20/11/2012

Destrúen un petroglifo e unha mina en Laza



Traballos de un curtalumes en Laza afectan a unha mina de ouro e destrúen un petróglifo


Laza - 20-11-2012

A Asociación Cultural Alto Támega denuncia              os feitos e cualifícaos de "moi graves"

A Asociación Cultural Alto Támega de Laza denuncia a destrución recente do petróglifo "O Penedo dás Grallas" no pobo de Navallo, parroquia de San Pedro de Castro de Laza e a afección a unha mina de ouro romana no límite entre as parroquias de Laza e Castro de Laza, por maquinaria pesada que traballaba nos curtalumes fai uns poucos días.

A asociación considera esta afección á cultura moi grave, os dous xacementos estaban sen catalogar porque foron recoñecidos recentemente pola Asociación Cultural, e aínda "non nos dese tempo de comunicarlle a Patrimonio a súa existencia".

Na mina de ouro sinala foi removida a terra de varias canles de condución de auga e parte dela quedou enterrada pola terra dos curta lumes. A peor parte asegura levouna o petróglifo do Penedo dás Grallas, que quedou practicamente destruído ao pasarlle por encima un bulldozer.

Este petróglifo tiña unha lenda que dicía que o cabalo de Santiago saltou desde aquí até o penedo da Gándara Vella. Os gravados constaban de 25-30 "cazoletas ou coviñas", algunhas de tamaño moi considerable, distribuídas por toda a superficie da roca de lousa.

O mesmo estaba na contorna dunha zona moi rica en petróglifos sobre lousa, algo pouco común en Galicia, preto da Estación de Arte Rupestre dás Pisadiñas en Laza, unha estación con dez penedos con gravados de ferraduras, podomorfos, cruces, símbolos fálicos, mans, con "unha importancia patrimonial indubidable, e que están a ser divulgados e visitados en andainas patrimoniais organizadas pola asociación cultural".

A Asociación Cultural Alto Támega de Laza solicitou da administración competente e da sociedade en xeral "unha maior sensibilización cara ao noso patrimonio irrepetible, e un control máis exhaustivo dos traballos con maquinaria pesada no monte, para que feitos como este non se volvan a repetir".


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.