25/07/2011

Patrimonio apraza o seu visto bo á recuperación das mámoas de Castiñeiras e pide un proxecto

Faro de Vigo
20/07/2011
Bueu

A Comisión Territorial de Patrimonio tiña que decidir onte se autorizaba os traballos que pretende realizar o Concello de Bueu nas parcelas nas que están localizadas tres mámoas e así integralas dentro das zonas verdes do novo tanatorio municipal. Con todo, o ditame aprázase como mínimo até o próximo mes de setembro posto que os técnicos solicitaron máis documentación ao consistorio. Inicialmente remitiuse un anteproxecto, pero onte solicitouse unha proposta máis concreta antes de dar o visto e prace á actuación.

Imaxe das escavacións realizadas durante o inverno pasado
na área afectada polas obras do tanatorio

Isto implica que durante as próximas semanas realizaranse novas prospeccións na contorna da parcela anexa ao tanatorio, duns 6.000 metros cadrados, e na que está o coñecido como Cristo de Morouzos. O obxectivo é comprobar o estado do subsolo e se existen na zona máis restos patrimoniais de valor. Hai uns meses realizouse unha primeira sondaxe, aínda que se centrou na zona na que se constrúe o edificio e con resultados negativos. A proposta municipal para esta parcela inclúe o acondicionamento de accesos peonís ao tanatorio, axardiñamento da contorna, plantación de novas árbores e posta en valor dunha das mámoas, o que leva a instalación de paneis informativos.

As outras dúas mámoas emprázanse nun terreo que está alén da calzada, preto das naves do polígono, e entrarían dentro deste proxecto. O alcalde budetense, Félix Juncal, apunta que os traballos realizaranse con medios propios do Concello e avanzou que a Administración local poderá contratar en breve a tres xardiñeiros, dous canteiros e un oficial de carpintaría grazas ao Plan de Cooperación da Xunta de Galicia. Doutra banda mantense a previsión con respecto á conclusión das obras do tanatorio, que poderían estar concluídas en setembro.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.