26/01/2012

O lugar que escolleron os mouros

La Voz de Galicia
21/01/2012
Barbanza

Os galegos coñecemos ben aos mouros, eses seres que vivían baixo o chan -quen sabe se aínda o fan- e que cada noite saían do seu agocho para comer, beber e danzar. A estas criaturas de pequeno tamaño que a mitoloxía galaica identifica ao tempo cos construtores dos monumentos megalíticos e cos habitantes dos castros, non lles pasou desapercibido o pequeno paraíso que emerxe sobre o mar en pleno centro da ría de Arousa, o illote Areoso.

O illote Areoso atópase no centro da ría de Arousa

Aínda que non sabemos moi ben se esta illa era habitada permanentemente ou de forma ocasional, nin que levara até alí aos seus poboadores, o certo é que hai abundantes testemuños da presenza humana posiblemente xa no cuarto milenio antes de Cristo.

Baixo a area do illote que pertence á illa agóchase unha parte importante da historia de Galiza. Algúns deses restos saíron agora do seu agocho grazas ao labor dos temporais e as mareas. Quizais no futuro continúen quedando ao descuberto novos testemuños de vida de fai miles de anos. Iso é polo menos o que os arqueólogos aventuran que pasará.

Cámara megalítica aparecida logo do recente
temporal que coteou a costa galega (Foto: Capítulo 0)

A pesar de que algúns deses restos foron expoliados de forma reiterada, está ben documentada a intensísima ocupación que rexistrou no seu momento este lugar. Boa parte destes vestixios da historia foron estudados no seu día por un equipo de arqueólogos capitaneados por Xosé Manuel Rei. Outros quedaron ao descuberto recentemente na parte noroeste da illa.

Imaxe das escavacións realizadas por
X. M. Rei a finais dos anos 80 (Foto: A Pedra do Encanto)

A mámoa que saíu á luz cunha cámara ou dolme no seu interior é sen dúbida o máis rechamante dos restos, pero non é o único. Outras dúas estruturas megalíticas descoñecidas até entón quedaron á vista por unha circunstancia da que, con todo, non hai que congratularse: a galopante erosión da illa arousá.

Outra das cámaras megalíticas que agromou logo do temporal (Foto: Capítulo 0)

Pero os que habitaron ou visitaron este territorio fai miles de anos non só deixaron a súa pegada sobre a pedra. Camiñando polos areais de Areoso detéctase a primeira ollada, en varios lugares, o que se coñece como paleosolo, un substrato fosilizado que agora quedou á raxeira.

Localizáronse tamén no seu día restos de cerámica e dous punzóns. Ademais, na campaña de escavación dirixida por Rei apareceron tamén ósos de animais, concretamente de bóvidos, un suido (coñécese así á familia dos xabaríns), e un ovicáprido, ademais de vestixios de fauna salvaxe como unha foca monxe ou coellos. E, por suposto, detectouse unha gran presenza de cunchas, sobre todo de ostra, mexilón e lapa.

Vasixa cerámica reconstruída de varios
fragmentos aparecidos nas escavacións do Areoso (Foto: A Pedra do Encanto)

O lugar foi empregado como acubillo dos contrabandistas nos oitenta
Esa presenza humana que, permanente ou non, era intensa hai varios milenios, fíxose moi esporádica no século pasado. Esta soidade da illa foi aproveitada polos contrabandistas, que fixeron de Areoso un zulo no que acubillar a mercadoría coa que comerciaban. As goridas que substituíron ás dos mouros coparon, de forma moi especial, unha zona na que a illa forma unha lingua de area. Esta actividade, ademais de constituír un delito fiscal, tivo tamén consecuencias sobre o hábitat deste pequeno enclave. A presenza dos contrabandistas provocou unha gran degradación da contorna.

Avalancha de bañistas
Sobre ese dano acumúlase agora a forte presenza de bañistas que, nos meses de verán, aproveitan a beleza e o acceso exclusivo por mar desta paraxe para gozar do sol e a praia.


Estampa turística que se repite cada verán sobre o xácigo arqueolóxico

Algunhas compañías chegaron mesmo a programar visitas organizadas. Vendo o perigo que esta saturación provoca no delicado hábitat da illa, Concello da Illa e confraría reclamaron á Xunta a elaboración dunha normativa que impedise o libre acceso ao Areoso. José Manuel Rei, o arqueólogo que escavou a illa, propón que se limite a entrada como en Illas Atlánticas.


+INFO nos sitios:

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.