar no seu entorno e entre as súas xentes, triunfou. Daquela nos días das ameazas administrativas o amigo blogueiro "Pequeno Historiador", posteara na nosa entrada da Hora dos Mouros a ligazón á carta que o "descubridor" indocil mandara a Valedor do Pobo e a outras entidades pedíndolles o seu amparo e apoio.
Cremos, que nada define mellor esa relación entre as persoas, a súa historia e o seu futuro, que o dito naquel texto, que porén é o mellor homenaxe que desde aquí lles podemos facer aos Veciños de Castrelo do Val, -calamos agora nós- estas son as súas palabras:
Fai case tres anos que un menhir da Idade de Bronce saíu da terra nunha pequena finca da Galicia rural. Un veciño da localidade, irmán do dono e amante da historia deuse conta do seu valor histórico e asociou o descubrimento cos seus recordos.
Ese veciño son eu, vivo na comarca de Monterrei, na provincia de Ourense. Esta comarca está bendita polo Río Támega, que deu nome as tribos que se encontraron os romanos e as que deron o nome xenérico de “Tamagani”. Mil anos antes dos romanos, un home puliu unha pedra de granito, traída dende varios quilómetros, para facer a forma dun guerreiro, erguido e cas súas armas. Estivo en pé tres mil anos, os últimos corenta baixo terra, antes deso formou parte dun muro, ao pé dunha calzada romana que vai paralela ao río que da vida a esta comarca.
Ese menhir representa unha oportunidade única de axudar a esta comarca, facendo que represente un inicio, o que evitaría que emigrara tanta xente. Eu persoalmente non coñezo a maior parte da miña familia por estar ela en Arxentina de fai setenta anos. A xeración de 1970 a cal pertenzo encóntrase hoxe en Cataluña, Pais Vasco ou o máis ousado en Australia.
Esta razón non sería suficiente para pedir que se quede na comarca, pero se engadimos que en Verín hai tres balnearios de principio do século XX que funcionan como poden,outros dous en ruínas, existe tamén un castelo medieval do século X e que pertence a Casa de Alba. Hai varios castros nun aceptable estado de conservación e que se poden visitar ao estar cerca das vías de comunicación. O Val é tamén unha vía cara Portugal e a porta de entrada a un parque natural de media montaña como é o “Invernadeiro”. Case toda España coñece o entroido de Verín.
Na miña aldea, Castrelo do Val, hai un castro sen escavar e unha necrópole romana onde se atopou unha ara romana cunha inscrición dedicada a un soldado, o primeiro home do que se ten constancia escrita na comarca. Esta estela e mil anos anterior, e tamén deixa constancia en forma de petroglifo doutro habitante da comarca, un guerreiro e posible xefe de clan que foi admirado e recordado polos seus coetáneos.
Son todas boas razóns para que o menhir, chamado “Estela do Guerreiro de Pedralta”se quede. Lamentablemente a lei di que ten que estar nun museo, o Museo Arqueolóxico de Ourense, que leva doce anos pechado, para estar ao lado doutras estelas, partes da historia doutras comarcas, partes que quedan ocultas e descoñecidas para moita xente. Se finalmente e trasladada a capital, toda esta historia perderase, quedará fóra de contexto ó estar acompañada doutros obxectos alleos e ó non poder ver a paisaxe e sentir o clima que rodea cada pedazo de historia.
O Guerreiro segue na súa chaira, PARABÉNS
¡Muy bien! este tipo de piezas tiene que estar en su lugar de origen si hay suficientes garantías para su protección y seguridad, como es el caso. No veo por qué todo tiene que estar en un museo, por comodidad no, a la gente que le gusta la arqueología y a los profesionales no les importa viajar, observar el contexto originario, aprender del entorno, es más, lo prefieren a visitar un museo. Este tipo de decisiones fomentan la autoestima del pueblo, y dinamizan su economía. Me alegro mucho.
ResponderExcluirA. Galíndez