23/04/2012

Atopado muiño navicular en Cerdedo

Un novo achado en Cerdedo: o muíño navicular do Castriño
  
Faro de Vigo
12/04/2012
por Calros Solla
    
Un percorrido por este xacigo da Idade do Ferro en Quireza permite atopar un muíño castrexo semellante a unha embarcación
   
Un percorrido pola freguesía de Quireza e, en concreto, polo xacigo da Idade do Ferro nomeado O Castriño, localizado na estrema das aldeas de Mamoalba e Fondós, brinda un novo achado en Cerdedo, despois do xacente do coto das Insuas (Serrapio) e do petroglifo dos Castelos (Pedre). Una pedra que pousaba senlleira ao pé dun rego foi clave para recoñecer, por mor da concavidade lonxitudinal, a feitura dun muíño navicular castrexo, apelidado "navicular" por asemellarse a unha embarcación. As súas grandes dimensións convertíana nunha peza de singular relevancia.

A carón do "xamarúa" Ignacio Grande, investín a xornada sabatina do 14 de abril na esculca dos vestixios arqueolóxicos agochados nas lombas e picoutos de Cerdedo. Foi, abofé, un bo xeito de conmemorar, oitenta e un anos despois, a estrañada República. Para a ocasión, escollemos a freguesía de Quireza e, en concreto, o xacigo da Idade do Ferro nomeado O Castriño (depósito duns 2.000 anos de antigüidade), localizado na estrema das aldeas de Mamoalba e Fondós. Chegamos a Mamoalba a iso das cinco da tarde. Arrumamos o vehículo no cabo do lugar e, sen máis, internámonos na fronde pola senda que, cara ao nordés, conduce á ponte do regueiro de Portabarcias, afluente do río de Quireza.
      
Muiño navicular do Castriño, foto: Calros Solla
A xeira non tivo bo comezo, xa que, tras avanzar uns cen metros, batemos, á dereita do camiño, coas toradas de dous carballos centenarios, recentemente abatidos pola febre arboricida desatada no concello. Detivémonos fronte ao primeiro dos tocos. Levado por unha pulsión infantil, abaixeime para recontarlle, paseniño, os aneis: uns cento trinta e dous. Fixemos números, a landra primixenia agromara alá polo ano 1880. Naquela altura, daba comezo a construción da canle de Panamá; na cidade norteamericana de Wabash (Indiana) chantábase o primeiro pau da luz; Afonso XII decretaba a abolición da escravitude en Cuba; Auguste Rodin esculpía "O pensador"; Rosalía de Castro tiraba do prelo "Follas Novas"; viña ao mundo Manuel Azaña e falecía Gustave Flaubert... Aquela árbore monumental fora muda testemuña de tres reinados, unha rexencia, dúas ditaduras, un quinquenio republicano, unha sanguenta Guerra Civil e unha transición cara á democracia, hoxe, en nidia decadencia.

Dous carballóns pinchados á beira dunha corredoira. Porén, os eucaliptos campaban incólumes e unha polvoreira de frouma e restrollo agardaba ameazadora pola seca do verán.A que sinistra estratexia contra incendios, a que delirante plan de seguridade vial obedecía esta corta indiscriminada de árbores protexidas? Déixenme que lles responda: rapina oportunista. A río lodo, ganancia de pescantíns.Recompuxemos mal que ben o ánimo e proseguimos a marcha. O Castriño agardaba por nós. Percorridos uns 600 metros des onde deixaramos o coche, chegamos ao pé do outarelo ocupado polo xacigo (coordenadas: 42º 33´ 31´´ N – 8º 26´ 54´´ W). Naquel punto, o camiño vira cara ao leste, estreitándose entre valos de pedra. Cara ao norte, a foresta dálle paso a unha paisaxe de verdecentes pradarías. Foi nese intre cando reparei nunha pedra que pousaba, selleira, ao pé dun rego, britado na veiga lindeira co castro.

Recoñecín nela, por mor da concavidade lonxitudinal, a feitura dun muíño navicular castrexo, apelidado "navicular" por asemellarse a unha embarcación. O seu feitío era inconfundíbel, a súa localización, a escasos metros do castrelo, fornecía de coherencia a datación; as súas grandes dimensións convertíano nunha peza de singular relevancia. Choutamos o valo, achegámonos á pedra e comprobamos que se trataba dun fragmento de 1,10 metros de lonxitude, cuxa parte anterior, máis estreita, rachara, non había moito, en tres anacos. O ancho da peza atinxía os 60 centímetros (parte posterior), estreitándose até os 25 (parte anterior). O alto da mesma era de 16 cm.

A escasos vinte metros, cara ao oeste, na dirección do castro, formando parte do enlousado dun pontigo, vao do devandito rego, achamos outro fragmento do muíño. Este presentaba as seguintes medidas: 1 m de longo, 60 cm de ancho, tanto na parte anterior coma na posterior, cadrando co ancho posterior do fragmento primeiro. O alto da peza era de 26 cm. De unirmos os dous fragmentos, obteriamos un resultante de 2´10 m de lonxitude. Probabelmente, en orixe, o muíño acadaba unhas proporcións meirandes, mais, a busca doutros fragmentos pola redonda, foi infrutuosa.

Non é difícil imaxinar os nosos devanceiros prehistóricos moendo no muíño do Castriño grans de trigo ou maínzo e varrendo a fariña cunha vasoira de colmo. Non é difícil imaxinar como, xacando, algún labrego moderno o desprendeu do penedo onde fora labrado e o transportou dende o castro até a leira, para reutilizalo como pasadoiro.A visita ao castro (11.000 m2 de superficie/370 m de altitude sobre o nivel do mar) revelou que o primitivo poboado fica completamente soterrado baixo o sedimento, aínda que, nalgunhas zonas, mormente contra á croa, albíscanse estruturas arredondadas.

Co tempo, o seu emprego agrícola propiciou a construción de muros de deslinde nos que, con certeza, se reutilizou material castrexo. Na actualidade, as lombas do cotarelo sosteñen un bosque de caducifolias, piñeiros, eucaliptos e monte baixo, de difícil tránsito. Cara ao norte e cara ao oeste, a pendente é moi pronunciada, morrendo na ourela dereita dun caudaloso regueiro, tributario do de Portabarcias.

O Xacente do coto das Insuas, no Serrapio; o petróglifo dos Castelos, en Pedre; agora, o muíño navicular do Castriño, en Fondós. Canta riqueza para quen a soubese apreciar! A nosa xenerosa herdanza esmorece faltosa de consideración. Dende logo, eu non vou despender a oportunidade de recomendarlles aos responsábeis de Cultura do Concello que boten man, canto antes, do muíño navicular do Castriño. A súa integridade está en perigo. O seu estado de abandono denígranos como pobo. Que ben lle viría ao anódino museo lapidar capitalino!

A autoridade rogoulles aos veciños colaboración para encher de pedras o Museo da Pedra –o carro diante dos bois–, así e todo, eu ofrézolles disposto e gustante a posibilidade de dignificar este novo e valioso achádego.


+INFO no bloge:  O Embigo do Becho

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.