13/06/2009

A Fiscalía alerta da falta de protección do patrimonio histórico

La Voz de Galicia
13/06/2009
Galicia

O fiscal superior de Galiza, Carlos Varela García, alertou onte do serio perigo no que se atopa boa parte do patrimonio cultural de Galiza, polo que solicitou establecer un bo entendemento entre o ministerio público, a Xunta e os corpos de seguridade. No acto de clausura das Xornadas sobre Protección do Patrimonio Cultural e Arqueolóxico que se celebraron na Coruña, explicou que a desaparición do pergamino de entrega do Pazo de Meirás a Francisco Franco do arquivo da Deputación da Coruña evidencia a necesidade de protexer os bens culturais da comunidade.

Varela lembrou que no 2008 incoáronse en Galiza doce dilixencias preprocesais, houbo tres sentenzas condenatorias e 27 procedementos xudiciais por delitos contra o patrimonio histórico. «A Fiscalía da Coruña incoou dilixencias de oficio tras detectarse nos aeroportos galegos obras de arte falsas adquiridas por particulares a través de Internet a un proveedor de Arxentina», relatou o fiscal superior, quen recordou tamén a sustracción na Coruña dunha peza de bronce do século XVIII pertencente a un museo de Mongolia e que finalmente foi recuperada. Outro dos casos citados, xa do 2009, é o roubo da igrexa de Lesa (Coirós) dunha cruz de prata valorada en 22.000 euros, ou a desaparición dunha talla de madeira policromada en Baralla.

En relación co pergamino, Varela sinalou que «malia unha busca exhaustiva, aínda non foi atopado». Tamén precisou que as memorias das fiscalías provinciais reflicten feitos ilícitos relacionados «con actos depredatorios ou danosos sobre cruceiros e hórreos que teñen motivado a apertura de procedementos xudiciais que en moitos casos rematan en arquivo por falta do coñecemento dos seus autores».

Non entanto, ao seu xuízo «todo fai pensar que estes comportamentos realizados de feito sistemático teñen como destino final o mercado clandestino, nacional ou internacional, de obxectos de arte e antigüidades».

Detectores de metais
A Fiscalía tamén considera preocupante a utilización de detectores de metais para a localización de pezas arqueolóxicas polo perigo que representa para a integridade dos xacementos.

Ademais do valor económico das pezas sustraídas ou esnaquizadas, Varela García fixo especial fincapé no seu valor ideal ou cultural, que tamén debe ser considerado penalmente. Por iso, aproveitou o foro para facer un chamamento a todos os cidadáns a que denuncien os atentados contra o patrimonio. «Que sexan os seus cidadáns os que exerzan ou seu dereito a poñer en coñecemento da Administración e do Ministerio Fiscal toda conduta atentatoria contra os bens patrimoniais».

Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.