08/07/2009

Dezasete espazos protexidos da costa galega, baixo ameaza

La Voz de Galicia
8/07/2009
Sociedade

Galiza posúe 1.698 quilómetros de costa, dos que 889, o 52,3%, están preservados baixo algunha figura de protección legal. Pero só sobre o papel. Ou polo menos así o asegura Greenpeace, que no seu informe anual Destrución custe o que custe revela que «aos poucos o hormigón e o cemento van gañando terreo a espazos de indubidable valor, non só ambiental, senón tamén económico».

A situación de deterioro chega ata tal punto que, segundo o baremo aplicado pola organización ecoloxista, os 17 espazos naturais protexidos que se atopan na costa enfróntanse a algún tipo de ameaza. Entre as principais, Greenpeace denuncia o Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia, que pretende aumentar en 755.000 metros cadrados (en total ocuparanse tres millóns de metros cadrados) a superficie destinada a piscifactorías. «É -recolle o informe- unha das maiores ameazas directas para o litoral galego, xa que supón a construción de 13 novas piscifactorías e a consolidación doutras 11 existentes, algunhas das cales aséntanse directamente en terreos da Rede Natura». A entidade denuncia a intención da Xunta de renovar o proxecto para a construción dunha instalación de 300.000 metros cadrados en cabo Touriñán.



Outro perigo é o Plan Eólico Galego, que prevé que un 43% da potencia admitida a trámite no último concurso sexa instalada en espazos protexidos. «Destes -di Greenpeace- un terzo pretenden ubicarse sobre o actual mapa de Rede Natura».

Sobre a edificación na costa, a organización sinala que nos 86 municipios do litoral construíronse en toda a historia 816.000 vivendas e que na actualidade os concellos están recalificando terreos para poder «edificar 680.000 en só 13 anos. Isto supón, por exemplo, máis que as previstas na Costa do Sol».

A deficiente depuración das augas que van ás rías é outra das graves deficiencias que observa Greenpeace. «Moitas das grandes cidades galegas -constata- aínda incumplen os requisitos que establece a UE en canto a depuración. Numerosas depuradoras están saturadas, o que as obriga a verter sen tratamento parte das augas residuais que lles chegan».

No conxunto de España, máis da metade dos espazos naturais protexidos da costa están ameazados, sobre todo en Valencia, Andalucía e Canarias.

Informe interactivo: Destrución a toda costa

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.