27/09/2012

Posíbeis restos romanos en Cambre


As obras do campo da feira desvelan posibeis restos arqueolóxicos romanos 

La Opinion de La Coruña
Cambre, 17-9-2012
Marta Villar

Un arqueólogo e un técnico de Patrimonio apuntan esta orixe, a falta dunha análise en profundidade, tras ver a estrutura hidráulica pétrea achada baixo a praza de Cambre

O Concello realizou sete catas arqueolóxicas antes de iniciar as obras de reforma do campo da feira de Cambre e non atopou nada pero unha vez iniciada a escavación apareceron uns restos que segundo as primeiras valoracións dos expertos poderían ser romanos. Estes restos apareceron tras retirar o empedrado superficial e realizar a escavación do subsolo.

O arqueólogo contratado polo Concello para o control arqueolóxico, Anxo Concheiro, considera que poderían ser restos romanos aínda que engadiu que será necesario unha análise da estrutura das pedras achadas para confirmalo. A esta zona das obras tamén acudiu un arqueólogo da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta tras ser advertido polo Concello e que tamén apuntou que a primeira vista poderían ser restos romanos.

Este experto da Xunta tamén afirmou que este tipo de achados son comúns en zonas como Cambre nas que se constataron restos arqueolóxicos deste tipo. De feito, á beira deste lugar está a igrexa de Santa María, de fábrica romana. Tanto o arqueólogo de Patrimonio como Anxo Concheiro precisaron que existen moitos indicios históricos que fan pensar que había máis restos nesta contorna urbana. O municipio de Cambre conta de feito cun Museo Arqueolóxico que protexe os restos dunha vila romana.

Os técnicos que executan as obras de rexeneración do campo da feira (que inclúen a renovación das lousas, a reordenación da zona de aparcadoiro e a instalación dun parque infantil) aseguraron que a aparición destes restos non suporán unha demora na actuación posto que os labores de conservación e catalogación pódense realizar de forma simultánea aos traballos de reforma.

Estes técnicos tamén declaran que este achado non obriga a modificar o proxecto orixinal que foi aprobado precisamente por Patrimonio, posto que as obras non teñen impacto sobre estas pezas. O Executivo quere conservar "e mesmo potenciar" segundo o alcalde, estes restos polo que estuda a posibilidade de compatibilizar ambas as actuacións e aproveitar para colocar un cristal que deixe visible esta estrutura posiblemente romana.

O alcalde, Manuel Rivas, apuntou que se se confirma que son restos romanos "haberá que contemplar nos próximos orzamentos unha partida para darlles visibilidade".


Nenhum comentário:

Postar um comentário

Lembre que ao colocar un comentario nesta páxina asume a responsabilidade polo contido das súas opinións.