20/08/2009

Localizado un depósito castrexo en Laxe

A Nosa Terra
19/08/09
Redacción

As prospeccións relacionadas coas obras da estrada AC-443 acaban de tirar á luz en Soesto (Laxe) un importante depósito castrexo da Idade do Ferro, en que destacan muros de máis de tres metros, unha entrada de carácter monumental e unha porta tapiada.

Trátase dun achado moi pouco habitual nas escavacións do mundo castrexo en Galiza: a muralla ten un escalonado característico, e o máis curioso é que ao carón da entrada monumental, á súa esquerda, advírtese unha segunda porta, mais tapiada. Pódese atopar máis información e a localización concreta no blog de Manolo Gago.

Está pendente de verificación até que punto as obras da estrada poden afectarlle a estes restos, malia asegurar a Consellaría de Cultura que o depósito está a salvo. Foi na prospección valorativa realizada polo persoal arqueólogo no trazado da ampliación da estrada AC-433 cando se atopou, na altura do lugar de Castrelo, na parroquia de Soesto (Laxe), unha porta monumental de entrada a un xacemento castrexo da segunda Idade do Ferro.

A escavación, entre varias casas da aldea, amosa un gran muro, dun ancho superior a tres metros, e unha grande entrada de carácter monumental, similares á do próximo Castro de Borneiro ou ao de Elviña, con grandes laxes que cubren o seu chan. Na zona interior poden verse os inicios dun corpo de garda.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.