Mostrando postagens com marcador música. Mostrar todas as postagens
Mostrando postagens com marcador música. Mostrar todas as postagens

22/11/2011

Viveiro acolle o acto de presentación da escolma de artigos de Hernán Naval

mrpatrimonio.blogspot.com
20/11/2011
Viveiro

A Asociación Sociocultural Mariñapatrimonio organiza, en colaboura coa Asociación ribadense MUSIQUEANDO, o acto de presentación da escolma de artigos de Hernán Naval: "Vou canso de todo menos da música".

O Conservatorio Profesional de Música de Viveiro será o lugar onde se desenvolverá esta presentación o xoves 24 de novembro ás oito e media da tarde.

No acto intervirán Hugo García Presno, director da EMM e D de Ribadeo e Francisco Luís Rodríguez Guerreiro, profesor e presidente de Mariñapatrimonio.

Os asistentes serán agasallados cun exemplar do libro publicado por MUSIQUEANDO.



+ NOVAS RELACIONADAS:

31/05/2011

II Xornadas Mouras (2ª parte)



II XORNADAS MOURAS
As Pontes, decembro de 2010

1ª parte: "O cantar do arrieiro" - Moncho do Orzán
Intervención a cargo de Ramón Rodríguez Palleiro (A Coruña, 1985). A súa traxectoria artística está marcada pola súa profunda vocación musical e a súa paixón pola cultura galega. Formouse no mundo da gaita da man de Raúl Galego e Ricardo Santos. Foi membro dos grupos "Barallete" e "Os Cataventos", cos que percorreu boa parte da xeografía galega, e vogal da Asociación de Gaiteiros Galegos nos anos 2004 e 2005.

Na actualidade é corista e vicearquiveiro do histórico coro "Cántigas da Terra" da Coruña, coordinando o proxecto de posta en valor e recoñecemento do arquivo desta Institución, sen dúbida un dos máis ricos da música tradicional galega. Del forman parte foliadas, pandeiradas, alalás, cantos de arreiro... case todos recollidos na primeira metade do século XX, antes de que a radio e a televisión entrasen nas aldeas.

Colabora tamén na revista mariñana "A Xanela" na súa sección de folclore e vén de presentar por diferentes lugares da nosa xeografía unha palestra titulada "Os Coros das Irmandades, un xeito de vivir o País".

10/12/2010

Perfecto Feijóo e o Rexurdimento da emoción pola Terra



Director: Moncho do Orzán
Duración: 08:32
Ano: 2009

OrzanGZ: Que é un Coro Galego? É un conxunto de gorxas bravas que cantan a emoción da Terra cos instrumentos propios para ela (a gaita, o tamboril, o pandeiro...). No ano 2009 cumpríronse 90 anos da homenaxe que os Coros Galegos lle brindaron ao seu fundador, Perfecto Feijoo, en Pontevedra (31-08-1919). Este pequeno documentario lembra aquel acontecemento tan sinalado.

28/11/2010

O Camiño dos Arrieiros tema central das II Xornadas Mouras nas Pontes



O vindeiro sábado día 11 terán lugar nas Pontes as II Xornadas Mouras co Camiño dos Arrieiros como fío condutor das tres palestras que correrán a cargo dos investigadores Carlos Otero Vilariño, Moncho do Orzán e Marcial Tenreiro Bermúdez.

Tal e como sinalan os organizadores o Camiño dos Arrieiros é un elemento cultural senlleiro do territorio, que xa foi estudado e investigado en parte, por especialistas da arqueoloxía galega e arredor do que se manifestan diversas expresións culturais de diferentes épocas.

Unha ruta milenaria, flanqueada por ducias de mámoas, cruces de pedra e antergas construcións que o delimitan ao longo dos seus 53 quilómetros dende As Pontes ata o porto da vila de Vares. Un camiño de ida e volta secular, polo que durante centos de anos trafegaron os arrieiros con variadas mercadorías e ao que deron nome.

Estas II Xornadas Mouras pretenden ser unha oportunidade para coñecer un pouco máis sobre a estrutura desta vía milenaria, os seus elementos de interese, así como as necesidades actuais de cara á súa consolidación e posta en valor definitivas.

26/06/2010

FlocosTV: Cántigas de emigración

Esta peza é unha especie de videoclip concebido coma homenaxe aos emigrantes. Conta o drama do camiño e o camiñante.

Ten música de Fuxan os ventos, Amancio Prada e Benedito, e levou o segundo premio no IX Certamen de Cine Aficionado de Vilagarcía de Arousa, 1980.





Director: Daniel González Alén
Duración: 14:42
Ano: 1980

14/10/2009

Perfecto Arias grava o seu primeiro disco aos 83 anos

El Progreso
11/10/09
M.Q.

Con só tres anos, Perfecto Arias confeccionou o seu primeiro punteiro cunha cana de centeo mentres coidaba as vacas e catro anos despois, con sete, o seu pai comproulle a súa primeira gaita. Con todo, a pesar da súa impresionante precocidade na música, este gaiteiro lucense enfrontouse este sábado, aos seus 83 anos, á aventura de gravar o seu primeiro disco. "Estou contento. Era algo que tiña ganas de facer para que a miña neta lembre que o seu avó era gaiteiro".

