28/03/2009

O Consello da Cultura Galega presenta o informe "Ocio e hábitos culturais dos galegos"

O pasado día 24 deuse a coñecer o “Informe sobre ocio e hábitos culturais dos galegos”, tendo en conta a contribución da “Enquisa de condicións de vida das familias” e as variables de idade, sexo, situación xeográfica, nivel de ingresos e nivel de estudos.

A conclusión principal deixa ver que en Galicia poden establecerse algúns patróns de hábitos e consumo cultural directamente relacionados coas condicións socioeconómicas e demográficas.

Polo que se refire á idade, os menores de 30 anos son os que mais compromiso amosan coa participación e coa práctica de actividades culturais e deportivas. Porén ven menos a televisión e len menos xornais que os maiores. Mais do 90 por cento da xente nova aposta pola música cando sintoniza a radio e un 42 por cento prefire as publicacións de animación e tira cómica no canto das noticias e os deportes. Manéxanse tamén preferentemente co DVD e o vídeo, soportes que non utiliza nunca mais da metade da poboación maior de 30 anos.

O informe explicita que son as mulleres as mais lectoras de libros, pero non de xornais, e asisten en maior número que os varóns a concertos, teatro, cine, museos, exposicións, etc. Os homes, pola contra, prestan moita mais atención aos espectáculoss ou eventos deportivos.

O estudio permite tamén descubrir diferenzas nos hábitos e comportamentos entre os habitantes das cidades e os das zonas rurais. Os primeiros asisten en maior número aos eventos culturais, xa que dispoñen de mais e mellores equipamentos e ofertas.. Debe terse en conta que os núcleos menores de dez mil habitantes presentan significativas deficiencias cuantitativas e cualitativas en materia cultural. Se falamos da asistencia ao cinema, vemos un 40 por cento nas áreas urbanas, que cae a pouco mais do 10 por cento nos núcleos rurais. Esas procentaxes serven tamén para contrapoñer os índices de lectura entre as cidades e o medio rural, nomeadamente a Galicia interior. O único indicador salientable no mundo rural, como tamén entre a poboación de mais idade das áreas urbanas e o altísimo consumo televisivo.

Por outra parte, os niveis de ingresos teñen tamén particular influencia nos hábitos culturais. Máis da metade dos galegos con ingresos inferiores a 600 euros mensuais non asisten nunca a espectáculos e eventos culturais ou posúen menos de 10 libros no seu fogar. O mesmo sucede coa lectura de xornais e revistas, unha práctica que medra cos maiores niveis de ingresos. Aparece así unha diferenza de máis de 20 puntos porcentuais entre os mileuristas galegos e os que cobran máis de 2.000 euros mensuais (21% fronte ao 43%).

Algo semellante sucede co nivel de estudos. A maior nivel, maior dedicación ás actividades culturais. Hai unha excepción no tocante á lectura de libros, mais alta entre as persoas sen estudos superiores, aínda que non sucede o mesmo cando se trata de utilizar os servizos das bibliotecas.

Máis INFO:http://consellodacultura.org/

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.