22/03/2010

Roteiro Cultural "Camiño dos Arrieiros"

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes xunto á Liga Céltiga Galaica, e coa colaboración do Clube de Montaña O Caxado, a Asociación de Estudos Históricos Hume e a Asociación Informática Amigus organizan un roteiro cultural polo Camiño dos Arrieiros para o día 27 de marzo. A actividade está deseñada en dúas xornadas. Para esta primeira, establécese un percorrido duns 20 km. a través dos concellos das Pontes e Mañón. A saída terá lugar o sábado 27 ás 10 da mañá diante do local da A.VV. das Campeiras.

A inscrición é gratuita e estará aberta ata o día 26 de marzo. Todas as persoas interesadas en participar poden inscribirse na páxina web da asociación informática amigus ou ben a través dos teléfonos 665 491 312 ou 636 312 271.


O Camiño dos Arrieiros
O Camiño dos Arrieiros ou Camiño Grande discorre ao longo duns 42 km., unindo As Pontes co porto de Vares. Este camiño tense empregado dende a Prehistoria como vía de intercambio comercial, constituíndo unha das rotas principais de comunicación entre os pobos do noroeste peninsular, das Illas Británicas e da península Armoricán. A vía recibe o nome dos chamados arrieiros, que durante séculos transportaron todo tipo de mercadorías ao lombo de mulas e cabalos.

Máis de 200 mámoas emprazadas nas serras da Faladoira e Coriscada, flanquean o camiño dende As Pontes a Vares. Estas construcións prehistóricas forman xunto coas pedrafitas e as cruces de pedra unha unidade patrimonial de especial interese, que fan do Camiño dos Arrieiros un dos activos culturais máis importantes do territorio.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.