15/11/2012

O patrimonio de Rianxo crece co achado dun petróglifo inédito

La Voz de Galicia 
10/11/2012
Barbanza

A pesar de que hai un bo número de estudos publicados sobre a riqueza arqueolóxica coa que conta o municipio de Rianxo, e a que son un bo puñado os bens que xa están catalogados, parece evidente que as paraxes do termo aínda esconden moitos tesouros en forma de gravados prehistóricos sobre pedras milenarias. Non en balde, hai uns meses achouse, por casualidade, un petróglifo inédito que veu a engrosar o patrimonio cultural espallado polos montes do concello. 

Nunha gran roca oculta entre a maleza a escasos metros dunha pista forestal atópase a última incorporación á listaxe de bens arqueolóxicos rianxeiros. Non resulta estraño que, a estas alturas do século XXI, seguise sendo un recurso descoñecido para estudiosos e expertos na materia tendo en conta que, para chegar ata el, hai que abrirse paso entre arbustos dunha altura máis que considerable. 

O petróglifo en cuestión está formado por dous grupos de cazoletas -unha especie de buracos realizados na pedra-, que se atopan a distintas alturas, e uns surcos que forman un debuxo circular. 

Os entendidos en arqueoloxía cualifican este petróglifo como «interesante», aínda que aínda está pendente un estudo en profundidade dos gravados para saber algo máis sobre a importancia que pode ter este achado. 

Cronoloxía 
En canto á antigüidade deste novo exemplo de arte rupestre, e ante a falta de evidencias materiais que permitan situar con maior precisión a data na que foi realizado, vincúlase coa época neolítica e calcolítica, o que supón que terá unhas 4.000 anos, unha datación en sintonía coa zona onde foi atopado. 

Non en balde, o novo petróglifo está a escasos metros dunha das xoias do megalitismo rianxeiro: a necrópole dos Campiños. Ademais, atópase preto doutro importante conxunto de gravados coñecido como A Foxa Vella, e tampouco está lonxe dos petróglifos do monte Pelotiño, situados alén da autovía barbancesa ao seu paso pola zona da parroquia de Asados. É máis, hai quen sinala que, posiblemente, «nesta zona hai máis penedos con gravados por aí agochados». 

Posta en valor 
O achado do petróglifo coincidiu no tempo coas tarefas de posta en valor das mámoas dos Campiños, un xacemento no que levou a cabo unha limpeza en profundidade que permitiu sacar á luz seis túmulos que, ata ese momento, e desde facía décadas, permanecían ocultos baixo unha espesa capa de vexetación. Foi precisamente unha das persoas que participaba nestes traballos a que reparou nunha gran roca situada nun alto xunto ao camiño e que resultou esconder os debuxos prehistóricos. 

Será difícil que, a curto prazo, poida facerse unha intervención similar á dos Campiños na contorna onde apareceron os gravados para a súa recuperación, aínda que o primeiro paso para a súa conservación será incluílos no catálogo de bens arqueolóxicos do concello, que na actualidade está composto por máis dun centenar de recursos.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.