Continuando coa viaxe polo Norte de Portugal, preséntovos hoxe un irmao xemelgo das nosas pedras fitas. Tamén coñecido por Marco de Luzim atópase emprazado no lugar de Tapada de Sequeiros na pedanía de Luzim (Penafiel). Foi descuberto no ano 1888 tal e como figura na pasta de recebo adherida ao monumento.
Trátase dun bloque de granito alongado, implantado verticalmente no solo, de sección sub-pentagonal, con preto de 2,15 metros de altura sobre o chan.
Os menhires son monumentos megalíticos integrados nun fenómeno cultural que comeza a marcar a paisaxe europea a partir do V milenio a.C. e cuxa tipoloxía correspóndese cunha arquitectura monumental, caracterizada pola construción de estruturas con bloques pétreos de grande dimensión.
Na medida en que as antas ou dolmes constitúen monumentos funerarios, os menhires poderían sinalar lugares de reunión de comunidades prehistóricas afíns, proxectando tamén os seus ideais sagrados, dirixidos ao culto á fecundidade, marcada polo carácter fálico destes monolitos. Poden tamén ser interpretados como marcos de territorio ou como ponto de observación dos astros, conxugando aspectos intimamente ligados á exploración e fertilidade do solo, do que dependían cada vez máis estas sociedades, progresivamente sedentarias.
No caso concreto do menir de Luzim, a súa localización pode tamén estar asociada á proximidade da necrópole dolménica de Tapada de Sequeiros.
Ao pé do Marco de Luzim atópanse as Pegadinhas de San Gonçalo, cuxa datación cronolóxica abrangue os anos 1500-500 a.C.
Estes gravados revelan catro pedomorfos, orientados a Nacente-Poñente, articulados con cinco fosas ou coviñas, ademais dun motivo xeométrico en “T”, relacionado con outras dúas coviñas.
Non pode precisarse a súa datación, mais é xenericamente aceptado que este tipo de arte rupestre é máis recente que os monumentos megalíticos aos que se asocia, dende o III milenio a.C. até a Idade do Bronce. Durante este período comeza a abandoarse a construción dos grandes túmulos colectivos en favor de soterramentos individuais en cista, coincidindo cunha ampla e cotexada reutilización de dolmes, factor que poderá xustificar a presenza destes núcleos artísticos en áreas de necrópoles megalíticas.
Nenhum comentário:
Postar um comentário
Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.