26/11/2012

Recuperan un petróglifo en Muíños oculto durante anos pola vexetación

La Voz de Galicia 
14/11/2012
Ourense
O petróglifo de Pazó representa unha serpe rodeada de coviñas
FOTO: Martiño Pinal

O petróglifo de Pazó, en Muíños, estaba catalogado por Patrimonio pero levaba máis dunha década escondido entre a vexetación dunha leira nos arredores da aldea. Desde esta semana pode visitarse grazas ao empeño do arqueólogo David Pérez e do escultor Toño Monteiro, desde o proxecto O Bosque Máxico. 

«Fai varios anos andiveramos mirando de localizalo, e o Concello daquela limparao e volveu quedar de novo no esquecemento. Agora decidimos comezar por recuperar o petróglifo de Pazó. Viñemos á súa procura e localizámolo outra vez, xa se andaba por este espazo. Limpámolo e polo menos tratar de que quede ben visible e sinalizado. Así quedará preservado», di Pérez. 

A leira é particular e estaba impracticable. A roca dos gravados é de gran tamaño, situada ao fondo da leira, xusto no bordo dun precipicio. A parte gravada está a rentes do chan, orientada en dirección Este-Oeste, polo que o petróglifo recibe a primeira luz do sol e a do atardecer. A súa temática é abstracta, presenta varias e pequenas cazoletas dispostas en círculo, e ao seu lado contémplase un elemento serpentiforme. Nun extremo, outras catro coviñas forman un cadrado. O arqueólogo explica que este petróglifo, como outros, «amósanos unha incipiente manifestación relixiosa na que os astros desenvolverían un papel importante». Engade David Pérez que eran sociedades dependentes da natureza polo que sería posible que realizasen algún tipo de culto aos astros para garantir a sustentabilidade do seu ecosistema. Este elemento arqueolóxico de Pazó dataríase, segundo David Pérez, «na transición entre a Idade do Cobre á Idade do Bronce, aproximadamente entre os anos 2.300 a 1.800 antes de Cristo».


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.