Continuando a nosa viaxe polo Norte de Portugal preséntovos hoxe as gravuras rupestres de Lomar. Este xácigo atópase emprazado na freguesía de Luzim, no término municipal de Penafiel.
O conxunto está formado por case un centenar de motivos variados, tallados nun pequeno penedo granítico aplanado que se destaca do solo.
Entre os símbolos representados abundan os pedomorfos, agrupados e aliñados en diferentes posicións, varias coviñas e algúns motivos halteriformes e paracirculares.
Existen aorredor de trinta exemplares de coviñas cunha profundidade máxima de cinco centímetros. Ademais destes elementos, existen outros interpretados como posíbeis pegadas humanas, como dúas coviñas en forma de ferradura.
Hai ademais tres conxuntos de petroglifos, un deles asociado a catro fondos surcos de evidentes contornos antropomórficos.
Na actualidade descoñécese o verdadeiro significado deste núcleo artístico así como a simboloxía dos motivos representados. Os pedomorfos, por exemplo, moi comúns neste tipo de arte rupestre, son normalmente interpretados como a representación esquemática do pé humano, podendo asociarse á ideia dun itinerario ou camiño.
Hai varias interpretacións que relacionan esta arte esquemática e abstracta non só coa sacralización dos lugares, senón tamén coa delimitación territorial e con rituais iniciáticos.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.