10/04/2009

Vilagarcía preservará o patrimonio do municipio inventariando os bens culturais materiais e inmateriais da localidade


Xornal de Galicia
10/4/09

O Concello disporá a finais deste ano dunha nova ferramenta para preservar o patrimonio histórico cultural e etnográfico do municipio. Trátase do Inventario do Patrimonio Cultural que realizará a empresa Alicerce e no que se recollerán tanto os bens culturais materiais como os inmateriais. O inventario aportará a materia prima para a posterior elaboración dun Plan Interpretativo do Patrimonio Local que determine actuacións de conservación e propostas para a creación de novos espazos expositivos.

A iniciativa de crear este Inventario do Patrimonio Cultural do Municipio parte da Concellería de Xestión do Territorio. Aínda que o Concello dispón dende a aprobación do último Plan Xeral de Ordenación Municipal dun Catálogo Municipal de Bens a Protexer, este só ten como obxecto o patrimonio arquitectónico e arqueolóxico. O Inventario irá moito máis alá, xa que, aparte de recoller os elementos do anterior, incorporará outros novos como os petroglifos descubertos recentemente en Xiabre, así como obras da arquitectura doméstica, industrial, civil e relixiosa, conxuntos urbanos e rurais, conxuntos e elementos botánicos, xacementos arqueolóxicos e elementos etnográficos do tipo de cruceiros, fontes, lavadoiros, hórreos, muíños, pontes e pontellas.


Como xa se dixo, aparte de edificios e construcións de diverso interese cultural, o inventario incluirá outros bens como documentación cultural, así como unha ampla relación de usos, costumes, festas ou traballos tradicionais de arraigo popular que se atropen en perigo de desaparición e que se consideren interesantes a efectos de ser investigados e postos en valor de cara ao seu coñecemento por parte das xeracións futuras.

A única excepción neste Inventario Cultural será o patrimonio oral relacionado co mundo mariñeiro (ditos populares, cancións, toponimia...), pola sinxela razón de que todos estes elementos son obxecto doutra iniciativa xa prevista para as localidades de Carril e Vilaxoán e que está vinculada ao desenvolvemento do Programa Arousa 21.

As previsións da Concellería que dirixe Marcelino Abuín son que os traballos de elaboración do inventario se leven a cabo ao longo do ano 2009 para iniciar a segunda fase deste proxecto no 2010. Unha vez identificados todos os elementos farase preciso establecer unha estratexia de posta en valor e de traslado á sociedade da riqueza do patrimonio cultural vilagarciá. Será a través da redacción do Plan Interpretativo do Patrimonio Local, no que se establecerán medias a curto e medio prazo que servirán de guía á política municipal sobre patrimonio de cara ós próximos anos.

Este documento, para o que se terá como base de traballo o propio Inventario, incluirá medidas de protección, un plan de actuacións para a restauración e conservación dos elementos patrimonias e un programa de posta en valor dos mesmos, co obxectivo de achegar o patrimonio aos cidadáns a través da creación de novos espazos expositivos, rutas e itinerarios históricos.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.