20/04/2012

Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios: o patrimonio científico

La Opinión de A Coruña
15/04/2012
Felipe Senén López


Dende 1983 o Icomos, (Consello Internacional de Monumentos e dos Sitios) dependente da Unesco, celebra cada xornada do 18 de abril como Día Internacional dos Monumentos e dos Sitios. Xa abreviado en Día do Patrimonio Cultural. Unha nova oportunidade pra facer entender e atender á significación do patrimonio cultural construído. Unha chamada cara á memoria e á salvagarda de estruturas que coutan escenarios significativos por algunha circunstancia histórica, artística, científica ou cultural. En tempos de deshumanización, de desmandada, de palabraría e botellón salvaxe por medio, aquece a sensibilización que é a poñer os sentidos sobre as cousas. Horas que deben desaproveitarse, na escola, nos medios de comunicación, en todo canto informa para formar. O asunto é seguir polos camiños da esperanza, educar sobre a vulnerabilidade do propio ser humano, do cosmos e dun patrimonio sometido a maiores e sofisticados inconvenientes, os que, de non atallalos, poñen en perigo, tanto o documento histórico, como ó atractivo recurso turístico. 


A convocatoria deste día do 2012 lánzase baixo o epígrafe do Patrimonio Científico e Tecnoloxía. Dedicado especialmente a aqueles espazos caracterizados pola ciencia e a técnica, a arqueoloxía industrial. Pois a ciencia que presupón sentido común, racionalidade, organización sistemática de coñecementos para resolver situacións e progresar. A ciencia tanto está en preguntar, en descubrir, entre microscopios e probetas, dende unha imperceptible estrutura reticulada de átomos configurando unha molécula, até a construción de observatorios astronómicos, con telescopios de potentes lentes para descifrar os misterios do cosmos. A ciencia está na perfección matemática e xeométrica das pirámides, dos alineamentos e tumbas megalíticas, dos templos clásicos, das catedrais góticas, das eólicas ou dos encoros con potentes turbinas, das estacións, dos portos e dos aeroportos, ou do colosalismo construtivo da nosa contemporaneidade. Tan científica resulta a construción dun dolmen que presupón plan, organización para mover e colocar pedras de toneladas en relación cos astros... como artillar as madeiras nunha carpintería de ribeira, asentalas e erguelas para construír unha nao ou o edificio da Terraza de Sada e recubrila con vidro laminado... e xa non digamos o faro Torre de Hércules, a Catedral de Santiago... a estrutura de fantasmas do que sería hospital antituberculosos de Cesuras... En todo está a razón de ser ou de non ser. Día para lembrar, reclamar e sentir como na Coruña se desguazou a colección do que puidera ser o Museo de Radio Nacional no edificio da Terraza; como no país dos encoros e das turbinas o Museo Unión-Fenosa segue pechado, como o Museo didáctico das telecomunicacións, baixo o amparo da Fundación Telefónica da Coruña, segue nun futuro incerto... e tantas coleccións. Onte mesmo, 14 de abril, cumpríanse os cen anos dun eclipse solar, sendo Valdeorras un lugar privilexiado pra súa observación. Aquela xente do modernismo, aínda co romanticismo prendido, saíu á rúa e mirou pro ceo a facerse preguntas, a ser poeta, filósofo, científico... Pese á crise que tamén mina o I+D+I coa conseguinte fuga de cerebros, contribuímos a celebrar esta xornada neste noso confín de profundadores, heterodoxos contrapelo, de fogueteiros creadores de espirais de luz e estrondo, de magos e meigas, afeitos á subir ós montes e mirar ás estrelas, a experimentar con apócemas e xaropes, en abrir pozos e sacar auga, en domesticar paxariños para predicir a sorte, en mover muíños e batáns e estrebillar trebellos... e sempre a matinar. Día para enxalzar ós sitios e ás figuras que artillaron, experimentaron, perfeccionaron e documentaron neles trebellos para descubrir o cosmos e o micromosmos. E ó falar de ciencia cavilamos en Sargadelos e nos sabios que aproveitaron o bosque, a auga, o ferro e o caolín para facer altos fornos e crear industria, como aquel Raimundo Ibáñez e que ó final da súa vida sería escarnecido e arrastrado por un cabalo polas rúas de Ribadeo... ou aquel outro mago que, aínda hai pouco, deixou penas inconclusas e mesmo, como un premonición, morreu, como Valle-Inclán na véspera do día dos Magos. Referímonos a Díaz Pardo... O Sargadelos da Ilustración foi un precedente europeo da revolución industrial, como o foi o modélico experimento de New Lanark na céltica escocia das terras de Glasgow. Industria está fundada no ano 1785 e desenvolta polo filántropo reformista e socialista utópico mister Robert Owem, "pai do cooperativismo". Hoxe este conxunto que pon a proba o aproveitamento dos recursos, a humanización, é un exemplar e atractivo ecomuseo, declarado patrimonio da Humanidade. Cavilamos en ilustres reloxeiros galegos, como Méndez de Neira, máis coñecido como o Cura de ladrido, en Rodríguez Losada, da Cabreira, autor, entre moitos outros, do reloxo da madrileña Porta do Sol. Cavilamos na saga dos Lombardero, que procedían dos montes dos Oscos. Uns e outros partiron do coñecemento da arte dos ferreiros e dos cerralleiros, para superar ós ingleses e construír autómatas e máquinas pra medir o tempo. Como tamén o fixo o ferrolán enxeñeiro da Marina, Antelo Lamas ou Antonio Iglesias da Coruña, entre moitos outros que competiron con mestres reloxeiros de Neuchatel. Cavilamos no xeómetra, autor de detallados mapas, Domingo Fontán... nas fábricas de papel, nos curtidoiros, en experiencias abortadas e das que soamente fican estruturas cubertas por edras e habitadas por fantasmas. Velaí o Real Consulado da Coruña, un museo de saber decimonónico, como o Ferrol ilustrado, obra de mariños e simples mariñeiros, intuitivos e sabios de compás e cartabón para deseñar e mover barcos por todos os océanos. País de arriscados aviadores, como Piñeiro, Iglesias Braxe... que deixaron espallado un gran patrimonio científico, propio de enriquecer museos. Pescudas entre as que non podemos esquecer o labor do naturalista Víctor López Seoane. Nin deixar de lado ó Lalín, tanto do astrónomo Aller Ulloa, inseparable do astrolabio e do telescopio, como do aviador Xoaquín Loriga. Cavilamos en Ramón Silvestre Verea García, da Estrada, periodista e desinteresado inventor da primeira calculadora, hoxe no Museo da IBM en N.Y. El que se queixaba dunha sociedade de tantos artistas, escritores, políticos... cando o que cumpría eran inventores para facilitar a vida. De pouco lle valeu patentar no 1878 o seu trebello de contas, para morrer como indixente en Bos Aires no 1899. Vennos tamén á memoria Xoán Xacobo Durán Loriga, o xeómetra e matemático coruñés, que alá no seu pazo de Romariz do Incio, entre anotacións e ecuacións, inspirábase na sombría fraga, subido á copa dun ben chantado carballo. Seguindo a bater na roda e a afiar ideas incluso cavilamos neste día en Alexandre de Fisterra, con algo de poeta, que para días tristes de eivados da guerra civil inventou o futbolín.... que non deixa de ter a súa ciencia pra crear ilusións, a golpe de man, en estadios minúsculos. Día para situar a aqueles sabios na súa terra, no seu tempo, matinando, estribillando, aqueloutrando arredor dos seus espazos e de trebellos para resolver problemas.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.