11/10/2009

A Plataforma na Defensa do Patrimonio das Pontes anuncia que levará ante a fiscalía esta nova agresión ao patrimonio arqueolóxico


Logo de se cumpriren máis de dous anos da destrución dos restos do círculo lítico da Mourela, as máquinas que traballan no selado dos taludes da autovía AG-64 veñen de destruir parcialmente un dos túmulos que se atopan emprazados a escasos metros dos noiros da autovía.


Cando a Dirección Xeral de Patrimonio levantou a cautela sobre os restos arqueolóxicos do círculo da Mourela, estableceu unha serie de medidas de protección para as mámoas que todavía permanecían no lugar. A balización das mesmas, o respecto das súas áreas de protección (50 m.), foron algunhas destas medidas, que tal e como denuncia a Plataforma foron incumpridas. Non só non se respectaron estas medidas, senon que ademais reduciuse drásticamente a distancia entre os elementos arqueolóxicos e o bordo dos noiros, sinalan dende a Plataforma.


O último desmán cometido no lugar ten que ver cun camiño de acceso que abriu a empresa que executa o selado dos taludes, ao carón dunha das mámoas. Metéronlle unha escavadora nun dos laterais do túmulo, botando os escombros enriba do elemento arqueolóxico, denuncia a asociación pontesa. A mámoa destruida está protexida pola Lei de Patrimonio e inventariada no catálogo autonómico de elementos arqueolóxicos, co código GA15070127. Non pode ser que se establezan unhas medidas de protección que despois sexan incumpridas reiteradamente por parte de quen ten a obriga de facelas cumplir. Nos vindeiros días poñeremos estes feitos en coñecemento da fiscalía, pois entendemos que hai responsabilidades graves que se queren eludir e non imos a permitir que se faga da Mourela unha terra de naide.


Dende a Plataforma piden ás autoridades competentes a paralización das obras que se están a acometer nas inmediacións do elemento afectado, coa fin de facilitar a apertura de dilixencias para esclarecer os feitos e valorar a magnitude dos danos. Solicitan ademais a restitución do elemento e a sinalización por medio de balizas das áreas de cautela arqueolóxicas das tres mámoas que aínda permanecen na Mourela.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.