O salón Rexio do Círculo das Artes, sen público para conseguir un mellor resultado, brindou este sábado a súa excepcional acústica a Perfecto e o resto de músicos, un grupo de catro novos cuxas idades, sumadas, non acadan a do octoxenario gaiteiro.


Xunto a eles, o artífice da iniciativa, Xosé Luís Foxo, gran coñecedor da historia musical de Perfecto, cuxo obxectivo é render unha homenaxe a un dos últimos representantes dunha xeración de gaiteiros que marcaron os anos posteriores á Guerra Civil e seguiron sendo símbolos até os anos 60 e 70 do século pasado.

Entre unha e outra peza, Arias lembraba este sábado "aqueles tempos" nos que tocaba a gaita nas vodas, "que non se facían nos hoteis, senón na casa das noivas", e pagábanlle 10 pesetas por tocar, ou cando animaba coa súa música aos cansos labregos despois dos traballos do campo.

Agarrado con agarimo á súa gaita, a oitava na súa longa traxectoria como músico, Arias interpretou este sábado no Círculo das Artes as composicións que se recollerán no disco. Entre elas, A muiñeira do Picato, o Vals de San Froilán, o pasodobre A fala dá miña gaita ou a muiñeira Rosiña, así como rumbas ou polkas.

O álbum pretende ser a culminación artística dun músico que iniciou a súa carreira na súa Freán natal, en Guntín, formouse de maneira autodidacta e formou varios grupos, como Os gaiteiros de Freán, Os lucenses ou Os enxebres de Lugo.

14/09/2009

Ramón Rodríguez Palleiro: Ser gaiteiro conleva un país e un xeito de entender a vida

A Peneira
09/09
A Coruña

Ramón Rodríguez Palleiro (A Coruña, 1985) é un mozo con diversas inquedanzas artísticas. El é coñecido no mundo musical da Coruña como Moncho do Orzán. Con 24 anos, Moncho estudou Enxeñería Técnica de Telecomunicacións, especialidade Son e Imaxe, e agora remata o proxecto fin de carreira. Pero a súa vida está marcada pola súa profunda vocación musical e a súa paixón pola cultura galega.


-Cando comezan as túas inquedanzas musicais?
-Con 8 anos comecei a ir a clase de gaita da man do meu pai en Culleredo. O mestre era Miguel, sobriño do gaiteiro Francisco Paradela. Logo viñeron Raúl Galego, Xerardo García e Ricardo Santos. Con Raúl e Ricardo gañei moita amizade. Teñen ese don inmenso de saber parir gaiteiros. Curtinme tamén dando alboradas polas Mariñas da man dos Cataventos, entrañables compañeiros dos que aprendín un mundo.

-Fálanos dos teus gostos pola gaita e o acordeón,... por que un e por que outro?
-Ser gaiteiro conleva un País e unha filosofía de vida. Así pois, a miña concepción é gaiteira de meu. A gaita inspírame colectividade, compartir e soñar o amor de todos os galegos á nosa Terra.
Do acordeón cativoume o son e a posibilidade de tocar e cantar a un tempo a musicalidade deste chan. É moi completo, xunta as tres características principais da música: harmonía, melodía e ritmo. Mais sempre levo no máis fondo do meu ser a gaitiña.

-Actúas como solista, pero tamén formas parte do Coro Cántigas da Terra...
-Coñezo a Cántigas desde neno, mais o meu interese polos coros naceu das festas que meus pais organizaban con Ricardo, Rául e moitos máis amigos. Así foi. Partillando con eles funme decatando da importancia dos coros dentro da música tradicional. De corista en Cantigas levo dous anos. Este ano presenteime a vicearquiveiro coa vontade de poñer en valor o arquivo do Coro. Xuntei a un grupo de bos amigos e puxémonos mans á obra. Certamente o nivel que estamos acadando é formidable. Sen dúbida, este arquivo é un dos máis ricos da música galega. Del forman parte foliadas, pandeiradas, alalás, cantos de arreiro... case todos recollidos na primeira metade do século XX, antes de que a radio e a TV entrasen nas aldeas.

-Fálanos da importancia dos Coros dentro da música tradicional
-Un coro galego é un conxunto de gorxas bravas que cantan melodías do País acompañadas dos instrumentos tradicionais. Os pioneiros foron Aires da Terra (1883). Conscientes do abandono que xa daquelas comezaba a sufrir a nosa música patrimonial, vestiron o traxe do País e cantaron en galego sen complexos. Logo as Irmandades da Fala fundaron coros e teatros en toda Galiza. Tal é o caso de Cantigas da Terra. A idea inicial é reivindicar a música autóctona para proxectala cara o futuro, conectándoa co resto da cultura. Porén, repetir nos nosos días a relación dos Coros coas Irmandades (e polo tanto co primeiro nacionalismo) suporía unha xanela aberta á supervivencia do noso ser nacional.

-Tamén tes afección polo audiovisual...
-No 2008 iniciei a rodaxe dun documental sobre Amigos dos Muíños, un colectivo que, sen subvención algunha, adicouse á recuperación de patrimonio material (muíños, fontes...) nos anos 80-90. Nel, dous amigos dos muíños voltan aos lugares onde hai vinte anos fixeron cadanseu restauro e festa comunal. A obra recolle o espírito espontáneo do colectivo, onde destaca a naturalidade das personaxes filmadas. O proxecto conterá un libro-DVD e sairá o ano que vén.