La Voz de Galicia
16/12/2008
Joel Gómez
«Deseñamos oito circuítos marabillosos, que fan do territorio galego un mapa de fantasía heroico, que se pode comparar co universo de Tolkien ou cos contos de Conan»
Na toponimia galega está toda a mitoloxía céltica conservada polos irlandeses», afirma Higinio Martins, ex profesor da Universidade Salvador de Bos Aires, que iniciou en Santiago e Ourense o lanzamento do seu libro As tribos calaicas (editora Polífona), onde esclarece máis de 900 topónimos que xustifican a súa teoría, tras máis de 25 anos de estudo.
Martins naceu en Bos Aires, aínda que a súa familia era de Oia, un concello que onte lle ofreceu unha homenaxe. Desde a infancia tivo interese pola busca da identidade: «É un proceso longo. En 1977, tendo 37 anos, descubrín que o mundo máxico da infancia reaparecía, e deparei cunha realidade galega chea de tesouros. Pouco a pouco, coa axuda da Gramática Histórica, que é unha disciplina case exacta se se poñen as coordenadas precisas, fun desvendando unha realidade maxicamente aberta».
Colaborou co Instituto Argentino de Cultura Galega e cos Amigos do Idioma Galego de Bos Aires, e promocionou a lingua, a literatura e a cultura galega na capital arxentina, onde dirixiu cursos sobre o celtismo galego. «Deseñamos oito circuítos marabillosos, que fan do territorio galego un mapa de fantasía heroico, que se pode comparar co universo de Tolkien ou cos contos de Conan», afirma.
Deses itinerarios, que algunha persoa veu xa da Arxentina para realizar, dous terían a base en Compostela, outros dous en Vigo, e os outros na Coruña, a Mariña lucense, Lugo e Ourense.
Previamente a este novo libro, no verán, a Fundación Comarcal do Baixo Miño editou outro de conversas, realizado polo politólogo Ângelo Gonçalves e o profesor Bernardo Penabade, e onde esclarece os principais aspectos da súa traxectoria e do reencontro coas tradicións e co idioma herdado dos seus pais.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.