04/03/2012

Atopada a primeira escaleira interna da muralla de Lugo con “firma de autor”

El Progreso
03/03/2012
Lugo

As obras de conservación que se levan a cabo na muralla depararon un achádego inesperado: unha inscrición na escaleira do cubo número setenta e sete, en San Fernando, con nome de quen a fixo. O problema é que só se len con total claridade as dúas primeiras palabras, Ex of, unha abreviatura de ex officina, que vén a significar “do taller de”, conforme explicaron o arquitecto Ignacio López de Rego e máis o arqueólogo Roberto Bartolomé. A última parte do texto non se distingue tan ben. Sábese que hai un V, un P e un I ou o número romano, mais tamén podería haber un L.


A inscrición achada no muro da escaleira. FOTO: O. Cela

Os técnicos da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural que estudan a inscrición cren que podería referirse a unha contrata da muralla, da construción ou da restauración. Onte amosaron o achádego ao conselleiro de Educación e Cultura, Jesús Vázquez, quen indicou que, malia a que as actuacións arqueolóxicas adoitan ser lentas, o positivo é que son “unha caixa de sorpresas”, afirmou.

A existencia desta escaleira xa se coñecía, xa que logo hai unha en cada cubo, mais o que non se agardaba era que tivese un resto epigráfico dese tipo, xa que nas últimas décadas se destaparon unha vintena de estruturas e en ningunha se atopou nada parecido. “A escaleira está nun excelente estado de conservación, pero hai outras que tamén están bastante ben. O que a fai singular é a inscrición”, explicou López de Rego.

Proba de que a escritura non é accidental é que está sobre unha pedra de tamaño considerábel, maior cás outras, e que nesa época non todo o mundo sabía escribir, engadiu o arquitecto. Ademais, está xusto no eixo da escaleira, nunha posición frontal e máis ou menos á altura dos ollos “dos romanos, que eran pequechos. Fíxose coa intención de que se vise.”, afirmou.

A escaleira exhumouse porque nesa zona había filtracións e a terra que rodeaba a estrutura empuxaba a parede da muralla cara á casa que hai xusto do outro lado, polo que o risco de que acabara tirando o muro da vivenda era cada vez maior. Así o explicou o subdirector xeral de Patrimonio, Manuel Chaín.

A altura notábel dos chanzos e outro dos aspectos que chama a atención. Chaín explicou que esa é unha das moitas incógnitas que hai arredor das escaleiras interiores da muralla, xa que non son estándar.

O conselleiro indicou que esta é unha das tres actuacións urxentes contratadas por Cultura na muralla, cun orzamento de 166.000 euros. As outras son a adecuación da rampa da Porta Miñá e os traballos de consolidación no cubo situado a carón do Círculo das Artes. Estes últimos aínda non empezaron.


Bartolomé explicando a inscrición ao Conselleiro
e á delegada da Xunta en Lugo. FOTO: P. Álvez

Limpeza
Á marxe destas actuacións urxentes, a Xunta aprobou en 2011 un plano de mantemento da muralla para catro anos, dotado con 896.000 euros, lembrou Vázquez.

Entre outras medidas o plano recolle a eliminación da vexetación e a reparación da iluminación do adarve. No adarve xa se retiraron as herbas e nos paramentos empezarase a actuar na primavera se os técnicos que colaboran na busca dos mellores tratamentos consideran que debe facerse nesa época, explicou Chaín. Sobre a reparación da iluminación nin técnicos nin políticos aportaron unha data.


Vista da escaleira. FOTO: O. Cela

Vázquez estivo acompañado na visita pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, o xefe territorial de Cultura, José Carlos Rodríguez Andina e pola xefa de servizo de Patrimonio, Ana Carril, ademais de responsábeis da empresa que traballa na muralla, Resconsa.



Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.