14/05/2009

O Cosmos, os Maios, a Santa Cruz e o traballo...

Opinión de A Coruña
O Labirinto do Alquimista
Felipe Senén López Gómez
3/05/09

Maio, ese tempo do almanaque consagrado á diosa romana Maia, segundo a mitoloxía clásica a maior e mais fermosa das sete Pleiades, as fillas de Atlas e da ninfa mariña Pleione. Maia, deusa da que deriva o nome María, a deusa boa. De apelido Atlánticas e Pleiades, fillas pois desa confluencia do Cosmos e do Océano. Identificadas con esa constelacións de máis de catrocentas estrelas , na que se fan sobranceiras as sete máis escintilantes. Sempre o cabalístico número sete. Asoman no hemisferio norte e póñensen en conxunción co Sol no tempo que vai de maio a novembro. Os meses recomendados para o traballo no agro, para sair da casa e abrir fronteiras, para os periplos de noutrora, odiseas de futuro incerto. Sabíano ben os adiviños magos e meigas de noutrora, e neste país noso fisterrán moi en especial. Cousa especialmente sabida polos miticos tartessos e coincidente coa milenaria tradición china e mesmamente maia, ¿casualidades? Un universo de mitos e ritos levados a grandes construcións con significación astral que se perden no Megalitismo. Moitos templos gregos estaban orientados á posta ou a saída das brilantes Pleiades.


Veleiquí astroarqueoloxías para aquixotar e tolear. Ao fin e ó cabo somos ínfimos anacos de estrela, po cósmico namorado. Na cultura clásica as Pleiades representábanse como sete aves e atopámolas nas lendas castrexas, asociadas a tesouros, como a da galiña cos sete pitos de ouro, tema representado no medievo. Mesmamente sábese i está documentado que perto da fervenza do Xaias e no monte Pindo carnotán atopouse un medallón de bronce, do que se conserva debuxo e foto, coa representación das sete Pleiades a xeito de cabezas de ave, semellante ó que se repite nun tímpano da igrexa románica leridana de Cubells. Medallón e tímpano que no seu esquema compositivo xeométrico reiteran influenzas orientais. A simboloxía estará en relación coas eternas preguntas que se fan no camiño da vida: aves-ovos, caos-cosmos, principio-fin...

Maio, tempo baril onde a conxunción dos Catro Elementos e o traballo frolece para facerse froito. Tempo de nostalxias, no que se tenta lembrar ou regresar ós paraisos perdidos e celebramos a Árbore da Vida, a que afunde as súas raiceiras na terra e ergue as ponlas á luz para verdecer e dar froles , froitos e sementes... ponlas nas que rechouchian os paxariños e baixo a súa sombra acóllense os labradores no seu acougo. Árbore do porvir, celebrada en todas as culturas, reconvertida polo cristianismo en Árbore de Redención, cosmogonía, cruz de sufrimento e renacer. Por algo o profano e o sacro conviven nestes primeiros días do ano en Galiza. Celébrase á árbore frolida en procesións de maios, a un tempo que se fan as romarías da Santa Cruz en moitas carballeiras ou amieirais, espazos abertos, onde mellor soa a gaita e o pandeiro. Nos miles de santuarios que din gardar a reliquia dun Lignun Crucis é o día de expolo e bicalo, de sacar a relocir diante da procesión danzas ancestrais de cintas e arcas de cor.

Pero hai outras advocacións, substratos de cada tempo: no I Congreso Internacional dos Traballadores, celebrado en París no ano 1889 e a raíz dos acontecementos de Chicago, nos que os traballadores esixían a xornada de oito horas diarias, acordóuse que o primeiro día de maio, con tantos ecoares tradiconais, de traballo e frolecer, fose celebrado como a festa da paz e do traballo, na busca dun mundo xusto e igual. Xornada do proletariado, dos traballadores, unidos en manifestacións reivindicativas baixo os símbolos do internacionalismo. Nesas mudas interesadas, ás que é tan propensa a igrexa nomeando e disfrazando santos a súa comenencia, atravéndose incluso a convertir as súas imaxes en guerreiros matarifes, no 1955, o papa Pio XII adxudicou a mesma data á advocación de San Xosé Obreiro, ó carpinteiro bo, afeito ó que lle boten. Hai santos para todo. O franquismo, o que dende os seus primeiros días do 37 suprimira a celebración internacional do traballo, aproveita a norma vaticana para nesta reserva de occidente darlle matices enxebres hispánicos dentro do nacionalcatolicismo. Celebrarase a festa doutro xeito e baixo a batuta da dictadura, con demostracións sindicais nos estadios e pavillóns. Formacións de atletas de alpargata, en camiseta branca e calzóns azuis, folclorismo entre himnos e timbais tapando en xogos xeométricos os problemas, glorificando á trindade: deus, patria, dictador. Namentres en moitas aldeas sobrivivían os maios. E aínda en cidades, como en Pontevedra, onde o sabio Filgueira Valverde, ben a roupado pola boa vila, estudou, espallou e revitalizou o simbolismo de festa, dando puntual cumprimento ó ritual sacroprofan. Actividade que requeria a súa preparación: armar estructuras de madeira, a xeito de conos, cruceiros ou calquera outra forma que invente o maxín, para logo cubrilos de verde e de canta frol hai nestes días, tamén con grinaldas de laranxas, limóns e aínda con ovos. Os nenos disfrázanse, cobríanse de verde natural, arromedando a árbores andantes; as nenas coróanse de froles, como puttis de retabos italianos... e todo queréndose cubrir de vida, de frol, verde e cor: nas portas, nas limieiras, nas xanelas, nos balcóns das casas.... Unha polícroma arte efímera seguindo a tradición, para logo levar os maios en andias, como ídolos, marcando o ritmo batendo paus, cantando coplas satíricas nas que se critica ós malos vicios prendidos na sociedade. Homenaxe á árbore, ó ramo, enseña de fartura nun tempo propicio de ritos de iniciación e de pasaxe na vida.

Festas neste planeta do cosmos, baixo unha e outra advocación e no fondo a mesma mensaxe para esconxurar o mal, pronunciada en diferentes idiomas, acentos e xeitos: solidariedade, traballo e paz. Así sempre haberá moitas outras frolidas primaveras.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.