16/01/2009

As chagas do patrimonio

El País
16/1/09
Edición Galicia
Por Oscar Iglesias

As "pexas asumidas" adían o debate sobre difusión e exhibición arqueolóxica - "As feridas abertas entre Universidade, empresa e Administración non estiñaron"



Arredor de 3.500 castros, entre 7.000 e 8.000 mámoas, preto de 2.000 petroglifos e uns 15.000 xacementos, segundo estimacións oficiais, compoñen a posible suma dos elementos arqueolóxicos do país. O inventario, como tal, está en papel. "Logo de tantas campañas non debería haber problemas nese campo", ironiza Francisco Fariña, director do Museo Arqueolóxico de Ourense. "Pero os números non teñen significación se non inclúen cronoloxía e desenvolvemento interno. Cada xacemento debe ser coñecido per se, e o número non pode ser desculpa para a destrución sen investigación previa".

A cuestión da conservación encerella un tema, a reconstrucción histórica do pasado, con moitas contas pendentes. Nun estudo sobre patrimonio megalítico na Costa da Morte, coordinado polo profesor Antón Rodríguez Casal, atopáronse só 304 das 413 referencias tumulares e megalíticas fichadas entre Malpica e Muros. As causas da destrución de alomenos 16 monumentos megalíticos -mámoas como as de Mosquetín, A Piosa ou O Allo-, durante o que algúns arqueólogos denominan anos de chumbo, ían desde a construción de infraestruturas vencelladas a parques eólicos ou antenas de teléfonos ata canteiras ou viais. "E iso malia que sería preceptivo o estudo previo de impacto ambiental".

A referencia ao chumbo, nun sentido de opacidade aplicada á xestión arqueolóxica durante o Goberno do PP, é do tamén profesor Ramón Fábregas. Do proxecto coordinado polo catedrático de Prehistoria na cova de Valdavara, en 2007, cun asentamento do Paleolítico superior, saíu unha alfaia de 17.000 anos: o primeiro adubío persoal achado nunha escavación científica en Galicia. Para Fábregas, "sería bo recuperar a financiación específica dos proxectos de investigación, retirada nos primeiros 90". "Foi un erro". Así tamén a xénese da Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, cos célebres parques de Campo Lameiro (arte rupestre), San Cibrao de Lás (cultura castrexa), Soneira (megalitismo) e Lugo (mundo romano), cun orzamento global de 18 millóns de euros de 2001 e deseñados, segundo o daquela titular de Cultura, Jesús Pérez Varela, "para recuperar a memoria histórica e potenciar a oferta turística". "Non se contou coa comunidade arqueolóxica", lamenta Fábregas, para quen o problema actual é "a inercia e outras pexas asumidas do Goberno anterior: a Cidade da Cultura".

As zonas de sombra da investigación afectan sobre todo ao que non é monumental, pero, antes ca nada, á construción de sentido do traballo arqueolóxico. "A constitución étnica da Gallaecia segue sendo obxecto dunha tremenda polémica entre historiadores e arqueólogos, celtistas e anticeltistas", exemplifica. "E tamén é certo que para crear unha grande obra cómpren 15 anos. Penso que a evolución da arqueoloxía desde 2005 é, no seu conxunto, positiva".

No traballo de ordenación do actual gabinete publicouse o volume de actuacións arqueolóxicas de 2006. O último ano con memoria e xínea de empresas e proxectos contratados era 1989. Fariña pregunta polas "razóns dun silencio de 16 anos". Os únicos datos oficiais da época, da USC, só atinxen ao montante económico derivado de proxectos de investigación entre 1998 e 2002: sobre 2,9 millóns, o departamento de Historia I (Prehistoria, Arqueoloxía, Historia Antiga) levou case o 70%. 1,35 foron para o Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais que dirixía o ex coordinador da Área de Humanidades do CSIC, Felipe Criado.

Para Antonio de la Peña, experto en arte rupestre, "hai menos sectarismo, pero é difícil torcer anos de rutina". En 2008 reuniuse a comisión técnica de arqueoloxía, por primeira vez desque en 1997 se promulgara o decreto que regula a actividade, complemento dunha Lei de Patrimonio (1995) nacida sen o prace dos arqueólogos nin da oposición. "As feridas abertas entre Universidade, empresas e Administración non estiñaron", resume o arqueólogo Anxo Felpeto. "A lóxica administrativa acumulada durante tantos anos rompeu o elo coa sociedade".

