24/05/2009

Derruban a igrexa dun pobo expropiado para facer unha presa

La Voz de Galicia
22/05/2009

A súa localización na marxe ourensá do canón do Sil convertía o lugar de Santa Marta -parroquia de Fontao, no concello da Teixeira- nun balcón con vistas privilexiadas antes da súa expropiación, que foi debida «ás gretas que xurdían non chan da aldea, trala construción da central hidroeléctrica de Santo Estevo», tal e como lembra Manolo Vázquez, veciño da comarca. Unha operación realizada en 1963 pola empresa Saltos do Sil, hoxe Iberdrola, que incluíu no lote de vivendas e propiedades, a igrexa de San Martiño, construída en 1889.


Coa chegada do novo século, as construcións abandoadas de Santa Marta foron habitadas por colectivos de okupas. Unha situación que Iberdrola decidiu solucionar «ante o perigo de derrube que corrían as vivendas e evitar a responsabilidade da empresa», tal e como recoñece un portavoz da firma enerxética. Un remedio que a firma presentou en forma de proxecto de demolición no Concello da Teixeira en xuño do 2007, incluíndo a posterior reforestación do terreo.

É no punto 3.4 da memoria presentada «Demolición dos restos das edificacións» onde se explica que «só un par de vivendas conservan parte do que no seu día foi a cuberta. De feito hai algúns inmobles, contemplados no catastro, que xa nin sequera existen (por exemplo a igrexa)». Esta afirmación choca co recordo de Manolo Vázquez, quen recapitula que «a igrexa estaba en pé e sen tellado. Mesmo podíase ver o campanario». Hoxe, despois do déspota paso das escavadoras, tan só quedan unhas lápidas.


A igrexa está inventariada segundo a Lei 8/1995 do Patrimonio Cultural de Galicia. Este nivel de protección, segundo o artigo 54, implica que calquera obra que afecte ao mencionado ben «precisará a autorización da Consellería de Cultura». Un permiso do que careceu esta obra aprobada no seu momento pola Consellería de de Medio Ambiente. Este departamento non tería en conta o informe redactado polo arquitecto municipal, que ditaminaba que «salvo a igrexa, os restos de edificacións son de escaso interese arquitectónico».

A anterior delegación provincial de Cultura, representada polo nacionalista Antonio Branco, ordeou abrir unha investigación ante as chamadas recibidas por algúns veciños.

Devandita pescuda atópase actualmente á espera de que Medio Ambiente remita a Cultura o expediente completo, xunto coa autorización concedida á empresa Iberdrola para a demolición do núcleo de Santa Marta, co obxecto de determinar se nesta autorización incluíuse a igrexa de San Martiño, protexida pola lei.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.