Mariñapatrimonio denuncia perante a Dirección Xeral de Patrimonio e ante o SEPRONA o traslado, presuntamente ilegal, de materiais arqueolóxicos mesturados con area procedentes da destrución que Promociones San Ciprián provocou en decembro de 2007 no xacemento arqueolóxico inventariado do castro de San Cibrao. Estes materiais que permanecían nunha finca fronte á gasoliñeira de Cervo están sendo trasladados ao polígono industrial de Foz, incumprindo o que determina a lei para a remoción de terras con restos arqueolóxicos.
ANTECEDENTES:
Entre os días 10 e 14 de decembro de 2007, Promociones San Ciprián, S.L. destruíu parte do perfil norte da finca afectada pola construción dun edificio de 42 vivendas, quebrantando a orde de paralización que pesaba dende o 4 de xuño de 2007.
Os materiais arqueolóxicos, mesturados con area do xacemento, procedentes desta destrución foron tirados nunha finca en fronte da gasoliñeira de Cervo. Foron 50 camións de restos, que posteriormente se taparon con terra doutro lugar. A pesar do intento de ocultar estes restos, ADEGA rescatou dous muíños así coma fragmentos de cerámica.
Estes feitos foron denunciados por ADEGA o 16 de xaneiro de 2008.
FEITOS:
- A pesar de que estes feitos foron denunciados hai case dous anos e que a Dirección Xeral de Patrimonio coñecía a existencia deste depósito con materiais arqueolóxicos, non se fixo ningunha intervención nel nin se procedeu á súa protección.
- A Lei 8/1995 do 30 de outubro do Patrimonio Cultural de Galicia, artigo 56.3, determina o control por un arqueólogo das remocións de terras que afecten ou poidan afectar un espazo onde se presuma a existencia de restos arqueolóxicos. Neste caso non se trata dunha presunción, senón que a aparición de dous muíños e de cerámica confirman a existencia de material arqueolóxico.
- Este traslado crea un novo xacemento arqueolóxico no Polígono industrial de Foz, falseando a historia e provocando, deste xeito, problemas no estudo da arqueoloxía na Mariña.
POLO EXPOSTO SOLICITA:
1º. A inmediata paralización do traslado dos materiais retirados en decembro de 2007 do castro da Atalaia de San Cibrao.
2º. A paralización das obras no Polígono de Foz, mentres non se comprobe se foron trasladados a este lugar materiais arqueolóxicos.
3º. A realización dunha intervención arqueolóxica nestes restos co obxecto de recuperar os materiais arqueolóxicos procedentes do xacemento inventariado do castro da Atalaia.
Continua o suma e segue de destrucións patrimoniais en territorio galego coa total pasividade das institucións obrigadas a defender o patrimonio (no canto de tramitar denuncias). Cando abrin o blogue sabía que o caso das Pontes era un de máis nunha longa listaxe de atentados contra o patrimonio, pero endexamais pensei que o ritmo fose tan desenfreado. Só con botar unha ollada ao número de entradas do blogue na categoría de denuncia (40) en comparación coas referidas a investigación (9) podemos darnos unha idea de cal é o camiño que están a seguir os especuladores neste país. Precisamos unir forzas, abrir foros de conversación entre as asociacións do país que estamos a traballar na defensa do noso patrimonio, co fin de artellar mecanismos eficaces para denunciar e loitar na mesma dirección.
ResponderExcluirCoido que temos unha tarefa importante que facer se queremos frear isto. Debemos remar xuntos na nao da sinrazón para pór rumbo á protección e a difusión do noso patrimonio cultural.
Ánimo aos compañeir@s de Mariña Patrimonio, que a vosa loita non esmoreza