Antes de extraer as derivadas entre musealización e ritualización, tamén pendentes de consenso, Felpeto recupera o punto de partida: "Botamos de menos a información da xente a pé de parroquia. Ninguén lles fixo ver que o que nos dicían era importante".


ENTREVISTA:
Luces FELIPE ARIAS Director xeral de Patrimonio



"En Galicia xa non só se fai traballo de xestión"

"Unha das preocupacións era traballar en todo o país", remarca Felipe Arias (Lugo, 1950). Dío en referencia aos grandes complexos de contido arqueolóxico, "en redefinición". Arias, prudente, remarca que agora "xa non só se fai arqueoloxía de xestión". En 2006 incoáronse máis expedientes sancionadores ca nos dous anos anteriores.

Pregunta. A normativa segue dificultando as escavacións.

Resposta. Non se deixa de escavar por impedimentos administrativos. Outra cousa é que haxa quen pense, e podemos estar dacordo, que a normativa é moi intervencionista. Esa eiva regulamentista está aí, é unha das cuestións pendentes de revisar. Foi das primeiras cousas que se tratou na comisión técnica de arquitectura, na súa primeira reunión en dez anos.

P. Cales foron as liñas de traballo nos principais xacementos?

R. Unha das nosas teimas foi espallar a actividade arqueolóxica en todo o país. En todas as provincias se fixeron escavacións, promovidas polos investigadores, pola propia Xunta ou en convenios cos concellos e coas universidades. Quixemos que a Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico se atendese como tal rede. Unha das queixas que había antes era que só se facía arqueoloxía de xestión. Iso hai que seguir facéndoo porque as obras públicas están aí, pero o abano abriuse.

P. Visualizouse a redefinición dos catro grandes centros da Rede Galega de Patrimonio?

R. Veráse mellor cando estean feitos. Este ano abriránse Campo Lameiro e San Cibrao de Lás. Evidentemente non tiña sentido poñer unha gran biblioteca castrexa en San Cibrao, coa do Museo Arqueolóxico de Ourense a uns quilómetros. Quixemos facelos máis sinxelos e máis acordes coa demanda do público.

P. Está aberto o diálogo entre Universidade, museos, empresas e Administración?

R. A investigación compételle aos investigadores, nós podemos favorecela. O último libro onde se referenciaban actuacións arqueolóxicas saíu en 1991, e eran actuacións de 1989. Nós sacamos xa as actuacións de 2006, e en breve sairán as dos últimos anos.

P. Diversificáronse as empresas contratadas?

R. Nós quixemos facer actuacións arqueolóxicas e que as fixera quen quixese, sen centrarse só nun grupo.

3 comentários:

  1. Anônimo1/23/2009

    Existe a frase feita de que o mesmo baso podese ver medio "cheo" ou medio "valeiro", o feito de que se reunise agora (unha vez, e certa persoa leva xa tres anos no posto), por fin, unha comisión que de feito tería que terse reunido regular e periodicamente todos estes anos podese poñer como un "logro" ou como un exemplo da falta de seriedade e rigor galopante, cando non como un mero xesto cosmético ... deste xeito non semella tan importante a que se fixese a reunión senon cando se vai/van volver facer (como sería lóxico).

    Do mesmo xeito, podese entender que "xa non hai so arqueoloxía de xestión" ou "a arqueoloxía de xestión segue sendo dominante e mayoritaria dentro do actual modelo, cun porcentaxe moi limitado de arqueoloxía de investigación", e por certo antes tamén se facía arqueoloxía de investigación ainda que a fixesen en grande parte os mesmos de sempre (xa me entendedes), ... ao respecto estaría ben resucitar iniciativas como as series "Arqueoloxía Informes" "Arqueoloxía Memorias", ao menos para que o volumen de información que se esta xerando nas excavacións actualmente teña unha visibilidade que sigue sen ter- o que polo visto ainda nin se lle pasou pola cabeza ao actual possesor do cargo.

    Sobre o do sectarismo que o diga o clán De La Peña-Erias-Calo soa ... irónico non? cando menos.

    ResponderExcluir
  2. Anônimo1/23/2009

    Perdón esquecía que hai eleccións, certa persoa leva xa 4 anos!!! no cargo. Supoño que a coincidencia coas elección será mera casualidade.

    ResponderExcluir
  3. Anônimo1/23/2009

    E non un intento de xustificar un posto

    ResponderExcluir

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.