14/03/2010

Santa Bárbara bendita...

La Opinión de A Coruña
14/03/2010
Felipe Senén López Gómez

Caen os lostregazos por todos os recantos e lembrámonos de Santa Rita cando trona. Non escampa o panorama. Os santiños, como as musas, estarán de vacacións extraterrestres? levan algúns meses sen deixar ver a súa intercesión entre os mortais e os deuses. Poida que se cansaran de comenencias e do abuso por facer deles bombeiros ou forenses en negocios. Arriba non se nos fai caso do que pedimos: bo tempo, sorte, negocios, inspiración.... Desamparado e descontrolado este noso mundo semella estar da man dos demos e do seu caos: tremores, tsunamis, vendavais, ciclóns, neve por aquí e por acolá... a lagoa de Antela, o río do Esquecemento e outros recobran o que foi seu, agras asolagadas, as xeadas non deixaron medrar os grelos, chove, chove na casa do probe.... todo sae de nai . E por si fora pouco tamén trona nos parlamentos, andan desmadrados os comentarios e os comportamentos dos políticos, elixidos pola forza das propagandas. Que andazo é este?, preguntan os máis crédulos. E concluímos cos estereotipos nos que se tenta coutar unha cultura ancestral e sabia. "Malo será", outro xeito do "a velas vir" co que neste país desartellado, fóra de si, conxugamos toda esperanza. "Mexan por un e din que chove", e agora, ante peregrinacións vaticanas "mexan auga bendita" , metaforseamos acudindo ó popular.


Por algo estamos afeitos ós entroidos. Aguantámolo todo. Nin tan sequera os conselleiros, unxidos por solemnes xuramentos, benditos polos incensos e os inmerecidos aplausos das adulacións, medrados, son capaces de improvisar e corrixir as pedantes confeccións literarias, de máquina, que lle pasan os seus liberados asesores. Namentres, outro que tal baila, nesta treboada, ínchase de globoflexias e súmase a arremedar a unha muller na súa marxinalidade. Esperpentos que estamos afeitos a ver dentro e fóra da TVG. Para máis escarnio unha política incapaz de corrixir a súa verborrea, nun discurso de descreto dos líderes do Estado, saca algo que existe ó noso pesar e por algo e califícaos aleivosamente como "gallegos en el sentido más peyorativo de la palabra". Estes, unxidos no privilexio, causantes de crises pros demais, capaces de ceivar calquera frivolidade, compórtanse como sucedáneos pijos de la calle Serrano realoxados nos despachos do Hórreo compostelano. Mais lle aquecería unha desas tertulias rosapurpurinadas do canal cinco.

O espíritu sabio e bondadoso dos santiños ou das musas non queren xa pousarse por aquí e controlar os comportamentos meteorolóxicos e ilóxicos. E velaí que esta terra e tempo andan mal de saúde, revoltos. Por unha banda fálase do requentamento do planeta e pola outra os xeos e as xeadas cóbreno todo, os ventos, as augas e mesmo o falar non teñen cancelas. O mapamundi desbordado.

Fumos educados -ou maleducados, porque nisto somentes hai as dúas alternativas- nun xeito de ciencia ficción, entre imaxes de santiños e próceres idealizados, cada un avogado protector de cada cousa, caciques divinos e terreais, milmañas arreglaotodo. Vivimos entre estampiñas e propagandas, sempre hipocritamente embetumando en adulacións, para finalmente pedir a gracia que se desexa alcanzar. Entre elas e disposta para todo tipo de artillerías, bombardeos e pirotecnias divinas e terreais, a imaxe de Santa Bárbara, representada con saias e mantos roxos e verdes, cos seus ollos en orgasmo cósmico, coa palma do martirio na man e tocando unha torre coa outra. Sábeno ben os artilleiros, que aproveitan a súa onomástica, cada 4 de decembro, para celebrala entre bandeiras, redobres de tambor, cornetas, canóns, escopetas e disparos de pólvora. Santa exemplarizada nos sermóns do precepto, que se dicía con vida en tempo e terra de mártires... esfolada polo seu mesmo pai, para nesa faena do martirio da súa filla ser fulminado por un raio divino.... Navegantes venecianos levaron as reliquias a esa súa cidade de fantasías reais, onde todo se fai posible e se escribe na auga.

Santiños e musas paganas, creacións populares que regulamentaban divinamente o tempo e os comportamentos. Inventos que compren para amarrar a eles limitacións e medos.

O nome de Santa Bárbara, o que tamén nos traía á lembranza a aquelas outras bárbaras e usulas, ás suecas coas que se enzoufaban as miradas reprimidas e se disfrazaban de loiro as penurias da década dos sesenta. Bárbara ó fin, nome ben acaído, para alterar o orde da "reserva espiritual de Europa". "Si eu fixen tal mundo que o Demo me leve", escribía Curros. Voltarán entón os bárbaros.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.