14/06/2009

Un vigués abre a vía astronómica á interpretación de petroglifos

La Voz de Galicia
13/06/2009
Galicia

O labirinto de Mogor, no concello de Marín, proporcionou a primeira interpretación científicamente verificada dun petroglifo en Galicia. O profesor vigués de matemáticas José Luís Galovart, abriu a interpretación astronómica destes elementos da arte rupestre, logo de comprobar que o mencionado labirinto sinala o oeste estrito, que se corresponde ao equinoccio actual (270°). Ademais, Galovart afirma que este petroglifo tamén mostra a desviación dos trece grados que existen entre o equinoccio actual e o de fai catro mil anos, ao que apunta a súa entrada con gran precisión. Tal coincidencia nunha mesma peza ten unha explicación para o investigador. «O saber astronómico dos construtores de Stonehenge vai moito mais alá do coñecemento dos movementos anuais do sol, pero eu dubido de que soubesen algo sobre a variación do punto de equinoccio. O mesmo penso en relación con Mogor ou Valcamónica. En Mogor, o equinoccio en 270° o que indica é unha invocación ao Atlántico», contesta.


Este profesor de matemáticas comezou a interesarse pola arte rupestre fai algúns anos, e froito daquel achegamento é o libro O labirinto atlántico , publicado no ano 2001. «Agora véxoo como un traballo en moitas cousas inmaduro», recoñece o investigador. Con todo, aquela publicación abriulle un mundo novo a través dos contactos establecidos con outras persoas interesadas na relación da paisaxe e a astronomía coa arqueoloxía. «O físico suizo Leo Dubal e o portugués Manuel Calado abríronme outras perspectivas», afirma o profesor.

Entre Ons e Onza
«O labirinto de Mogor sempre sorprendeu pola súa aparencia irregular e por estar a súa entrada pechada e lixeiramente desviada da dirección oeste», explica. Nel hai catro pequenas formas cuadrangulares que pechan a súa entrada, e os seus centros determinan co centro do labirinto distintos ángulos. O que está ao norte da entrada indica o oeste estrito, que corresponde ao equinoccio actual (270°). Os outros tres sinalan puntos da costa que van dende o sur da illa de Onza á illa de Ons e a costa de Portonovo e Sanxenxo. «Os construtores do labirinto suscitaron un sinxelo problema de proporcionalidade e tanteo para descubrir que a súa entrada apunta á canle entre Onza e Ons onde naquela época poñíase o sol no equinoccio, aínda que hoxe ponse o 23 de Febreiro ás 20'16 cun tamaño de 02°, segundo os cálculos realizados por Leo Dubal», afirma José Luís Galovart.

Acontece ademais que, dende a rocha do labirinto, non se ve Onza porque a punta sur da praia de Mogor impídeo; para vela, hai que ir a unha roca maior e con moitos gravados circulares, a Pedra dos Mouros, que está no mesmo lugar a uns 80 metros, pero nunha pequena loma e a uns 20 metros máis de altura.

O descubrimento xurdiu de forma casual, cando José Luís Galovart quería facer unhas fotografías para enviar a un congreso internacional de arte rupestre. «Vin na Pedra dos Mouros o que parecía o aliñamento equinocial de varios círculos, xa que a miña sombra estaba paralela a eles, así que se me ocorreu poñer un pau no centro do que estaba máis ao oeste, e a liña recta que provocaba unía os centros de cinco gravados xeométricos notables», lembra. O profesor vigués quixo verificar este descubrimento noutros petroglifos, algo que puido comprobar no Lombo da Costa (Cotobade) e en Verducido. «Tamén aqueles días, o arqueólogo Pablo Novoa obtivo unhas magníficas liñas de sombra equinociais en Gargamala (Mondariz)».

Calendario solar
O profesor José Luís Galovart apunta que se algunhas das formas circulares dunha rocha indicaban o equinocio, outras oblicuas a elas poderían indicar os solsticios, abríndose así a posibilidade de que o conxunto se tratase dun calendario, «ou de dous calendarios, entre eles, desfasados trece grados». «Estudo actualmente as súas características e penso que tanto en Mogor (Pedra dos Mouros) como no Lombo da Costa (Cotobade) se trata máis ben dunha estrutura con forma de calendario na que se encaixa o calendario real da época», afirma, para engadir: «Esta estrutura determínana as formas circulares máis notables e grandes e, dende a liña equinocial, ten unha apertura comprendida entre corenta e cincuenta grados; para ser real, debería ser aproximadamente de trinta grados. Por esta razón, creo que o conxunto non obedece a unha razón práctica de medir o tempo, senón sagrada, artística e simbólica».

Estes primeiros pasos son, segundo o seu autor, o inicio dun longo camiño que a ciencia debe afrontar. «Non dubido de que aparecerán cousas máis complexas e que custará descifrar, pero haberá que traballar moito nos próximos meses e anos; na miña opinión habería que facer un plan de traballo onde arqueólogos e topógrafos traballasen unidos, sobre vinte ou trinta gravados geométricos notables... E medir, medir moito», conclúe.

José Luís Galovart describe estas actividades na súa blog de Internet, O Labirinto Atlántico.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.