14/10/2011

Descrición do Reino da Sombra, por Manuel Rivas

El País
30/09/2011
Manuel Rivas

Hai quen pensa que en Galicia se están a facer estradas de máis. Disque temos xa, en escala, a rede de asfalto máis longa de Europa. Que en vez de seguir destripando montes, esfarelando prados e veigas, rilando fragas, o que cumpría agora era coidar, pintar e sinalizar as estradas que hai, moitas delas verdadeiros "corredores da morte". O caso é que pasamos de ser un país incomunicado a un país encrucillado: xa non sabemos por onde saír. Hai estradas que levan dun lugar a outro, mais a estrada principal de Galicia semella ser esa que leva a ningures. Vivimos o retorno ao dilema fatal: ou emigrar ou ir a ningures.

Entón, para que e por que máis estradas e vías rápidas? Por que a política de austeridade non atinxe nunca ao asfalto?

Ben. É hora de descubrir o segredo.

A verdadeira razón de que en Galicia se multipliquen as vías rápidas é para achar os castros sepultados. É por puro celtismo.

Escavacións na necrópole megalítica da Mourela no ano 2006

Os críticos din que os gobernantes estran asfalto porque non saben facer outra cousa. Que a imaxinación política maioritaria remata onde rematan o asfalto e os chamados "puntos de luz". Ah, esa marabillosa metáfora electoral, o poñer puntos de luz! Por non falar dos políganos, esa curiosa variedade de polígonos industriais que se caracterizan por non ter industrias.

Hai tamén malpensados que sinalan que é nese eido das grandes adxudicacións de obra pública onde máis se dan marxes ou "zonas de sombra" que os menos escrupulosos poden aproveitar para se beneficiar ou para o financiamento de campañas.

Nin unha cousa nin outra.

Facer unha vía rápida é o xeito máis rápido de atopar un castro descoñecido, de avanzar na pescuda arqueolóxica, e de inventariar por fin o noso patrimonio. Son moitos os exemplos de como funciona esta técnica futurista de profundar no pasado. Esta mesma semana tivemos exemplo de Taramancos. Alí, no emblemático lugar, moi perto do cemiterio onde xace Avilés de Taramancos, apareceu un castro ou cidadela. Mais non apareceu ao chou. O castro encontrouse porque se estaba a facer unha estrada. E por que se estaba a facer unha estrada? Pois para achar un castro.

Xa temos, pois, localizado un castro como o de Taramancos. Ou un Círculo Lítico, como o de A Mourela. Cal é o seguinte paso? Pois pór en marcha a maquinaria pesada e levalos por diante, esa pedagoxía da destrución. Agora xa todos sabemos onde había un castro e onde había un extraordinario círculo lítico. Agora xa podemos sinalizar na estrada ou na autovía ou na vía rápida: Aquí estaba o castro de Taramancos! Aquí existiu o Círculo Lítico de A Mourela!

Así, desaparece o patrimonio, mais increméntase a saudade. Ademais, se estamos a recortar todo, o lóxico é recortar os celtas, que non pagan impostos nin nada, e mesmo fanse pasar por mouros.

Calcúlase que en Galicia hai uns cinco mil castros, a maioría sen inventariar, sen sinalizar, sen estudar. Esa debería ser a primeira tarefa das administracións que se ocupan da cultura. Inventariar: saber o que hai, facer visíbel o patrimonio. Nesa ladaíña tiña moitas razón Chamoso Lamas. Imaxinemos o que sería para Galicia ter un mapa completo do universo castrexo e outro do románico, non illado, senón coroando a arquitectura popular. É moi difícil atopar mundo adiante unha densidade semellante no falar marabilloso da pedra. Tanta vontade de estilo, tanta sublime elevación cos pés na terra.
Esa é a nosa cidade cultural: Galicia enteira, en metamorfose histórica, atravesando o tempo, infinda, sorprendente. Que orzamento sería necesario para que na web da Xunta apareceran eses mapas, eses inventarios? E nada de ocultar. O xeito de protexer o patrimonio cultural é que estea a vista. Que sexa coñecido. Visitado. Non sabemos nada do que está a pasar en moitos lugares de clausura. Hai obras mestras, mesmo de pintores flamencos, que esvaeceron na estrada de ningures. Hai pías de Moraime, hai pezas de Compostela, que estaban, ou estiveron, vai ti saber, no pazo de Meirás.

Inventariar o país, o patrimonio común, a comezar polos bens de interese cultural, é o xeito tamén de facer as propias contas. De estabelecer o primeiro mapa, o imprescindíbel: o da honestidade.

Cinco mil castros! Antes da conquista do Imperio Romano, este sería un lugar ben interesante no mundo. Moi poboado. Feirante, festeiro e traballador. Todos os arqueólogos subliñan o achado de moitos utensilios de traballo e poucas armas (aínda que xa sabemos, na historia de Galicia, da dobre utilidade do fungueiro). Xente tamén cunha intensa vida espiritual, intimamente vinculada ao canto e á danza, e cunha noción moi aberta do sagrado. Non fai falta especular moito sobre iso. No palimpsesto do territorio, o mapa dos lugares santos cristiáns adoita estar calcado enriba dos sitios dos vellos cultos. E o que atravesa o tempo esa arela de preservar espazos singulares, onde a natureza fala e o pensamento escintila. Ser somos "o soño dunha sombra", que dicía Píndaro, e iso val para onte e para hoxe. A igual que un dos pensares que soan máis auténticos na boca de Aristóteles: "Conforme vou facéndome vello, cada vez creo máis nos mitos". E o noso gran mito é a Terra Nai. Talvez descoñecido pola xente máis moza e esquecido polos que o levaron baixo o brazo, caído no inferno da desmemoria, cómpre recuperar para o mellor canon o libro de Rof Carballo, así titulado e publicado por Galaxia por vez primeira en 1957: Mito e realidade da Terra Nai.

O territorio máis humano, a Terra Nai, é ese onde a realidade se entrelaza co mito. Mais agora todo se confunde. El que soñou coa autonomía galega, que pensaría o doutor Rof Carballo, sabio, ilustrado e humanista, se escoitase o último discurso do conselleiro de Ordenación do Territorio (é dicir, de Protección da Terra Nai)?

De aplicarse a todo o territorio e en todos os eidos, a argumentación dada por este membro do Goberno galego para xustificar a legalización das urbanizacións de Barreiros, no litoral da Mariña, chegariamos á conclusión de que a Galicia real é a Galicia non legal. A irregular. A ilegal. Nin o señor Hernández falaba de sobremesa cuns compadres nin eu estou a desordenar o seu discurso. O conselleiro falaba no Parlamento. E o que fixo foi estabelecer unha contraposición inédita no mundo da lóxica e, de paso, no estado de Dereito. Por unha banda, o urbanismo "real". Por outra, o urbanismo "academicista". Non se pensen que é un dilema artístico. Legalizar a desfeita de Barreiros, é dicir, o que perpetrou fóra da legalidade, sería un exemplo de realismo urbanístico. Facer cumprir as normas democráticas e garantir a igualdade ante a lei? Iso é un academicismo. O irreal. O legal.

Si, somos o soño dunha sombra. E vivimos na sombra dun soño.

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.