27/05/2012

Empezan finalmente as obras de rehabilitación do castro de Baroña

La Voz de Galicia
22/05/2012
Noia

O inicio dos traballos de rehabilitación do castro de Baroña é xa unha realidade. Despois de meses de retraso por cuestión burocráticas, o equipo de expertos encargados de realizaren esta actuación comezou onte a campaña arqueolóxica neste icona da cultura galega situada na costa do Porto do Son.

Unha proba da necesidade de recuperar este asentamento castrexo púidose ver onte sobre o terreo, cando un grupo formado por máis de cincuenta turistas de fala inglesa visitaron o xacemento malia o forte vento e auga. A previsión dos encargados de realizar esta rehabilitación, a pesar do retraso que comezan os traballos, é ter finalizada a primeira parte do proxecto en xullo para recibir os primeiros turistas estivais.


ZONA DE ENTRADA.
Limpeza e consolidación. A empresa Terra Arqueos, encargada de realizar os traballos, comezou os traballos pola zona máis afectada, situada a carón da porta de acceso ao castro, para logo seguir avanzando polo resto de construcións que tamén se encontran en estado crítico.

En total, son catro as zonas nas que se realizarán traballos de limpeza e consolidación, que inclúen as seis áreas “comatosas” que se detectaron no último estudio de campo no 2010. De momentos resulta unha incógnita saber cántos días investirán en rehabilitar cada zona, aínda que un dos arqueólogos que forma parte do proxecto, Ángel Concheiro, asegurou que a previsión se mantén e que cumprirán os prazos previstos.


PRIMEIRA FASE

O noventa por cento do proxecto. O proxecto que gañou o concurso público convocado pola Xunta para acometer esta actuación inclúe tres fases en execución. A primeira, que empezou onte, abarca o noventa por cento de toda a campaña arqueolóxica, que está financiada pola Secretaria Xeral de Turismo cunha achega de cen mil euros, e que conta coa supervisión da Dirección Xeral de Patrimonio. Nos traballos que se realizarán até xullo, o obxectivo marcado polos expertos é consolidar o xacemento para a chegada de centos de turistas que cada verán visitan esta xoia da arqueoloxía galega.



RESTO DA CAMPAÑA
Tras o verán. A previsión que manexan tanto os arqueólogos como o arquitecto e restaurador de Terra Arqueos é parar toda actividade até setembro para non coincidir coas visitas estivais. Cando pase a tempada alta, os profesionais teñen a previsión de regresar ao castro ao longo de setembro para analizar a influencia que o paso de turistas exerceu sobre o asentamento e coñecer así cales sona as partes que se ven máis afectadas. Esta segunda fase, conforme explicou Concheiro, compleméntanse coa primeira. A seguinte e última parte de proxecto chegará no 2013 e está deseñada para a correcta conservación dos muros e a colocación de sinais indicadores no percorrido.

DIFUSIÓN.
Creación dun itinerario.Un dos grandes obxectivos desta actuación no xacemento é a creación dun itinerario para que as visitas que cada ano percorren este asentamento o fagan se estragar o castro, tal e como vén acontecendo até agora.

Outro dos obxectivos que se perseguen con esta iniciativa é dar máis seguridade aos turistas, xa que polas complicadas condicións topográficas do recinto cómpre regularizar o percorrido. Outro labor divulgativo empezará dentro duns días cando os escolares da comarca inicien as visitas ao castro recibindo explicacións dos traballos que se están a realizar da man dos seus protagonistas.

 
 

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.