02/03/2012

Materia prima para os cazadores paleolíticos do val de Lemos

La Voz de Galicia
16/02/2012
Lemos

Fai decenas de miles de anos, durante o Paleolítico Superior, os grupos nómades de cazadores-recolectores que percorrían o sur da actual provincia de Lugo asentáronse con frecuencia no monte de Valverde, nas proximidades de Monforte. As pegadas máis visibles do seu paso consisten nun gran cojunto de artefactos líticos que foi localizado na zona no 2007 polos investigadores do proxecto «Ocupacións humanas durante o Pleistoceno da conca media do Miño», coordinado pola Universidade de Santiago. O estudo destas pezas, que continúa na actualidade, está a proporcionar importantes datos sobre o modo de vida daquelas comunidades prehistóricas e sobre como conseguían a materia prima para fabricar as súas ferramentas.

Escavacións no Monte Valverde (Lemos)

Grazas ás análises de laboratorio e ao estudo das características xeolóxicas do val de Lemos, os arqueólogos xa saben de onde procede a cuarcita coa que foron fabricadas moitas destas ferramentas. Unha parte dela extraeuse do cume do propio monte de Valverde, onde existen importantes afloramentos deste mineral. Pero o material de mellor calidade -unha cuarcita de gran fino e fácil de tallar, de cor escura- foi recollido a uns sete quilómetros de distancia, na parroquia da Vide.

Peza tallada en cuarcita de grao fino da Vide. FOTO: A. López

Zona de aprovisionamento
As investigacións realizadas sobre o terreo indican que os antigos poboadores de Valverde ían recoller materia prima nuns afloramentos de cuarcita situados no monte de Costa Grande, na Vide. Alí tamén se atoparon algunhas mostras de industrias líticas, o que parece confirmar que este monte foi unha zona de aprovisionamento especialmente estimada pola calidade da pedra.Pero en Valverde localizáronse tamén -nunha cantidade moito menor- diversos artefactos tallados en sílex, un material cuxa procedencia aínda non se determinou. Segundo explica o arqueólogo Arturo de Lombera, codirector dos traballos de campo realizados no val de Lemos, as análises indican que se trata dun tipo de sílex que non se atopa de forma natural no noroeste ibérico, polo que os fabricantes destes artefactos tiveron forzosamente que conseguilo fóra deste territorio.
Ferramenta de sílex de orixe descoñecida. FOTO: USC

Os investigadores están a estudar agora a posible procedencia deste sílex e apuntan que podería provir da área cantábrica.


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.