18/12/2008

A Mámoa, por Emilio Salas




Pretiño d’a coroa d’o Castrillón, que s’ergue
cal celta vixilante d’a ría feiticeira,
en frente d’o garrido e forte Montefaro,
contempro a vella mámoa cenguida pol-as edras.

Non fúchedes, petoutos, n’o síteo qu’ocupades,
postos asina, en roda, por man d’a Natreza;
pois vin os vosos leitos con rebos asentados
e foron racheadas con arte as vosas fendas.

¿Quen foi aquel que soupo erguervos d’a cabalo
uns d’outros, seixos fortes, coidando non ohubera
n’o mundo, xentes tales qu’a profanar chegaran
os osos, que furtáchedes ás cobizosas feras?

¡O mestre aquel, vos puxo, a forza de traballos
d’o xeito en que vos miro…! Coidaba fora eterna
sua obra, cal coidaron aqueles qu’as Pirámides
ergueron, mail-a Esfinxe calada, qu’as contempra…

¿Quen foi, o grande home tantos sigros dormente
baix’os petoutos, mámoa, qué silvas mouras cercan
e qu’o loureiro cubre d’arrecendentes polas,
cicais coroándoo por suas fazañas bélicas?

Pode que n’esa laxa tendida, e ben covada,
n’a veira tua posta fixéranll’as ofrendas
d’o sangue d’us coitados qu’en asañadas loitas
prisioneiros caíran d’os fillos d’ista terra.

Cicáis, n’esa ara tosca, e primitiva, e crúa,
qu’o sol doura n’as suas rayolas derradeiras,
caeron, baixo o duro coitelo d’o druida,
mariñeiros feníceos, lexionarios de César.

¿Quén sabe, a cantas coitas serviches de consolo?
¿quén sabe cántas preces o teu redor s’ergueran?,
¡ou mámoa! que debiches ser n’aqueles tempos
lugar seguro e santo, pr’os homes d’outras épocas.

¡Ou raza terca e firme, de fortes e de bravos,
que tes, d’os seixos monstros d’as mámoas, a dureza!:
¿Cómo é, qu’amoiecida por longa servidume
perdiches, d’as tuas forzas inxentes, a concencia?

¿Non sabes o que fixo n’a Reconquista nosa
o esforzo d’os teus nados?... N’os viches n’as Américas
facer ises portentos que danlle honor á pátrea
e a mais d’honor e groria, respetos e riquezas?

¡Rexurde, pobo triste, d’ilotas e d’escravos!...
¡Desperta d’o teu sono! ¡Galicia: ten concencia
d’a tua misión, n’o mundo! ¡Remembra ises aldraxes
que téñente, fai sigros, trocada n’a Cincenta
d’a filla desleigada qu’asovallante, crúa,
despóis de lle ceibares d’os brazos as cadeas…!

¡Contempro os teus menhieres, teus castros e teus dolmes!
¡Recorda d’o Medulio as hecatombes feras!...
¿Non sabes canto tempo tardou en domearte
co as suas lexiós invictas o poderoso César?
¿Esquenciches o nome d’o fero Viriato?
¿de Charino e Nodales as tradiciós guerreiras?
¿d’as xentes d’a Lanzada os abordaxes duros
e d’o Ferrol e a Cruña as valentes defensas…?

Recorda, que venciches na Ponte de Sampayo
a carraxen terribel d’as águias francesas…
Entón, ¿por qué consintes tranquila e homildosa
as aldraxantes bulras d’os que calar deberan?
¡Desperta d’o teu sono, Galicia triste e nobre!
¡percura, d’as tuas forzas e folgos, ter concencia…!

¡Non chores, nai, non chores com’a cativa paria!
recrama os teus dereitos d’aquel que ch’os detenta…
¡Erguete, nai chorosa, esconsolada, e triste…!
Erguete, cal soupeches facer ante extranxeiras
e cobizosas hostes, e, amostra os que t’aldraxen,
quén eres, cando chegas perder a tua pacencia.

EMILIO SALAS

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.